Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Acto de entrega dos Premios Minerva a unha ducia de estudiantes galegos

O catedrático Ramón Villares foi o mantedor desta edición e destacou o futuro que teñen por diante estos rapaces // Prol mencionou a calidade dos traballos

O Colexio M. Peleteiro acolleu onte a edición número 49 dos Premios Literarios Minerva. No salón de actos e coas medidas de seguridade oportunas, déronse cita membros directivos do centro e da organización do certame, o concelleiro de Educación de Santiago, Ruben Prol, os galardoados, familiares e unha pequena representación dos centros educativos premiados. O acto estivo presentado por un estudante de 2º de Bacharelato, quen deu a benvida e dirixiu a entrega de premios. O mantedor Ramón Villares, catedrático de Historia da USC e membro da Real Academia Galega, dedicou unhas palabras ó público.

Villares comezou a súa intervención lembrando a orixe do colexio Peleteiro como Academia Minerva e tamén falou da celebración das Festas Minervais “como o viveiro onde se creou unha xeración literaria”.

Non se esqueceu de Cunqueiro como referencia e amosou a súa satisfacción por “participar e así contribuír nunha festa da poesía e da literatura dedicada a propia deusa da sabedoría”.

Villares falou da educación experimental e interiorizada, non memorística. “Atreverse a saber e a aprender, a educación nos axuda a facer preguntas, como parte do proceso de formación integral do individuo”, dixo.

Tamén mencionou que nos traballos premiados atópanse tópicos como os de descubrir a vida, o amor, a vontade de construír o futuro. “E eu celebro que haxa esta emulsión poética nestas obras”.

Dirixíndose ós rapaces dixo que “é moi difícil saber o que un é con tan pouca experiencia, pero tedes esperanza e expectativas postas en que o futuro sexa distinto e sodes capaces de amosar a vosa experiencia. Anímovos a que esa experiencia se vaia convertendo nas expectativas que tedes, ata que se crucen”.

Finalmente, fixo referencia ó feito representativo da presenza de maioría de mulleres entre os gañadores: “As mulleres creadoras están construíndo un canon literario diferente, tendo nun pedestal a unha muller, Rosalía de Castro, emblema do sistema literario galego contemporáneo. Isto revela que a historia muda”, concluiu.

Os rapaces foron subindo ao estrado para recoller o seu diploma, premio económico e a medalla de prata. Ademais tiveron a oportunidade de amosar anacos da súa obra, cada un deles leu un pequeno fragmento elixido previamente, logo do que recibiran o recoñecemento do público. O acto rematou cunhas verbas do concelleiro de Educación, Mocidade e Políticas Lingüísticas de Santiago, Rubén Prol, quen destacou a importante contribución dos Premios Minerva as letras galegas e a calidade das obras dos premiados na edición deste ano, marcada pola crise do coronavirus

santiago@elcorreogallego.es

Galardoados

Categoría de narración Gañou Carmen González Fernández, de 17 anos, alumna de 2º de Bacharelato do Fraga do Eume de Pontedeume, por ‘Teatro de fume’. O segundo posto foi para Noelia Fernández Romero, de 16 anos, estudante de 1º de Bacharelato do Félix Muriel de Rianxo, pola súa obra ‘Quén vive no 4ªB?’ O terceiro lugar recaeu en Mariña Maceiras, de 16 anos, alumna de 4º de ESO do Sánchez Cantón de Pontevedra, por ‘Verde esperanza’. Houbo tres accésits. Un para Candela Graña, do M. Soliño de Cangas; outro para Alba Guzmán, do E. Blanco Amor de Ourense e outro para Katia Tojo, do Peleteiro.

Apartado de poesía Gañou Iria Pérez Álvarez, de 2º de Bacharelato no IES Plurilingüe de Ames, por ‘Triloxía utópica cuarentenaica’. O segundo premio foi para➢Paula Tubío Calvo, de 17 anos, de 2º de Bacharelato do Félix Muriel de Rianxo, por ‘Historias inéditas’. E o terceiro posto foi para Candela Martínez, de 16 anos, de 1º de Bacharelato no Lamas de Abade, por ‘Chuvia de luz’. Tamén houbo tres accésits para Alfredo J. Fernández, do S. Cantón de Pontevedra; Alba Comojo, do F. Muriel de Rianxo, e Irea Pérez Iglesias, do Primeiro de Marzo de Baiona.

15 abr 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito