El Correo Gallego

Noticia 59 de 444 noticia anterior de Santiago de Compostela: Cidade Universal Santiago » Santiago de Compostela: Cidade Universal

Cultura no Camiño chegará nesta edición a 79 concellos

A Consellería de Turismo publicou na web da Agadic as axudas aos municipios para a contratación de actuacións

Presentación dunha edición anterior do programa Cultura no Camiño que xa vai polo sétimo ano - FOTO: ECG
Presentación dunha edición anterior do programa Cultura no Camiño que xa vai polo sétimo ano - FOTO: ECG

M. ABADES   | 25.06.2019 
A- A+

A sétima edición do circuíto da Xunta Cultura no Camiño desenvolverase ata o 30 de setembro deste ano en 79 dos concellos polos que discorren as dez rutas xacobeas en Galicia.

Todos eles son beneficiarios das subvencións convocadas pola Consellería de Cultura e Turismo, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e a Axencia Turismo de Galicia, para a contratación de actuacións escénicas e musicais ao abeiro deste programa, no que se volve contar co patrocinio de Gadis.

Como se recolle na resolución de adxudicación publicada na web da A­gadic, estas axudas foron distribuídas, en réxime de concorrencia non competitiva, entre todos os concellos solicitantes que reuniron os requisitos especificados nas bases, con contías de 3.500 euros para os de máis de 20.000 habitantes e de 2.500 euros para o resto. Nestes momentos, están a ser os programadores culturais de cada un destes municipios os encargados de configurar as súas carteleiras a partir do catálogo artístico que se pon á súa disposición en www.galescena.gal, o portal que mantén a Agadic para a xestión das súas redes de espectáculos.

A través desta mesma web, as formacións artísticas galegas de carácter profesional achegaron as súas propostas de teatro, danza, música, narración oral, novo circo ou maxia para este circuíto.

Cultura no Camiño mantén como obxectivo dende as súas orixes contribuír á dinamización cultural das localidades polas que transcorre a ruta Xacobea nos meses de maior afluencia de peregrinos e visitantes, fixando como período de desenvolvemento da programación do 1 de maio ao 30 de setembro de 2019.

 

RESPOSTA Á DEMANDA. Deste xeito, dáselle resposta á demanda cultural dun público diverso -os propios cidadáns, así como visitantes e peregrinos-, que poderá gozar de concertos e de montaxes de moi variados xéneros e formatos, ao tempo que se fomenta a contratación dos espectáculos producidos de xeito profesional en Galicia. Ademais de enriquecer e descentralizar a amplia oferta cultural galega.

O ano pasado, máis de 90.000 persoas acudiron ás 340 actuacións escénicas e musicais que se desenvolveron en 103 concellos de Galicia, cunha programación que foi clausurada cun concerto do grupo Treixadura, en Valga, ao que asistiu o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez. As montaxes das que gozou o público nos diferentes municipios caracterizouse por ter u­nha grande variedade. Algúns dos espectáculos dos que desfrutaron os espectadores en 2018 foron a montaxe para público familiar Zapatos, de Caramuxo Teatro; Ahora, do Mago Rafa; Maxia pola igualdade, de Fani Triana Ilusionista; Os mellores monólogos, de Carlos Blanco; Fillos do sol, de Contraproducións; Roedores, de Redrum Teatro; Os fabulosos Cleaners, de Malasombra Producións, e os concertos de Magín Blanco ou Sumrra, entre outros moitos artistas.

Localidades do programa

••• A programación estenderase polas 10 rutas nos concellos participantes: Arzúa, Melide, Palas de Rei, Paradela, Portomarín e Sarria, no Camiño Francés; Cee, Dumbría, Fisterra, Negreira e Santa Comba, no de Fisterra e Muxía; A Mezquita, Allariz, Baños de Molgas, Boqueixón, Monterrei, Riós, San Cibrao das Viñas, San Cristovo de Cea, Sandiás, Silleda, Vilariño de Conso e Xinzo de Limia, na Vía da Prata; Cabanas, Cambre, Carral, Culleredo, Fene, Miño, Narón, Neda, Ordes, Oroso e Pontedeume, no Inglés; A Fonsagrada, Baleira, Castroverde, Friol e Guntín, no Primitivo; Barreiros, Begonte, Guitiriz, Mondoñedo, O Pino, Ribadeo, Sobrado, Trabada, Vilalba e Vilasantar, no do Norte; Chantada, Monforte de Lemos, Pantón, Quiroga, Rodeiro e O Barco de Valdeorras, no de Inverno; Ames, O Porriño, Padrón, Pontecesures, Portas, Rois, Soutomaior, Teo, Valga e Vilaboa, no Portugués; A Guarda, Nigrán, O Rosal e Redondela, no Portugués da Costa, e A Pobra do Caramiñal, A Illa de Arousa, Boiro, Catoira, Meaño, O Grove, Rianxo, Ribeira, Sanxenxo e Vilanova de Arousa, na Ruta do Mar de Arousa e Río Ulla.