Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Camiño de Muxía

    OS CAMIÑOS conflúen coa xente. A semana cristiá está por chegar, unha vacación que espera a máis peregrinos. Atrás quedaron Pontemaceira, Vilaserío e Olveiroa. Pola beira do río Tambre, que dá de beber a Santiago, vese a planta leiteira de CLUN –antiga Feiraco–. O grupo estírase e racha, pero ninguén vai só. As de cabeza e as de cola adoitan ser as mesmas persoas. O esforzo tira das endorfinas e do ánimo!

    Atrás quedan verdes eidos de forraxe e pacas negras coma nobelos xigantes. Logo de subir a Monte Aro, asáltanme o cansazo e o recordo daquel grupiño da parroquia dos Tilos, que se perdera por aquí. A liña do tempo fúndese co horizonte. De vagar van aparecendo os corpos encorvados, logo da curva que acaba nunha tarima de madeira con banco e panel incluídos. Alguén senta, alguén bebe, alguén fai fotos ao encoro da Fervenza, que semella ser unha ría coa marea baixa.

    A dilatada caída polas terras de Mazaricos –que curioso, Mazaricos, un nome que de neno me soaba a Galicia profunda, agora gústame a súa fonética, así que o pronuncio en voz alta: Mazaricos– reconcíliame coa vez anterior en que me tocou subir... Buff, de aquí a la eternidad, pensara daquela. Juan rescátame de pensamentos tan esgotadores dicíndome que nunca pasara por estes lugares, abraiado coa beleza e harmonía da paisaxe.

    A parella dos cincuenta anos namorados como o primeiro día, non, moito máis, posa para un retrato baixo unha árbore. Pili non deixa de sorrir, mentres Germán a segue ruborizado. Hai amores que non inspiran compositores. Unha bebé chama a atención de nai e avoa. A vida continúa entre choros e alegrías. Ule a vacas e as follas de herba tómbanse dóciles ao paso do vento. “Creo que unha folla de herba non é menos que o día de traballo das estrelas”, escribía Whitman. Ninguén é menos!

    Zinia fala dunha morte con boa saúde. Só lle leva vintecatro horas a Carlos, outro tarzán. Aínda que o decano é Luis Ángel, que naceu hai oitenta anos no antigo Hospital Real. Non é menos Mercedes, que fala da súa ancha vida a cara descuberta. Son frondosos carballos que camiñan a carón de nós. A pedra renovada das casas suxire modos máis confortables. Campos e sendas limpas, maior riqueza e conciencia. Hoxe coma onte é un atracón de terra e ceo!

    Atrás quedan as augas frías de cauces e ríos, a cola seca do encoro, os ollos mollados pola lembranza de quen xa non está. Atrás quedan veciños que nunca marcharon e paisanos que traballan de sol a sol. Atrás queda Nieves palillando! Atrás quedan mochilas cheas de emocións e nomes propios. Pero ao noso lado vai unha compañeira, aínda que sexa varón, que nos agrada, nos sorprende ou nos axuda. Atrás queda a praza do Obradoiro, fría e preguiceira unha mañá de xaneiro. Atrás!

    09 abr 2022 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.