Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

As tendas de música: en auxe ou en decadencia?

As vendas de discos e vinilos volven subir en xeral pero as tendas de música seguen a pechar por mor da crise e as grandes superficies

A pesar do auxe que tivo o mercado dixital de música desde que comezou, o físico volve gañar terreo pero vese retardado pola crise socioeconómica que atravesamos. Por exemplo, a venda de vinilos comezara a subir de novo ao poñerse de moda, outra vez, este formato de música que tanto nos lembra ao século pasado. Pero coa chegada do 2020 e a COVID o mercado físico caeu un 45%, segundo estimacións. Neste novo ano espérase que se volvan aumentar as cifras de vendas ata poder alcanzar as rexistradas ‘en liña’ nalgún momento, ou polo menos ser un digno rival.

Ademais, os grandes establecementos como Fnac ou El Corte Inglés seguen comendo terreo a pequenas tendas que loitan por sobrevivir neste mundo. Actualmente, en Santiago de Compostela son poucos os espazos de pequeno comercio que continúan coas portas abertas. Tal é está situación que poderían contarse cos dedos dunha man e sobrarían dedos. Un dos propietarios dunha destas tendas é Fran Villasenin, que rexenta a tenda A Reixa Matrioska, situada no número 46 da Rúa do Hórreo, desde o ano 2005. Quixemos falar con el para que nos aporte unha visión da situación que vive o sector da venta de música.

-Desde comezos do S. XXI, a venda de música viu cambiada a súa situación por diferentes factores como a aparición da descarga ilegal por internet ou nos últimos tempos plataformas como Spotify, cal cres que é a situación deste mercado en xeral?

A xente á que realmente lle gusta a música segue comprando igual que sempre , máis ou menos segundo a economía de cada quen. Non coñezo a ningún amante da música ou cinema que pase o día descargando por internet. Antes a información musical recibíase a través de revistas, fanzines ou por colegas, agora grazas a internet tes acceso a todo, e iso é de gran axuda para os fans da música. Cando non había Spotify ou Youtube moitas veces comprabas un disco porque che gustaba a portada, arriscándote a levar para casa un “tostón” de disco, agora iso xa non pasa con todo o acceso inmediato á información.

-En xeral, como é a demanda (alta, baixa ...) de música en Santiago de Compostela? E cal soe ser a afluencia de clientes nun día normal?

Na nosa tenda a venta de discos céntrase na campaña do nadal, é a época do ano cando máis música se agasalla, o resto do ano é un complemento da roupa, xa que están moi ligados.

-Ultimamente, a industria musical está a vivir un auxe da compravenda de vinilos, cre que isto chegou á nosa cidade?

Si, nótase que os vinilos están de moda nun público máis novo que descoñecía este formato, cada vez entra un público máis novo preguntando ou mercando música.

-Que consecuencias está a ter a crise derivada da COVID para as tendas de música?

Igual que en tódolos sectores, está a ser unha época moi complicada xa que todo é unha cadea, o sector da hostalería é un gran consumidor de música e está a ser dos sectores máis afectados pola pandemia igual que o comercio.

-Cales son os xéneros, cantantes e grupos que máis merca a xente?

Nós temos principalmente grupos actuais e algo de Jazz e Soul, iso é o que pode atopar o público.

-Como ve o futuro deste sector na cidade de Compostela? E en xeral?

A xente ten que ser consciente que ademais de estar a gozar dun vinilo na súa casa, está a facer unha inversión, a música en vinilo orixinal (non reedicións) é unha moi boa inversión. Hai moita xente que está a invertir neste formato porque sabe da súa revalorización, ocupa pouco espazo e gaña valor en pouco tempo. Santiago ten algunhas tendas moi boas, pero creo que aínda hai espazo para algunhas tendas especializadas.

09 mar 2021 / 10:25
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.