Santiago
+15° C
Actualizado
viernes, 17 septiembre 2021
01:37
h
Festas. Malia as restricións, os actos programados puideron organizarse, aínda que o tradicional desfile foi substituído por dous pasarrúas // Pola tarde tivo lugar o concurso en Bonaval, que premia ás mellores vestimentas TEXTO Iago Salgado

Ambiente festivo nas rúas na celebración do Día do Traxe

Iago Salgado (texto) e Sabela Freire (vídeo). Este xa é o segundo ano no que as celebracións do Día do Traxe vense alteradas pola pandemia. Malia todo, a indumentaria tradicional típica da nosa terra puido lucir na súa xornada máis especial que cada ano se celebra no marco das festas do Apóstolo. Desde primeira hora puidéronse ver nas rúas do casco histórico a decenas de persoas portando a roupaxe típica galega. A maioría delas eran socios da Asociación Traxe Galego, que a partir das 11.30 participaron en dous pasarrúas, substitutos do tradicional desfile que polas restricións non se puido levar a cabo. Ao mediodía, a comitiva foi recibida en Raxoi por varios membros da Corporación.

Xa pola tarde, ás 16.00 horas, os participantes concentráronse en San Domingos de Bonaval, onde se celebrou o concurso de traxes. Nesta edición os galardoados co primeiro premio foron David Quiñones Vázquez na categoría masculina e Laura Barbazán na feminina. Tras o seu remate, desfilaron ata a Quintana, onde ás 20.00 horas puideron exhibir de novo as súas vestimentas e os gañadores recibiron os seus respectivos diplomas. O aforo era limitado e os convites estaban agotados, mostra do apoio que a xente brinda cada ano ao certame.

A Asociación Traxe Galego homenaxea cada ano a algunha persoa ou institución que vele polo espallamento da indumentaria tradicional. Nesta XLII edición, as protagonistas foron dúas socias de honra da agrupación, Ángeles Corollo Mansilla e Lourdes Chorén Sanmartín.

Para os membros da asociación o de onte foi un dos días máis importantes do ano, e a ameaza da eterna pandemia non logrou frustrar os actos conmemorativos. Pilar Astray, a súa presidenta, celebra a xornada e a súa función principal, que non é outra que a de “reivindicar que o traxe forma parte da nosa cultura”, nas súas palabras. E máis tendo en conta que este ano era o ‘regreso’ da celebración tralo 2020, única edición en máis de corenta anos que non se puido celebrar. Os actos pecháronse cunha emotiva interpretación do himno galego.

O broche da xornada púxoo Eva Soriano, que arrincou gargalladas na Quintana cos seus monólogos.

En total, trece premiados

• 1º premio (categoría masculina): David Quiñones Vázquez.

• 1º premio (categoría feminina): Irene Estévez Castro.

• 2º premio (categoría masculina): Roberto Carbarcos Silveiro.

• 2º premio (categoría feminina): Panoseagui-Nuria Gesteira Iglesias.

• Premio especial á mellor peza antiga solta: Obdulia Mata Bonome.

• Premio traxe antigo completo (categoría feminina): Mª Dolores Quintáns Sieira.

• Premio especial grupo: Asociación Sete Espadelas.

• Premios Placas conmemorativas: Alex Rivas Muíño e Sofía Vallejo Otero.

• 2º premio e placa conmemorativa: Fernando Bua Domínguez.

28 jul 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito