Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
MÚSICA para a memoria. O artista cualifica de “fascinante” a entrada das voces brancas dende o Pórtico da Gloria // Hai agora tres anos “daquela noite gozosa” // Varias pezas icónicas de Rosalía de Castro e Federico García Lorca integraron o memorable recital TEXTO Manolo Fraga

Amancio Prada rememora o seu concerto na Catedral coa súa publicación na Rede

O 23 de outubro de 2017 asistimos a unha singular velada na Catedral. Con motivo do trixésimo aniversario da declaración do Camiño de Santiago como Primeiro Itinerario Cultural Europeo, Amancio Prada cantou na basílica compostelá por primeira vez na súa dilatada e frutífera traxectoria. O Cántico espiritual de San Juan de la Cruz, obra en nove movementos, e algunhas pezas icónicas de Rosalía de Castro e García Lorca, conformaron un programa que foi longamente ovacionado polo público asistente.

“Tiven o gusto de cantar en moitas catedrais de España”, explica o artista, “pero a de Santiago é única, porque forma parte da miña vida. Cantas veces entrei nela para quedar alí, absorto, mirando, pensando, e cantas veces recei e cantei alí en silencio”. Así mesmo, engade que “este concerto é a realización dun soño moito tempo soñado, sumándome ao coro de músicos anónimos do Pórtico da Gloria”. Isto declarou Prada nos vésperas daquel concerto “único e memorable”, tal como o cualificaron moitos dos asistentes.

O cantor e compositor, que abriu o recital interpretando Romance de don Gayferos coa zanfona, estivera acompañado polo violinista Juan Luis Gallego e o chelista Rafael Domínguez, así como pola Escolanía da propia basílica compostelá e os Nenos Cantores da Orquestra Sinfónica de Galicia, os dous coros dirixidos por José Luis Vázquez.

Agora publícase en Internet aquel acontecemento poético-musical a modo de “recoñecemento e agradecemento” do artista cara aos seus seguidores e ás institucións que fixeron posible o seu soño. Pódese ver no canle de Youtube do artista.

Amancio Prada escribiu no seu Facebook en referencia ás voces que o arrouparon: “Eles foron os protagonistas dun momento fascinante, cando empezaron a entoar Del Verbo Divino ao fondo do templo, e avanzaron cantando ata o altar maior... As súas voces semellaban descender do propio Pórtico da Gloria. Pois agora que se cumpren tres anos daquel concerto, quero compartir con vós a súa viva lembranza e a emoción daquela noite gozosa. Espero que vos guste”.

Nesta rede social, a entrada acumula 4.293 reaccións de agrado, 1.351veces compartida e 366 comentarios nos que predominan as felicitacións ao “mestre” e ponderacións do tipo “marabilloso, agasallo, espectacular, precioso, emotivo, súper, sublime...” e mesmo “un bálsamo para a alma”. Entre tanto, as visualizacións suman máis de 86.000. Cómpre repetir!

23 oct 2020 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito