Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

As familias de Down Galicia únense arredor do Camiño de Santiago

Máis de 50 persoas realizaron unha etapa da Ruta Inglesa entre as localidades de Ferrol e Neda, ao abeiro do programa “O Teu Xacobeo”, da Xunta

Ferrol. Co obxectivo de unir ás persoas usuarias e ás súas familias en torno á beleza do Camiño de Santiago, a Federación Down Galicia organizou este sábado unha andaina entre as localidades de Ferrol e Neda, na que persoas vencelladas á entidade local Teima Down Ferrol compartiron momentos de intercambio, de aprendizaxe e de lecer. Esta etapa do Camiño Inglés, conducida por dous guías expertos e adaptada a unha linguaxe máis sinxela para facilitar a comprensión das persoas participantes coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais, ofreceu información sobre patrimonio, localidades, riqueza paisaxística, flora e fauna, entre outras.

Para dar comezo a esta xornada, Patricia Serantes, presidenta de Teima Down Ferrol; Delmiro Prieto, presidente de Down Galicia, e Gonzalo Trenor, delegado territorial da Xunta de Galicia na Coruña, quixeron animar ás 53 persoas participantes e destacar a importancia da iniciativa “O Teu Xacobeo”. Na primeira das intervencións, Serantes quixo destacar que o que se busca desde as entidades Down de Galicia é que as persoas usuarias “estean nos lugares nos que está todo o mundo” e quixo dar as grazas á Xunta “polo apoio a este proxecto”.

Pola súa banda, Delmiro Prieto González, presidente de Down Galicia, destacou que “este tipo de iniciativas son moi necesarias, pois poñen en valor a diversidade social e cultural existente en Galicia”. Así mesmo, Prieto quixo unir o Camiño de Santiago co camiño percorrido polas entidades Down recalcando que “a senda da inclusión é a que non se debe deter nunca” e agradeceu o apoio da administración autonómica durante este tempo. Por último, Trenor agradeceu “todo o traballo que están a facer Down Galicia e as súas entidades” e destacou o éxito deste ano Xacobeo. Ademais, quixo resaltar a importancia do programa “O Teu Xacobeo”, que “permite que este evento faga partícipes a moitísimas persoas e entidades e non quede unicamente nunha cuestión de promoción desde a administración”. O vindeiro sábado 25 de setembro, a Federación organiza unha segunda camiñada, esta vez co Camiño Portugués como escenario.

O Camiño do Movemento Down

Estas dúas actividades enmárcanse no proxecto “O Camiño do Movemento Down”, que tanto a Federación como as súas entidades quixeron levar a cabo neste Ano Santo ao abeiro do programa “O Teu Xacobeo” da Xunta de Galicia. Esta iniciativa creouse para ofrecer ás persoas vencelladas á Federación e ás entidades Down en Galicia un espazo de encontro e participación no que compartir inquedanzas e experiencias en torno ás persoas coa síndrome de Down e discapacidade intelectual e ás súas familias, así como aumentar o sentimento de unión e de pertenza ao movemento asociativo desta discapacidade en Galicia. Á súa vez, búscase que as persoas participantes gocen das rutas de diferentes Camiños de Santiago, aprendendo e desfrutando do patrimonio existente e da natureza que o envolve. Inicialmente, este proxecto estaba distribuído en dúas fases, con 14 etapas intermedias durante os meses de verán e cunha etapa final de encontro entre tódalas persoas participantes que tivo que ser cancelada por mor da crise sanitaria derivada da pandemia da COVID-19.

11 sep 2021 / 12:27
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.