Santiago
+15° C
Actualizado
miércoles, 14 abril 2021
01:23
h

Apoio maioritario dun 85 % para derrubar a Casa da Xuventude

A enquisa deste xornal non deixa lugar a dúbidas sobre as preferencias dos cidadáns // Gaña por goleada a opción para reconverter o espazo coa apertura dun acceso a Belvís

¿Prefires que sexa derrubada ou que se conserve? Esta foi a pregunta principal lanzada aos lectores de EL CORREO sobre o futuro da Casa da Xuventude, un espazo que segue a xerar polémica cada certo tempo. Despois da petición iniciada por un veciño do Matadoiro, asinada xa por máis de 300 persoas, e da opinión a pé de rúa dos veciños, os lectores tamén son partidarios da vía rápida. Tamén os seguidores das redes sociais apoian maioritariamente esta opción.

Entre os máis de trescentos participantes nunha enquisa realizada a través de elcorreogallego.es, case o 85 % do total decantáronse pola opción de derrubar este espazo, ao que se suma un 5 % que ten as súas reservas, fronte ao resto partidario de conservar a famosa casa rosa. Cabe destacar que entre os participantes, dos que máis do 60 % foron homes, predomina o grupo de idade entre os 19 e os 45 anos. Un dato que reflicte que tamén hai partidarios de derrubar a Casa entre a poboación moza. Outra das respostas na que hai un amplo consenso é na cuestión relacionada coa estética do edificio, a cal non convence a un 96 % dos que responderon. A pintura do edificio está desgastada polo efecto do tempo e polo clima, e que a fachada precisaría dalgúns arranxos para os desperfectos.

ACCESO A BELVÍS, CENTRO SOCIAL OU TELEFÉRICO. Tras os sucesivos proxectos para abrir o acceso a Belvís, as persoas que responderon á enquisa deste xornal e que se mostraron partidarias de derrubar a Casa inclináronse por reconverter o espazo nun acceso ao parque. Neste sentido, hai máis dun centenar de respostas enfocadas a este uso. Tamén hai unha vintena de persoas que, sen mencionar o parque, se mostran partidarias de ter nese lugar unha nova zona verde con hortas urbanas. Outras das respostas máis repetidas é tamén unha vella coñecida: aproveitar o terreo para a instalación dun teleférico. Precisamente, os últimos en recordar esta posibilidade foron os representantes socialistas, en 2014 e da man do seu entón portavoz, Paco Reyes. Unha idea que se orixinou nun proxecto presentado en 2010 pola Xunta para conectar a Cidade da Cultura co resto da capital galega vía teleférico, coa predisposición de Raxoi de ceder o terreo que agora ocupa o edificio de Xuventude.

O resto de propostas sobre o uso do espazo que quedaría libre se a Casa se tira abaixo son máis diversas e confrontan de certa forma con instalacións similares xa existentes na cidade. Así, son varios os que construirían un centro de maiores, se ben a uns metros se pode atopar a residencia Porta do Camiño. Outras das propostas pasan por un albergue para os peregrinos -dos que a cidade conta con oferta suficiente- ou bibliotecas -unha proposta moi repetida malia ser esa unha zona na que se atopan moi preto as bibliotecas universitarias así como outras como a Ánxel Casal-. Os partidarios desta vía xustifícanse en que as actuais bibliotecas acostuman a estar colapsadas. Un centro de acollida para persoas sen teito, unha gardería ou un centro de acollida de animais son outras das propostas.

REVITALIZAR O EDIFICIO ACTUAL. Do 10 % de participantes que se mostraron partidarios de conservar o edificio, destacan os que aproveitarían o espazo para uso veciñal e social: “Espazo sociocultural con obradoiros, salas de ensaio e de exposicións. Santiago debería ter un lugar onde crear de maneira conxunta e formar sinerxias aínda que os eidos nos que se traballe sexan diferentes. Un lugar de encontro onde se facilite un nexo entre os diferentes traballos. Un achegamento á cidadanía do valor cultural dos veciños”, pide unha das persoas que respondeu á enquisa. Así, para revitalizar o edificio converteríano en sede de asociacións veciñais, nun espazo de coworking ou en centro turístico.

O PP non puido concluír a súa proposta de proxecto de demolición
Neste momento Raxoi non o ve como unha prioridade, polo que seguirá á espera

Santiago. A idea de que o edificio da Casa da Xuventude quede reducido a escombros non é nova. O último representante político en solicitar que se tire abaixo foi o presidente dos populares composteláns, Borja Verea, que esta mesma semana se comprometeu a rescatar o proxecto se o PP chega a recuperar a alcaldía da capital galega nun futuro. Mais antes de Verea, houbo outros partidarios.

En 2011, a corporación municipal votou en pleno a proposta para conectar o parque de Belvís coa Porta do Camiño mediante o derrubo do edificio que alberga a Casa da Xuventude. A proposición fora posta sobre a mesa polo grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego e aprobada por unanimidade polos tres grupos, incluído o PSOE, actual partido de goberno. Nese momento, o alcalde da cidade era Xerardo Conde Roa, quen en declaracións a EL CORREO se mostraba totalmente convencido de cal sería a saída para o edificio: “Se va a tirar. Eso requiere la elaboración de un proyecto, necesitamos tiempo, porque aún acabamos de aterrizar en el Ayuntamiento, pero se va a tirar”, e engadía que a decisión xa estaba tomada. De feito, chegou a comunicarse que xa estaba encargado o proxecto de demolición, ao cal Conde Rosa se referiu nese momento como “caro”.

Evidentemente, o proxecto de demolición nunca chegou a materializarse, se ben o seguinte alcalde, Ángel Currás, recuperou a idea cando a Xunta anunciou o traslado dos servizos de Xuventude. Currás tamén opinou sobre a estética do edificio, cualificándoo de horrendo e aproveitou o traspaso das actividades á sede de Xuventude na rúa Ramón Piñeiro en 2015 para falar de novo da idea de abrir un paso e un miradoiro ao parque. De novo, todo quedou estancado.

O único partido que nunca se mostrou a favor da demolición foi Compostela Aberta, agrupación que durante o seu mandato intentou facer cambios con diferentes actividades, o cal tampouco conseguiu manterse no tempo. Neste momento, a corporación municipal preferiu non pronunciarse demasiado sobre o tema. O único que se coñece da súa postura actual é que, debido á pandemia sanitaria, non considera que sexa unha prioridade.

Datos
Máis de 300 respostas

··· Foron 312 as persoas que responderon a enquisa realizada na web deste xornal. O perfil maioritario foi o de homes de entre 19 e 45 anos (47,1 %). O seguinte grupo de idade corresponde aos lectores entre 46 a 65 anos (39,1 %); máis de 65 anos (13,1 %) e unha ínfima representación de menores de 19 (0,6 %).

··· Ademais das tan representativas gráficas sobre a opinión de derrubala ou conservala, e sobre a súa estética, destaca unha terceira gráfica acerca de realizar na Casa un lavado de cara. Así, hai un 84,6 % de persoas a favor de derrubala e, entre o 10,6 % partidario de conservala, case un 90 % dos que se decantan por esa vía se mostran partidarios de mellorar o aspecto que presenta na actualidade.

08 abr 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito