Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
O centro de Roxos é pioneiro en Galicia no uso destas técnicas como medio para paliar ou recuperarse de enfermidades e lesións // Adaptada ás posibilidades de cada caso concreto, conseguen unha mellora física e emocional TEXTO Brais Fdez.

Awasan, o emprego da auga como elemento terapéutico

Dende o inicio dos tempos, o ser humano está ligado a auga, fonte de vida e imprescindible para o día a día dunha persoa. Con todo, a pesar de que tres cuartas partes do planeta están compostas deste elemento, aínda na actualidade seguen a sorprendernos as capacidades que ten. Máis aló da importancia do seu consumo, o uso apropiado deste sorprendente líquido pode acadar grandes beneficios para a saúde, e é aí onde aparece a terapia acuática ou hidroterapia.

A pesar de que este é un concepto moi desenrolado noutros países (en EEUU, por exemplo, empregábase para os soldados que viñan do Vietnam), en España, quizais pola influencia da balneoterapia, segue a ser unha técnica pouco aproveitada. Neste senso, non ten nada que ver co termalismo, xa que todo se consegue con auga corrente ou de consumo, logrando recuperacións, en algúns casos mesmo milagreiras, grazas ao movemento dirixido por un técnico.

Con este propósito, creouse no 2012 no lugar da Silvouta -Roxos-, nunha contorna verde e saudable, Awasan (Centro Acuático de Actividades Terapéuticas e Educativas), un proxecto pioneiro en Galicia, encabezado por Manuel Peleteiro, que emprega este elemento fluído como eixo central da súa actividade.

O obxectivo principal do complexo é o de axudar ás persoas con patoloxías, tanto físicas coma neurolóxicas, a mellorar ou paliar as súas lesións ou enfermidades, aínda que tamén ten unha vertente deportiva (natación, Acua Fitness-Gym e Acondicionamento Acuático) e outra educativa (para nenos de 6 meses a 12 anos).

Neste senso, as propiedades da auga favorecen a drenaxe de edemas, a mobilidade do corpo e o progreso propio en estados nos que os pacientes teñen dificultades para traballar en seco. Isto conséguese grazas á temperatura (34º), coa que se dilatan as articulacións; a flotación, xa que a falta de peso favorece o movemento; a resistencia, acadando un fortalecemento en función das posibilidades de cada persoa; e a presión hidrostática, moi positiva para a circulación sanguínea e linfática grazas á profundidade.

UN PROCESO INTEGRADO. A sección terapéutica de Awasan xorde como un sistema integrado, que se adapta ás necesidades de cada caso. O primeiro paso é a valoración da fisioterapeuta, a través do traballo tanto en seco coma na auga, así como coa revisión da súa historia clínica. A partir de aí, cada un é orientado cara a un tipo de clase, sen que resulte limitativo, senón que se pode avanzar ou retroceder en función da situación momentánea.

O proceso comeza Auga Relax, cunha actividade suave que permite relaxar o corpo e a mente. Esta está especialmente indicada para persoas que sofren estrés, ansiedade, depresión ou que están sometidas a un alto nivel de tensión. Do mesmo xeito, froito da suavidade dos movementos, resulta moi empregada por aqueles traballadores que pasan moitas horas sentados.

A continuación sitúase Auga Salud, un programa pensado para individuos con perda de certas capacidades físicas (articulares, musculares, respiratorias ou circulatorias, entre outras), que pode incorporarse en proceso de rehabilitación ou practicarse como ximnasio de mantemento.

Tras estas primeiras alternativas, prodúcese un cambio moi importante, o paso á piscina grande, con diferente temperatura e maior profundidade, o cal aporta unhas condicións moi diferentes para a saúde corporal.

A primeira ferramenta desta fase é Auga Tono, a cal lle permite aos alumnos seguir avanzando para recuperar o seu estado físico. Así, os exercicios están adaptados a certas patoloxías, pero que chega a un nivel que lle permite realizar certo esforzo.

E por último está Auga Espalda, enfocada de maneira específica a eliminar ou paliar dolores, doenzas ou problemas estruturais e posturais das costas. Centrándose na zona abdome-lumbar, conseguen que se adquira unha boa postura, unha conciencia do copo e dispersar a tensión muscular, axudando ademais a nivel mental, posto que se afronta a vida cunha complexión moi distinta.

TRABALLO CON NENOS. As facultades desta terapia non só son recomendables para adultos, senón que tamén, é dunha maneira moi efectiva, resultan esenciais para unha estimulación temperán, especialmente para aqueles que contan con dificultades para o seu desenrolo neurolóxico ou motor.

Esta resulta unha medida complementaria moi eficaz ao tratamento convencional en sala, xa que permite unha psicomotricidade moi rica, ademais dunha mellora significativa nos niveis de propiocepción, equilibrio, coordinación e adquisición de patróns motores.

Por iso, é unha experiencia moi estimulante e socializadora, polo cal tamén se considera favorable para crianzas con TEA. A maiores, impulsa e contribúe ao progreso de cativos con problemas neurolóxicos ou con síndrome de Down.

Con estes beneficios, cada persoa que entra en Awasan abre a porta a un mundo acuático cheo de posibilidades, a un centro no que a través dun elemento como a auga se conseguen grandes cambios físicos e emocionais, toda unha motivación para seguir progresando nas patoloxías e afrontar a vida cunha visión moito máis enriquecida.

18 sep 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.