Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Arranca a terceira edición da festa do tradicional Banquete de Conxo

O barrio recupera tres días de troula nos que se rememora a reunión na carballeira de 1856 // Música, xogos, poesía, baile e o brinde forman parte do amplo programa

Deixada atrás as restricións da pandemia, o barrio de Conxo recupera a Festa do Banquete, unha celebración tradicional, que cumpre a súa terceira edición, na que se conmemora a reunión democrática celebrada na Carballeira en 1856. Vestidos de época e cunha programación moi variada, o bosque compostelán agarda tres xornadas de moita troula.

As activades comezarán hoxe, ás 11.00 horas, coa representación teatral de O Pequeno Banquete, a cargo de Os Quinquilláns e o alumnado dos centros CEIP Quiroga Palacios, IES Arcebispo Xelmírez II e CPR Santa Apolonia, para un total de 450 estudantes. Trala peza terá lugar o concerto da cantante galega Wöyza.

Xa pola tarde, celebrarase a xincana familiar Coñéceo máis polo Bosque do Banquete de Conxo. Do mesmo xeito, dentro das temáticas variadas desta cita, impartiranse dous obradoiros, un adicado ao baile tradicional e outro aos Cantos de Taberna, cun posterior percorrido que se iniciará no Hospital Psiquiátrico e continuará polos bares do barrio, no cal participarán Muiñeiros do Sarela, Son de gaita, Can de ghaiteiro e Esfolladores de Illobre.

Tras esta primeira gran xornada, mañá, a partir das 10.00, proponse unha actividade inmersiva, baixo o título Baños do Bosque, para coñecer máis en profundidade a contorna onde se desenvolveu o Banquete.

A continuación, ás 12.00 e 12.30 horas, respectivamente, Quique Alvarellos e Susana Domínguez guiarán dous roteiros sobre a historia do Banquete de Conxo, con posibilidade de seguilo en galego, castelán ou inglés.

Xa na sesión vespertina, o Centro Sociocultural Aurelio Aguirre acollerá a mesa redonda A guerra en Ucraína e a paz, conducida pola xornalista Nuria López, na que intervirán Miguel Cabo Villaverde, profesor de Historia Contemporánea da USC, Marcos Márquez, analista internacional, e representantes de AGA Ucraína e a Plataforma Galiza Pola Paz.

O día completarase cun Concerto da Coral do Psiquiátrico xunto coa Coral Amigos do Castiñeiriño, o Coro de Habaneras Rocha Forte e o Coro Crecente na Escalinata do Hospital Psiquiátrico, ás 19.00, deixando para o peche a Festa da Poesía, a partir das 20.30 horas, que será conducida por Marga Tojo e contará coa participación musical de Bratzantifa, Hugo Guezeta, Su Garrido Pombo e as poetas Nuria Vil, Carlos da Aira, Mariña Maceiras.

XORNADA GRANDE. Xa o domingo, data principal da romaría tradicional, os eventos arrancarán co desfile teatral Alá van estudantes e artesáns, cun percorrido dende a praza do Toural, dirixido polo grupo Os Quinquilláns e que contará coa participación das agrupacións de Vite, de Mediogüevo-Cavort, do IES Xelmírez I, do IES Brión, da Rocha, Elisa Barreiro e Moncho Budiño, Centro do Romaño, Luis Caruncho, Fundación Pondal de Ponteceso, Grupo Inllar, Eva Armental e Dulcinea López.

Este acto conmemorativo dará paso a lectura do pregón, ás 12.30, a cargo de María Dolores Domínguez Santos (Madó) do Castiñeiriño e Iria Portos Conde de Laraño, na praza de Conxo. Dende alí, baixarase á Carballeira para seguir coa procesión, coa música de Os Fondaos do Pífaro e diversos colectivos.

Xa no bosque, a Banda Municipal de Música de Santiago realizará un concerto ás 13.30, ao que seguirá unha representación do histórico encontro. Seguidamente, continuarán os festexos co xantar, con con brindes de veciñas e veciños.

Pola tarde, dende as 17.00 horas, desenvolverase o Serán da Fraternidade, no que haberá unha foliada de música tradicional con Os Fondaos do Pífaro e Muiñeiros do Sarela, entre outras agrupacións presentes. Por último, a partir das 19.30, como colofón ás tres xornadas festivas, Os Quinquilláns realizará un discurso convidando a todos á seguinte edición, pasando a quenda ao escritor compostelán Suso de Toro, quen se encargará de levar a cabo o pregón de peche.

mercado do libro e da artesanía

··· Unha das novidades desta terceira edición será o Tren do Banquete de Conxo (sábado e domingo), un convoi turístico gratuíto, dende a Alameda, co que se poderá desfrutar dun percorrido especial ata a Carballeira. Estará decorado para o ocasión con motivos da Festa.

··· Dende o Concello infórmase que durante a fin de semana a rúa de Campo de Conxo estará cortada ao tráfico. Ademais, invítase a acudir á celebración empregando o tren, o autobús urbano (liñas L5 ou C2) ou deixando o coche nos aparcadoiros próximos ao Banquete.

tren de balde dende a alameda
20 may 2022 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.