El Correo Gallego

Noticia 18 de 667 noticia anterior de Santiago de Compostela: Cidade Universal Santiago » Santiago de Compostela: Cidade Universal

Arousa-Norte potencia o turismo de cara o Xacobeo

Vinte e cinco dinamizadores dos Camiños analizaron os recursos da comarca nun simposio // A Traslatio e a recuperación da antiga ruta de Corrubedo a Iria Flavia son os principais atractivos // Faranse actividades promocionais

Os participantes no simposio, onte durante a visita ao mirador de Pedra da Ra, en Ribeira. - FOTO: M.C.
Os participantes no simposio, onte durante a visita ao mirador de Pedra da Ra, en Ribeira. - FOTO: M.C.

SUSO SOUTO  | 27.10.2019 
A- A+

A Mancomunidade Arousa-Norte celebrou esta fin de semana un simposio para analizar os recursos turísticos do territorio con vistas ó lanzamento promocional da Traslatio no limiar do Xacobeo de 2021. Arredor de vinte e cinco estudosos e dinamizadores dos Camiños participaron neste encontro de coñecemento e perspectivas dos recursos turísticos de Ribeira, Boiro, A Pobra e Rianxo.

Desenvolveuse a modo de xornadas técnicas para as que, co asesoramento e planificación da Asociación Galega de Xornalistas e Escritores de Turismo (AGAXET) e a xestión da revista HGg&T, se convidou a diferentes entidades dinamizadoras do Camiño. Entre elas, participaron a Asociación de Xornalistas e Estudosos do Camiño de Santiago, a Fundación da Ruta Marítima do Mar de Arousa, a Confraría Europea da Vela, a Asociación Galega de Actividades Náuticas e a Asociación de Cabaleiros do Camiño de Santiago. Tamén estivo presente a Academia de Gastronomía do Camiño Portugués, con representantes chegados desde Lisboa e Porto.

O presidente de turno da Mancomunidade, José Ramón Romero, foi o encargado de inaugurar as xornadas o venres na casa consistorial boirense. O primeiro relatorio, de carácter introdutivo, correu a cargo da Asociación de Amigos do Camiño do Barbanza, que acaba de acuñar unha nova ruta entre Corrubedo e Iria Flavia.

Trátase do antigo Camiño medieval xacobeo que, dende Corrubedo (Ribeira), atravesaba tamén os concellos de A Pobra, Boiro, Rianxo, Dodro e Padrón. Abarca uns 120 quilómetros e estúdase a posibilidade de dividilo en cinco ou seis etapas de entre 20 e 25 quilómetros. Na actualidade, o colectivo creado para a súa recuperación está a reunir fragmentos da súa historia a través do estudo dos monumentos, do territorio e dos personaxes que falaron del.

Tamén se convidou a presentar a súa visión a representantes de empresas auxiliares das actividades turísticas que operan na comarca. A mañá de onte sábado ocupouse, precisamente, no coñecemento e recoñecemento por parte das representacións convocadas da nova ruta de peregrinación, con intervencións in itinere e visitas puntuais no percorrido por estas terras litorais e destinos, produtos e recursos do Barbanza.

Pola tarde tivo lugar un coloquio no que se analizaron, en vista do coñecemento acumulado nas respectivas traxectorias, e da experiencia vivida, as perspectivas e ideas que poderían orientar as accións futuras para a promoción turística da zona. Os asistentes aportaron datos de interés e suxerencias que van ser tidas en conta polos concellos de Ribeira, Boiro, A Pobra e Rianxo e pola Mancomunidade á hora de poñer en marcha nos vindeiros meses diversas actividades para a promoción dos seus recursos. Algunhas delas van ter lugar en Santiago e Pontevedra.

Durante estes dous días, visitaron puntos emblemáticos vinculados ó Camiño, como un dos tres hospitais de peregrinos que houbo na Pobra, a Igrexa de Santiago de Lampón, o cruceiro de Isorna ou o faro de Corrubedo.