Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

As figuras do Monte Viso ‘cobran’ vida grazas ao 3D

Os nenos que suban este sábado ao Viso terán premio: unha camiseta con realidade aumentada do Rei Breogán // Novidades: unhas cartas para interactuar co móbil permiten visionar as figuras mitolóxicas en realidade aumentada cunha app, que inclúe un xogo de misterios

O éxito da senda mitolóxica do Monte Viso levou ao Concello de Santiago a intentar mellorar a experiencia de todos os que se acheguen a observar de cerca as figuras mitolóxicas alí presentes. A principal novidade, ademais dunha nova inclusión á ruta, é unha aplicación chamada O Misterio do Monte Viso. Grazas a ela, pódese vivir unha experiencia de xogo a través de pistas sobre os diferentes personaxes mitolóxicos, as cales permiten resolver ese misterio. Con esta iniciativa, preténdese que a cidadanía, e especialmente os nenos e nenas, poida gozar dun lugar singular e de gran valor ecolóxico. O misterio ten que resolverse para salvar ao rei Breogán, unha das figuras con máis relevancia histórica pola súa importancia para Galicia, da estraña criatura que o ten retido. Para conseguilo, os xogadores teñen primeiro que interactuar co resto de figuras e deixar a Breogán para o final. Como interactuar? A través de adiviñas que formularán cada unha das figuras ao longo do percorrido. Para iso, haberá que levar o teléfono na man para poder escanear os códigos QR e obter as diferentes preguntas. E, ante as posibles dúbidas que poden xurdir ao longo do percorrido, poderase solicitar unha pequena axuda grazas ás diferentes pistas. “Acode só ao rei Breogán cando esteas seguro de poder resolver o misterio”, explícase nas instrucións do xogo.

Pero a experiencia non remata aí. A aplicación, cuxo desenvolvemento se realizou con medios exclusivamente municipais a través do Obradoiro de Emprego Santiago Sustentable II, proporciona información in situ a través do teléfono e ofrece contidos multimedia desta zona tan visitada, sobre todo durante as fins de semana, por familias e persoas chegadas de toda a comarca. E, a maiores, para os nenos e nenas que suban este sábado ao Monte Viso haberá premio: unha camiseta con realidade aumentada do Rei Breogán.

Coincidindo co seu lanzamento, o Concello tamén difundirá entre os escolares do municipio o Xogo de cartas en realidade aumentada, que permitirá ver como as figuras da Senda Mitolóxica cobran vida en tres dimensións. Para poder apreciar o efecto, primeiro hai que descargar a aplicación e despois enfócase a carta desexada. A propia pantalla do dispositivo móbil, onde se visualiza o xogo, fusiona as dúas realidades, aumentando as posibilidades dun mundo real, ata o de agora máis limitado.

NOVA FIGURA. O Urco é a nova incorporación nas criaturas do monte Viso, un can enorme de pelaxe negra con grandes e longas orellas, afiados cornos e feros ollos vermellos. Este can enorme súmase aos mouros e mouras, ao Nubeiro, Tardo, Lamia, Gatipedro, rei Breogán, Coca, meiga e biosbardos. Cabe recordar que varios deles tiveron xa que pasar polo taller, algúns por actos vandálicos, coma no caso de Breogán e da Coca, unha das figuras máis visitadas polas vistas que ten detrás e pola súa dimensión. A Coca é un animal monstruoso con corpo de dragón, ás semellantes a un morcego e grandes dentes que xorde do mar para raptar ás mozas máis fermosas de Redondela.

Tanto a realización das figuras como a súa reparación é realizada polo artista local José Manuel Méndez. El mesmo explicou que se baralla cambiar os materiais cos que están realizados as figuras, xa que “se hicieron en poliéster con estructuras de hierro en su interior, a modo de esqueleto, porque iban a estar colocadas solo de forma temporal. Pero visto lo visto, yo he sugerido a los del Concello pasarlas a otros materiales más resistentes y duraderos, como la resina, o mismo fundirlas en hierro, para evitar su deterioro y tratar de minimizar los actos de vandalismo”. Todo para desfrutar ao máximo unha ruta pola natureza que permite divisar Compostela desde un cumio de 397 metros de altitude. Os que cheguen ata alí, poderán observar o Pico Sacro, o val do río Ulla, o Monte do Gozo, o Monte Pedroso, o Gaiás coa Cidade da Cultura e, por suposto, a cidade de Compostela coas torres da Catedral.

18 jun 2021 / 14:58
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.