Miércoles 16.10.2019 Actualizado 17:39
Google    

El Correo Gallego

Noticia 48 de 604 noticia anterior de Santiago de Compostela: Cidade Universal Santiago » Santiago de Compostela: Cidade Universal

Atlantic Fest retorna 1,7 millóns na súa área de influencia

O gasto medio por persoa e día foi de oitenta euros // Muller galega de 35 a 44 anos que vai en grupo, perfil máis común de público

FOTO: Xunta de Galicia
FOTO: Xunta de Galicia

BELÉN SOUSA SANTIAGO   | 08.08.2019 
A- A+

A celebración do Atlantic Fest supuxo un retorno económico cifrado en 1,7 millóns de euros en toda a comarca de Arousa, segundo os datos presentados no día de onte por Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic).

As cifras están recollidas nun informe impulsado pola Consellería de Cultura e Turismo, que está a centrarse na elaboración de textos socioeconómicos dos eventos que se atopan baixo a marca FEST Galicia. Estes encontros, patrocinados pola Xunta, comezaron o pasado verán para promover Galicia como destino musical con criterios de calidade, sustentabilidade e responsabilidade social.

Tal e como explicou Sutil, o Grupo de Investigacón en Economía da Cultura da Universidade de Santiago é o responsable da realización destes estudos, contando ademais co apoio do Goberno galego.

No caso do Atlantic Fest, que celebrou a súa cuarta edición na Illa de Arousa do 26 ao 28 de xullo, os resultados foron obtidos a partir dun total de 1393 enquisas directas a asistentes, ademais das cifras facilitadas polo propio festival.

A presentación dos datos finais do festival, que se celebrou onte no Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar), contou coa presenza da codirectora do evento musical, Susana Laya, e dos codirectores destes traballos: Francisco J. Sanjiao, profesor do Departamento de Economía Aplicada da USC, e Fran Núñez, autor así mesmo da súa metodoloxía orixinal.

Para o responsable da Agadic, o estudo aporta datos moi útiles para difundir o valor dos festivais como motores culturais das súas comarcas. Entre eles, a contabilización de máis de 9000 visitas, das que un 18 % procedían de fóra da comunidade. Tamén se concreta que o gasto medio por persoa e día, sen incluír transporte, se sitúa en 80 euros, e que o retorno do impacto económico se atopa en 3,6 euros por cada euro invertido inicialmente.

O perfil de asistente máis común é o de muller, galega, de entre 35 e 44 anos, con estudos universitarios, traballadora por conta allea e que acode en grupo de cinco o máis persoas.

Así, Sutil incidiu en que o Atlantic se revela como motor turístico xa que "os asistentes actuais funcionan como prescritores de futuro tanto do festival como dos atractivos da súa contorna".

VALORACIÓN POR PARTE DOS ASISTENTES

Notable para o certame

O público puntuou a cuarta edición cun 7,6 sobre 10, aínda que outorga notas por riba dos oito puntos á localización, ó trato do persoal ou á sensación de seguridade, entre outros.

En canto ó impacto social xerado, opinan que permite coñecer novos grupos (8,80) e ver propostas de calidade (8,83) ao mesmo tempo que xera un ambiente positivo (8,48), mellora o coñecemento da localidade (8,87), xera impacto económico (8,77), atrae turismo (8,38) e favorece o orgullo local (8,16).