Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
Santiago. O barrio de Pontepedriña acolle o mural da artista Lily Brick, unha homenaxe ás mulleres ‘inspiradoras’ que habitaron a zona e a súa loita// A acción enmárcase dentro do Delas Fest, o primeiro festival feminista de arte urbana en toda Europa, organizado por 7H Cooperativa Cultural TEXTO Xiana Fole

Arte urbana e feminista a pé de rúa

Delas Fest é un festival europeo de arte urbana e contextual que reivindica a expresión artística na rúa como ferramenta de combate social. Composto exclusivamente por nomes femininos, esta acción con perspectiva de xénero achega a arte urbana á comarca de Santiago, enchendo de cor muros e edificios.

No marco do festival, os polígonos de vivendas Compostela e Cardeal Quiroga Palacios está vivindo unha revolución de cor nas súas infraestruturas: murais de grandes dimensións invaden as súas rúas, enchéndoas de arte feminista. Nesta ocasión, o barrio de Pontepedriña é o escollido para a realización do proxecto, impulsado por 7H Cooperativa Cultural e xunto co apoio da Deputación da Coruña, os concellos de Santiago, Ames, Teo e Brión; as empresas Montana Colors, Ibersa, Gadis, E.nova Enerxía e a Fundación Finanzas Éticas.

Lily Brick é a artista encargada de transformar o rostro do barrio a través dunha intervención de gran formato con spray, inspirada nas mulleres do barrio. Trátase de Mireia Serra y Bernadó (1990), unha artista visual ilerdense que adoptou o seu seudónimo en homenaxe á rusa Lilia Brick e que, tras estudar deseño gráfico, adícase a ‘arte de rúa’.

Brick crea murais de gran formato con pintura spray e, maioritariamente, en espazos rurais. Pinta mulleres xigantes, roibas, de mirada profunda. Para o seu mural en Compostela inspirouse nas historias compartidas pola veciñanza da zona implicada na convocatoria Anfitriónate, lanzada pola organización co obxectivo de fomentar os vínculos e diálogos creativos entre as intervencións artísticas e a comunidade local na que se desenvolven.

A artista urbana fíxose coas anécdotas e vivencias narradas polas participantes (coas que se reuniu tanto virtual como presencialmente) e, a partir deste material, construíu un relato visual que reivindica a memoria de loita das “mulleres fortes e inspiradoras” do barrio. Trátanse de mulleres de tradición obreira popular, encargadas de soster a economía familiar e cumprir co rol tradicional de coidar da familia e criar ás crianzas.

Aparece tamén na pintura o elemento do río Sar, cun profundo carácter identitario e, noutrora, motor económico da zona e espazo de achegamento entre as mulleres que habitaban o lugar, as verdadeiras e únicas protagonistas do mural.

Esta é a terceira edición do festival urbano, que en anos anteriores interviu no Pavillón Polideportivo de Calo (Teo), na Casa da Cultura do Milladoiro (Ames) ou no Complexo Deportivo de Santa Isabel (Santiago), grazas á participación de artistas como Lidia Cao, Xoana Almar, Fitz Licuado ou Susana Blasco, que tamén repite nesta ocasión.

Ademais, o festival (que rematará este domingo) conta con actividades e mesas redondas en torno ao concepto de creación colectiva. Foi o caso do taller de perfeccionamento a spray que tivo lugar en Teo, impartido pola artista Sax. Esta fin de semana, o complexo Deportivo de Santa Isabel acollerá á coñecida ilustradora, deseñadora e muralista Iria Prol, que porá o broche final ás semanas de festival cun obradoiro de pintura mural para artistas, que se desenvolverá de xeito gratuíto -previa inscrición- nas tardes do sábado 24 e domingo 25 de xullo.

Xunto con Lily Brick, tamén participaron nesta terceira edición a colaxista e deseñadora gráfica Susana Blasco, deixando un espectacular mural-collage en Brión; a muralista catalá Marina Capdevila, que foi recibida no concello de Teo; e a artista visual Doa Ocampo (Doa oa), creadora de todo un mundo vexetal nas paredes de Ames.

Quedarán nas paredes de Santiago vestixios de cor desta iniciativa, a primeira en toda Europa en por en valor a arte urbana dende unha óptica feminista, e facéndoo, ademais, para conectar coas mulleres obreiras, en ocasións tan esquecidas pola cidade e polos seus habitantes.

22 jul 2021 / 15:03
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.