O Camiño de Santiago une Galicia con Melilla
O presidente Rueda participa no 250º aniversario do levantamento do Sitio de Melilla inaugurando unha mouteira da ruta xacobea na Vía Rusadir

Alfonso Rueda xunto a Juan José Imbroda. / Xunta de Galicia
Redacción
O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, enxalzou este mércores na cidade autónoma de Melilla o estreitamento da súa relación de Galicia grazas á colocación dunha mouteira do Camiño de Santiago. Inaugúrase así unha nova ruta xacobea oficial, pois o elemento foi levado «expresamente» dende Galicia e situouse na porta de Santiago, «unha das máis emblemáticas da fortificación» e contén unha placa que informa da distancia que separa as cidades de Melilla e Compostela, 972,09 quilómetros.
A colocación deste elemento, que inclúe unha cuncha de vieira –símbolo do Camiño de Santiago– e a típica frecha amarela guiando os peregrinos cara á capital de Galicia, produciuse co gallo da celebración do 250º aniversario do levantamento do Sitio de Melilla, «un acto moi importante para a cidade». O titular do Goberno galego participou na sinatura dun acordo entre a cidade autónoma e Galicia para a colocación dunha mouteira do Camiño de Santiago como «símbolo da unión» e «fraternidade» entre os dous pobos.
Así, Melilla adquire a identidade de parada xacobea no itinerario dos peregrinos africanos que cada ano avanzan cara a Santiago de Compostela. Neste sentido, Alfonso Rueda reivindicou a importancia dun «desenvolvemento turístico ordenado» e de «aprender das experiencias turísticas».
Ademais, o presidente da Xunta destacou a presenza da «figura de Santiago» na cidade e a existencia de moitos elementos comúns entre Galicia e Melilla, como son «unha identidade moi marcada» e estar abertos ao mundo. Por último, o presidente Rueda tivo ocasión de convidar ao presidente melillense, Juan José Imbroda, a visitar Santiago e sinalou a importancia de manter a maior colaboración posible entre ambas as administracións.
A uns metros de onde se situou a mouteira atópase o faro de Melilla la Vieja, sede da Fundación Melilla Monumental, lugar no que se van selar as credenciais daquelas persoas que inicien a Vía Rusadir a partir de agora. Unhas credenciais que recibiron en primeiro lugar, co selo da nova ruta xacobea, os presidentes de Galicia e de Melilla: un lacre vermello cos lazos das bandeiras de Melilla e de España, e que ten forma de cuncha no seu interior, no que se incluiu a silueta do faro.
O presidente melillense chanceu sobre a obtención da credencial afirmando que «para haberlo hecho bien, tendría que haber arrancado hoy uno andando», nun acto ao que asistiron os membros do Goberno da cidade autónoma, os senadores do Partido Popular por Melilla, Fernando Gutiérrez Díaz de Otazu e Isabel Moreno, e representantes da sociedad civil melillense.
Foi cunha foto de familia como se lle puxo o broche á inauguración da Vía Rusadir, nome que lle deron os fenicios a Melilla no século VIII a.C. Momentos antes o presidente Rueda foi recibido oficialmente polo Goberno de Melilla no Salón Dorado, espazo noble do Palacio de la Asamblea, e asinou no Libro de Oro da cidade.
«Un honor y una oportunidad esta visita para unir aún más a dos tierras separadas por kilómetros, pero con muchas cosas en común», agradeceu Rueda.
- Meixonfrío exige aceras en la rúa do Camiño dos Vilares: «Esto é un perigo»
- Detenido por una agresión sexual a una joven extranjera que hacía el Camino de Santiago
- El Camino de Santiago se convertirá en un «refuxio climático» a su paso por el polígono del Tambre
- Aprobada en Santiago a nova convocatoria dos 'bonotaxi': axudas de ata 350 euros
- Por cada compostela, 1,7 peregrinos: las cifras reales del Camino
- Los 20 consejos que un 'influencer' estadounidense recomienda al hacer el Camino de Santiago
- “Ni Hao” Santiago: el Camino cautiva el mercado chino en Shangai
- Alcaldes gallegos invitan al Papa a peregrinar por el Camino de Santiago en 2027
