El Correo Gallego

Noticia 94 de 589 noticia anterior de Santiago de Compostela: Cidade Universal Santiago » Santiago de Compostela: Cidade Universal

Artistas e bandas de renome no espectáculo central de Galicia no festival de Lorient

Salienta Rodríguez o carácter multicultural do Camiño ao recibir peregrinos de 180 países

O conselleiro de Cultura e Turismo explica unha das imaxes da mostra sobre o Camiño - FOTO: X.
O conselleiro de Cultura e Turismo explica unha das imaxes da mostra sobre o Camiño - FOTO: X.

LUIS MONTERO. SANTIAGO   | 04.08.2019 
A- A+

O carácter multicultural do Camiño de Santiago ao recibir peregrinos de preto de 180 países foi posto en valor polo conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, na inauguración en Lorient da mostra fotográfica O Camiño de Santiago. Unha experiencia contemporánea de peregrinación. Trátase dunha das actividades incluídas no marco da 49ª edición do Festival Intercéltico de Lorient, que este ano celebra o Année de la Galice (Ano de Galicia).

A mostra está formada por preto dunha vintena de imaxes elaboradas polo fotógrafo monfortino Manuel Valcárcel, que recollen algúns dos valores da peregrinación a Santiago, como son a presenza da natureza, o patrimonio artístico, as cidades e os paisaxes das rutas xacobeas, pero tamén a convivencia, o encontro, o esforzo ou a mestura de culturas que aglutina.

Subliñou que a exposición recolle "boa parte dos elementos que fan do Camiño unha experiencia inolvidable". Neste sentido, lembrou que o 98 % dos peregrinos que percorren a Ruta Xacobea cren que é unha experiencia que recomendarían a un terceiro.

Segundo puntualizou, tanto a exposición fotográfica como a presenza de Galicia en Lorient son accións que contribuirán a difundir a identidade e a cultura coa ollada posta no Xacobeo 21, un evento que constituirá un dos maiores acontecementos culturais dos próximos anos en toda Europa.

"Será un reto de enorme magnitude para o que precisamos a colaboración de todos", puntualizou.

Pola noite, o teatro de Lorient acolleu o espectáculo central de Galicia que contou coa banda de música de Silleda, a de gaitas de Forcarei e oJosele, Begoña Lorenzo, o grupo de baile Xirandela, as Pandereteiras Bouba, Suso Vaamonde e Davide Salvado.

Gastronomía e turismo. A meirande parte das actividades do Ano de Galicia en Lorient centralizanse no pavillón da comunidade, co que se reforza a promoción da música e a danza, e se favorece a imaxe como destino cultural, gastronómico e turístico de cara ao Ano Santo aproveitando que acudirán ao festival preto de 750.000 persoas. O recinto acollerá 55 concertos con 300 artistas.

Galicia fai gala da súa riqueza gastronómica coa degustación de produtos típicos e promociona a súa calidade como destino, en colaboración co clúster.

A delegación galega inclúe unha ampla nómina de artistas, como Carlos Núñez, Mercedes Peón ou Milladoiro, xunto con outros como Davide Salvado, Aliboria ou Tiruleque.