El Correo Gallego

Noticia 12 de 699 noticia anterior de Santiago de Compostela: Cidade Universal Santiago » Santiago de Compostela: Cidade Universal

Culturgal terá 24 actividades achegadas desde a Xunta

A Consellería de Cultura é a patrocinadora do evento, que nesta edición conta con moitas novidades

ECG   | 23.11.2019 
A- A+

Pontevedra. A Xunta mantén o seu apoio á feira das industrias culturais Culturgal como principal patrocinadora da súa 12ª edición, que terá lugar do 29 de novembro ao 1 de decembro no Pazo de Cultura de Pontevedra. A organización anunciou onte a programación completa do evento, que ofrece importantes novidades baixo o lema Dálle unha volta á feira e á que a Consellería de Cultura e Turismo lle achega 24 actividades de dinamización e promoción, ademais de volver contar cun expositor propio.

Así o detallou onte Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), quen interveu nesta presentación xunto a Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra; Carmen Fouces, concelleira de Cultura de Pontevedra, e Xosé Aldea, director de Culturgal. Asistiron tamén Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística, e Carmen Martínez Ínsua, directora xeral de Patrimonio Cultural.

O responsable da Agadic explicou que, ademais dunha contribución económica de 65.000 euros, a Xunta participa moi estreitamente nesta 12ª edición a través da organización directa dunha vintena de actividades e dun stand desde o que se difundirán os principais programas autonómicos de apoio á cultura galega.

"Nesta presenza activa e proactiva en Culturgal van cobrando cada vez maior peso as iniciativas relacionadas cos preparativos do Xacobeo 2021, como a exposición O Camiño de Santiago debuxado, pero tamén queremos compartir con todos os visitantes anuncios de vindeiras programacións, balances de accións realizadas, obradoiros infantís ou libros publicados, así como ferramentas sectoriais como unha xornada de videoxogos, unha charla formativa sobre financiamento de coproducións internacionais de cine e mesmo asuntos tan relevantes na acción de Cultura e Turismo como a Estratexia da Cultura Galega 21 ou a candidatura da Ribeira Sacra á Lista do Patrimonio Mundial da Unesco", enumerou.

Entre as novidades de Culturgal 2019 destaca a redistribución espacial do recinto feiral e unha mellor adecuación dos escenarios aos contidos da Feira baixo os nomes Infantil (con contacontos, baile, obradoiros, ciencia etc.), Foro (presentacións e encontros profesionais) o a Carpa (cunha capacidade de 400 persoas).