Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

As primeiras luces de Compostela

Poida que o pobo galego sexa un pobo de costumes colectivos, no senso en que cada cousa que fai o veciño remata por estenderse como unha moda. Exemplo diso foron as lareiras que deron paso as cociñas de ferro e permitiron sentarse ao seu arredor na busca da calor, ou as canterías caleadas que logo volveron a espir a pedra, ou as boinas e panos da cabeza. Supoño que todos os pobos actúan como grupo identitario. Agora mesmo, no rural non hai eiras abertas como antes, e cada casa ten o seu portal e peche perimetral, agardando a que un veciño prema o timbre como na cidade. Poida que a todo iso lle chamemos progreso. Pois, houbo un tempo en que as primeiras empresas privadas que traballaron para os concellos, a carón da primeira revolución industrial, tiñan a obriga de asinar unha cláusula de progreso, pola cal estaban suxeitas por contrato a que, se aparecese unha nova fonte enerxética máis avanzada, como no caso concreto do alumeado público, a empresa concesionaria tiña que aplicala coa correspondente indemnización.

A revolución do carbón supuxo para este eido do alumeado, como para outros moitos máis, o maior cambio que experimentou a humanidade desde o Neolítico. Atrás quedaron séculos e séculos de fachos e candeas, que deron máis sombras que luz na noite dos tempos. En palabras do historiador e investigador compostelán José A. Tojo, no seu libro El alumbrado Público en Santiago. Una historia de luces y sombras..., os primeiros farois de aceite, feitos de latón e ferro, colocáronse en 1809, pero estendéronse en 1822. A mediados de século, o número de farois de aceite na cidade rondaba os cincocentos. A finais dos 60 foise substituíndo o aceite polo petróleo, e entrada a década dos 70 polo gas de alumeado. Antes do século XIX, a única luz nas rúas proviña duns homes, os coquíns ou mullidores, que dependían da Universidade e do Concello e que percorrían as beirarrúas compostelás cun facho prendido e cunha campaíña, como se de fareiros ambulantes se tratasen. Logo, o gas de alumeado libraría unha dura batalla coa electricidade nos albores da segunda revolución industrial, na última parte do s. XIX, dando o seu brazo a torcer durante a Gran Guerra, porque a hulla británica deixaría de fluír e os outros carbóns non rendían para a fabricación de gas para o alumeado. Pero vaiamos por partes:

A primeira fábrica de gas para alumear as cidades rexístrase en Inglaterra alá polo ano 1807. París (1819), Berlín (1824), mentres as capitais e cidades do sur de Europa agardarán á década de 1840. As cidades da periferia, como as galegas, atrasaron un pouco máis, ata os anos 70-80 do s. XIX, a excepción da Coruña (1855). Entre as razóns estaba a materia prima. Irlanda tivo alumeado público por gas, a primeiros de 1820. As vilas esperaban a ser escollidas pola inversión estranxeira. Foron compañías de capital inglés, francés e belga, principalmente, as que dispoñían da tecnoloxía e das canles de distribución. Así, as cidades portuarias foron as máis apetecibles para o capital foráneo. A Coruña e Vigo foron xestionadas por compañías francesas, Ferrol por unha catalá e Santiago por unha asturiana. A dispoñibilidade ao carbón de alta calidade era primordial. As cláusulas de seguridade obrigaban a que as fábricas tiñan que situarse nos arrabaldes da cidade, a uns trescentos metros de calquera vivenda habitada, dispostas de pararraios e almacéns incombustibles para o almacenamento do carbón. A empresa Menéndez Valdés e Compañía obtivo en 1872 a concesión compostelán, sen poxa previa. O emprazamento escollido para a fábrica foi o solar (1.770 m²) chamado o Agro do Machado (hoxe Hotel Araguaney), detrás das casas e hortas da Carreira do Conde, con linde norte coa travesa de Matacáns ao campo da Rapa da Folla (hoxe Montero Ríos). O 27 de xullo de 1874, en plenas festas do Apóstolo, fíxose a primeira proba no paseo da Alameda. Un ano antes, en setembro de 1873, rematara o trazado ferroviario con Carril. Pero os custes de carga e descarga en orixe e destino facían máis caro o envío, que cos carros de bois desde Pontecesures, a 5 pts/tn.

Un traballo prolixo e rico en documentación sobre o tema é o de Alberte Martínez (dir.), J. Mirás e E. Lindoso, La industria del gas en Galicia: del alumbrado por gas al siglo XXI, 1850-2005, e a el remito para unha información máis minuciosa e rigorosa. Folga dicir que a chegada de melloras nos servizos públicos priorizou os barrios máis céntricos e das clases altas, mentres os barrios periféricos seguían con farois de petróleo. Hai que agardar ata 1883 para que todo o alumeado compostelán practicamente sexa a gas. Consta numerosa documentación no arquivo municipal das tensas relacións do concello coa empresa: se pola calidade do gas, a potencia lumínica, os emprazamentos dos puntos de luz, a morosidade municipal, mantemento dos dispositivos...

Non faltaron comparativas con outra cidades, como ben se recolle no estudo anteriormente citado, onde se di que, mentres na Coruña unha lámpada, modelo Carcel, custaba 9 céntimos de real/hora, en Santiago o equivalente ascendía a 22,9 céntimos de real/hora. Obviamente os maiores custes do transporte do carbón a Santiago incidían no sobreprezo. Outro exemplo da tensa relación, como xa dixemos, eran os numerosos cristais rotos dos farois, produto do vandalismo e que o impago acumulado do Concello, cunha avultada débeda, provocaba na empresa un incumprimento intencionado de substitución, computándose, en 1888, un total de 119 farois inutilizados (AHUS, ff. 358r-358v). Nese mesmo ano, o 28 de decembro, prodúcese un fatal accidente na fábrica compostelá, que lle custa a vida a tres empregados. O alcalde, D. Ramón Sanjurjo Pardiñas, nomea a un perito de recoñecido prestixio, D. César Fernández Garrido, para investigar o suceso, mentres van chegando a Compostela solicitudes de empresas para facilitar o novo alumeado a electricidade. Entre as propostas, a de Lessert, delegado da Sautter & Cie, con sede en Xenebra, quen pide un plano da cidade e os puntos e saltos de auga próximos, que abaratarían a instalación do alumeado por arco voltaico. O ano seguinte, en setembro de 1889, un industrial do Porto, D. Agustín A. González Varela remite a súa proposta cunhas condicións contractuais de subministro durante 99 anos de concesión gratuíta para o peticionario, a cambio de iluminar a cidade. A electricidade era moito máis barata, sobre todo se proviña da forza da auga e non da combustión do carbón. Coa electricidade chegaban dous sistemas de alumeado, por arco voltaico, máis custoso, e por incandescencia. Pero este último consumía moita enerxía en quentar o filamento, que se fundía ás 15 horas de uso. Edison, en 1880, melloraría a técnica de baleiro, multiplicando case por tres a súa vida útil. No cambio de século comezan a convivir os dous sistemas de alumeado. Algunhas empresas do gas opuxéronse á chegada dun novo competidor, apelando as concesións e interpoñendo trabas administrativas, pero case todas tiñan a famosa “cláusula de progreso” aludida e, se non querían perder o privilexio, tiñan que permitir entrar á competencia na cidade ou simultanear as dúas actividades. Foi o caso de Santiago. A empresa Menéndez, Valdés e Cia presenta unha instancia ao concello dun modelo de estación central para subministrar fluído eléctrico, grazas a instalación de catro motores de gas duns 50cv cada un para mover as dínamos. As mesmas instalacións da fábrica de gas servirían para acoller a maquinaria. O carbón seguiría sendo a materia prima para obter a electricidade.

Pero, así como Galicia non chegou a tempo co gas para o alumeado, si foi das primeiras en chegar á electricidade, como non, da man da auga. Segundo o profesor Alberte Martínez López, La electrificación en la periferia: Galicia, 1883-1935, La electrificación y el territorio. Historia y futuro. Barcelona, 2017: “En el caso de algunas villas, en que no existía la rémora del monopolio gasístico, la introducción de la electricidad no sólo fue rápida, sino que se pasó directamente de la iluminación por petróleo a la eléctrica”, ofrecendo un cadro moi ilustrativo da banca e da constitución das primeiras empresas eléctricas galegas. E, a modo de dato curioso, podemos observar vilas como Mondoñedo, Lugo, Betanzos, Carballiño, Monforte... con subministro eléctrico para o alumeado, antes que as grandes cidades, nun arco entre Pontevedra (1888) e A Coruña (1913). O relevo era imparable. A luz eléctrica por incandescencia non consumía osíxeno, non emanaba combustión, a ventilación en teatros e lugares pechados era moito máis segura.

A banca foi importante como visionaria dun negocio incipiente. En Compostela serán dous os persoeiros que favorecerán e impulsarán a electricidade: o banqueiro Olimpio Pérez e o prateiro Miguel Bruzos Cimadevila. Primeiro, constituíndo en xuño de 1895 a Sociedade de Gas e Electricidade de Santiago. O consello de administración, conformado por 14 composteláns, con Olimpio como presidente, aportou os fondos de capital necesarios para absorber á antiga compañía xixonesa de gas e continuar coa concesión de alumeado para a cidade. Encargouse Miguel Bruzos de buscar a forza motriz necesaria para Compostela. Non foi cara ao sur, obviamente. Fixou os ollos na terceira cunca da comunidade. Conseguiu a autorización do estado para o aproveitamento dun salto de auga no ríos Tambre e Chonia e obtivo a pertinente do Concello para estender redes e cableado para o alumeado, en exclusividade durante doce anos. No Arquivo Dixital de Galicia figuran os expedientes de solicitude para o aproveitamento das aguas. A fábrica da luz, en San Xoán de Fecha, foi inaugurada en outubro de 1901. No seu momento unha das máis grandes e modernas de Galicia. Estaba no termo municipal de Enfesta, un concello rural ao norte de Compostela constituído por 12 parroquias.

Enfesta comprendía toda a marxe esquerda do río Tambre, desde Sabugueira hasta Santa Cristina de Fecha, a carón de Portomouro. Nese momento non faría falta anexionalo, como si se faría en 1962 por mor do aeroporto de Lavacolla. O aeródromo internacional non podía estar nun concello rural. Se Santiago hoxe conta con 220 km², o concello anexionado de Enfesta aportou uns 105 km². As formas e as maneiras da anexión, ben merecen un artigo aparte. En 1922 presentouse outra solicitude para outra fábrica de luz, uns km río abaixo da de Fecha. Afectaba aos concellos de Enfesta, Trazo e Val do Dubra na parroquia de Buxán. O Tambre volvía a ser obxecto de explotación hidráulica na central do remuíño. Esta central estivo operativa ata mediados dos anos 60. Da Sociedade de Gas e Electricidade de Santiago pasamos á Sociedade Xeral Galega de Electricidade (1923) e desta, á fusión coa Fábricas Coruñesas de Gas e Electricidade (1930) e, posteriormente, á constitución de Forzas Eléctricas do Noroeste (1943), que fusionaría ás anteriores, en 1955.

Hoxe, nada queda de FENOSA nin do Banco Pastor, os grandes artífices do potencial galego no sector eléctrico nacional. Para quen queira profundar sobre o tema, remito a Xoán Carmona Badía, Una empresa pequeña se hace grande: la Sociedad General Gallega de Electricidad y los orígenes de Fenosa, Revista de Historia Industrial, nº58, 2015. A fábrica de luz de Fecha, como eu prefiro chamala, acaba de recibir un informe favorable de impacto ambiental para incorporar unha segunda turbina, aumentar a rendibilidade un 30 %, cun presuposto de inversión inicial duns 2,4 millóns de euros. Santiago de Compostela descoñece a débeda que ten co Tambre, e descoñece unha das paisaxes máis agrestres e naturais do Concello. O Tambre baixa apertado e encaixado, desde Ponte Albar a Portomouro, como se de unha serra do Caurel se tratase. Os batáns do río Chonia, documentados desde 1750, son, xunto cos de Vimianzo, os únicos e mellor conservados da provincia. Coas primeiras chispas do século XX diversas familias foron pasando pola casa da Fábrica: a de Bonifacio, a de Guillén, a do Xastre, a de García... Cada un deles, cunha historia que contar: un que durmiu no alto dun carballo, porque os lobos andaban a rirse del, cruzándoselle por diante e por detrás; outro, que escorrentou a uns que ían a Xavestre ás mozas; outro, que o confundiran coa Estadea; ata un me dixo que batera cos foucellas. Ao tempo que as mans destes homes fortes xiraban os volantes de ferro das comportas, o Tambre ía moendo as charamuscas dunha nova fariña munda, enfiada nun nobelo de cobre polos xastres do vento, e como se fora un milagre, unha luz prendía no Obradoiro.

08 may 2020 / 00:02
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.