Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
ENTREVISTA
José Manuel Ortigueira Bobillo. Director da exposición ‘Camiño de Inverno. De Ponferrada a Compostela’

“As heroínas e os anfitrións desta mostra son as persoas que traballan no desenvolvemento do Camiño”

Quen non fixo aínda o Camiño de Inverno pode facerse unha idea de como é con este proxecto social e expositivo, José Manuel?

O panel central da exposición consiste nun mapa que recolle todos os recursos patrimoniais e as persoas retratadas. O que buscamos é un formato que sexa intuitivo e fácil de comprender.

Como naceu esta idea?

O antecedente está na realización do Camiño de Inverno por parte duns sendeiristas pioneiros de Alumni USC no ano 2016. A Asociación de Antigos Alumnos da USC presentou un proxecto ás axudas do Xacobeo 21 para ver se tiña unha boa acollida e recibía unha subvención. E así foi.

Vostede di que esta mostra componse dunhas cincuenta imaxes “representativas das heroínas e anfitrións do Camiño, acompañadas de lugares emblemáticos”. A que heroínas e anfitrións refírese?

Estas persoas son as que traballan no desenvolvemento do Camiño e na atención aos peregrinos. Son xestores de hoteis ou albergues, responsables das asociacións do camiño, relixiosos, guías dos museos, artistas, produtores de aceite, comunicadores e, en xeral, unha serie de persoas moi implicadas no desenvolvemento endóxeno.

Senten desde Alumni que o Camiño de Inverno hai que potencialo máis e mellor? De todos modos, non me negará que é moi duro facelo...

Que os camiños sexan duros non é malo, deben ter terra, area, barro... É o natural. Desde o punto de vista persoal, supoñen un esforzo pero teñen unha recompensa. O club de sendeirismo de Alumni xa fixo todos os camiños no seu percorrido galego; incluso o de Martín Sarmiento pola costa e o fermosísimo Camiño dos Faros. A Asociación está totalmente volcada co Camiño de Inverno.

Ademais, a exposición conta con fotografías de participantes de Alumni USC nesta peregrinación a Compostela.

Temos un panel específico con fotografías realizadas polos sendeiristas, nas edicións de 2016 e 2019-2020.

Imaxino que non foi doado facer realidade este proxecto... e coa pandemia polo medio...

Este un proxecto de natureza público-privada. No financiamento colaboraron Oca Hotels e o Consello Social da Universidade de Santiago. Quero destacar tamén a participación do Ecomuseo Pazo de Arxeriz e o Museo Etnográfico Municipal de Quiroga. O traballo de investigación e produción rematouse en xaneiro de 2020, sen contratempos. Incluso fixemos un catálogo que recolle o esencial da exposición e unhas colaboracións literarias.

Pode verse no hotel Oca Puerta del Camino de Santiago... Pero despois... estas fotos farán o Camino á inversa, ata Ponferrada?

Abriuse a primeira exposición no hotel Oca Puerta del Camino o 29 de febreiro e pouco tempo despois houbo que pechala. En xullo e agosto, estivo na Casa da Cultura de Monforte. E agora, está de novo no hotel Oca Puerta del Camino, ata fin de ano. Veremos como se porta 2021.

E mañá estarei no Casino compostelán, que preside Ubaldo Rueda, dentro das Xornadas Xacobeas. Comparirei espazo co comisario da mostra e con Víctor Vázquez-Portomeñe.

¿Estará dispoñible en liña?

Na web de Alumni USC hai información da exposición e concretamente pode descargarse o catálogo en pdf.

Volvendo a Alumni USC, ¿pensan en algunha outra actividade que poidan facer máis adiante?

A asociación realiza múltiples actividades culturais, un premio de relato curto, conferencias e xornadas, visitas a empresas, obradoiros. O club de sendeirismo continuará percorrendo camiños e sendas, porque son persoas moi entusiastas e interesadas no coñecemento do territorio. Desde aquí fago un chamamento a todas as empresas que queiran colaborar con Alumni USC, pode ser una vía ideal de conexión coa sociedade. En nome de todos os compañeiros sendeiristas, quero ter un recordo especial para a familia de José Antonio Cajaraville, que nos deixou recentemente e formaba parte do noso club de sendeirismo.

05 dic 2020 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.