Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
A súa beleza e relevancia histórica súmanse á riqueza natural dos seus muros de pedra; e árbores autóctonas centenarias agóchanse entre a maleza e o deterioro TEXTO Andrea Oca

Bosque do Banquete de Conxo, unha xoia patrimonial que agarda un lavado de cara

Un domingo de marzo de 1856 a historia deste lugar quedaría para sempre vinculada á democracia, á fraternidade e ao galeguismo grazas á xuntanza do Banquete de Conxo, celebración que continúa recordándose hoxe en día con conmemoracións anuais. O escenario vive na actualidade como un espazo natural cheo de riqueza paisaxística, lugar habitual de camiñatas e un dos mellores exemplos de que Compostela é unha cidade na que a cor verde ocupa un lugar especial. Malia que son moitas as bondades deste aclamado lugar, as inclemencias da meteoroloxía galega e o descoido ao longo do tempo fan que teña neste momento unha cara que dista bastante de ser a máis desexable.

Comezando polos seus sendeiros, os cales recorren a diario moitos dos veciños da cidade, atópase unha vexetación que tapa parte da ruta e que dá boa conta de que o efecto da choiva dotouna dun volume que conviría rebaixar. O mesmo ocorre cos bancos e mesas da zona que ofrecen un descanso aos camiñantes e un lugar de merenda a moitas familias as fins de semana. Dito mobiliario está ou cuberto pola maleza ou cos materiais desgastados e cheos de pintadas, mal común nunha cidade na que resulta complicado atopar unha porta de garaxe ou unha parede sen algún molesto garabato. Tamén os seus aclamados muros de pedra, realizados a xunta seca, froita dunha época na que a construción non vivía dos materiais usados hoxe en día, teñen a súa beleza agochada polo musgo. De feito, son os muros de pedra do bosque os que destacan como maior riqueza da zona desde a Asociación para a defensa do Patrimonio Cultural Galego. O seu presidente, Carlos Henrique Fernández, fai fincapé en que “é un lugar no que se pode apreciar e aprender moito sobre como eran os muros que se levantaban daquela, sen gota de cemento, nin argamasa, pedra sobre pedra”. Uns muros nos que tamén se poden ver partes derribadas, coas pedras tiradas. Na beira do río Sar, no treito Ponte Suarribas-Ponte da Fervenza, as varandas que serven de apoio e de barreira de protección tampouco locen o mellor estado para a seguridade xa que as súas xuntas deterioráronse ata separarse por completo.

Debaixo da ponte o panorama tórnase algo máis desolador. Alí a natureza deixa de ser protagonista para dar paso a chatarra, vertidos, latas e ramas que invaden o río. Un punto que transmite unha imaxe de abandono e que supón a mellor representación de que sería necesaria unha actuación a fondo neste bosque tan relevante para Santiago. E, o río ao que tanto lle escribiu Rosalía é prexudicado directamente ao recaer nel todo ese lixo e ao estar invadido das ramas secas do lugar. A caseta con tellado de madeira e columnas de pedra, e unha reixa a modo de parede, que forma un espazo a modo de porche cunha mesa e cadeiras debaixo, tampouco vive o seu mellor momento xa que o tellado está ateigado de maleza. De feito, os veciños que a principios de semana paseaban polo Bosque, unha estampa común a calquera día, recoñecían que o Bosque ten mostrado unha cara moito mellor que a que ten agora. Nos camiños que se plasman en fotos anteriores á etapa actual pódense observar sendeiros moito máis anchos e despexados.

DE AURELIO AGUIRRE ATA AQUÍ

Se este paraxe natural pasou a historia non é só pola súa riqueza senón polo que representa para Galicia. Para buscar a súa orixe, un dos nomes protagonistas é o do poeta Aurelio Aguirre, quen ideou o acto de irmandade entre obreiros e estudantes da Universidade, que representaban na época á clase alta, nun momento de axitación social, miseria económica e fame. Polos simbolismo e os discursos alí pronunciados considérase que nese evento está a orixe do galeguismo. Ao acto asistiron intelectuais como Eduardo Pondal ou Luis Seoane, que pronunciaron os brindes. Pese ao seu pronto falecemento, Aurelio Aguirre e versos célebres como que no ha nacido para esclavo el hombre formarán para sempre parte da historia común de todos os galegos.

28 abr 2021 / 12:01
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.