El Correo Gallego

Noticia 120 de 589 noticia anterior de Santiago de Compostela: Cidade Universal Santiago » Santiago de Compostela: Cidade Universal

Dúas obras do Prado expoñeranse nunha mostra na Cidade da Cultura

'El paraíso terrenal' e 'La muerte de Lucrecia' formarán parte dunha recreación do museo dos Condes de Lemos

El paraíso terrenal, de Pieter Brueghel
El paraíso terrenal, de Pieter Brueghel

LUIS MONTERO SANTIAGO  | 23.08.2019 
A- A+

A Xunta de Galicia, a través da Fundación Cidade da Cultura, vén de pechar un acordo co Museo do Prado para exhibir dúas das súas obras: El paraíso terrenal, de Pieter Brueghel o Novo, e La muerte de Lucrecia, atribuído a Luca Cambiaso, Luqueto. Ambos cadros formarán parte da recreación da pinacoteca dos Condes de Lemos na exposición Galicia, un relato no mundo, que afondará no papel e contactos internacionais de grandes figuras da aristocracia galega dos séculos XVI e XVII, de destacado peso político e intelectual na Europa do seu tempo.

Será a primeira de tres grandes exposicións promovidas polo Goberno galego de cara ao Xacobeo 21, e nela poderanse contemplar, a partir de novembro no Gaiás, obras cun elevado valor simbólico para a nosa cultura e identidade, algunhas delas por vez primeira na comunidade.

Centrada nas relacións internacionais de Galicia e a súa presenza no mundo, a mostra dedicará un dos seus bloques a afondar en figuras da nobreza galega que destacaron en eidos como o exército, o mecenado cultural e relixioso e o exercicio da diplomacia.

Unha delas foi Pedro Fernández de Castro, o Gran Conde de Lemos, un dos persoeiros políticos máis relevantes do reinado de Felipe III, presidente dos consellos de Indias e Italia e vicerrei en Nápoles, ademais de Alguacil Maior do Reino de Galicia.

Unha das coleccións de arte máis notables do seu tempo -hoxe desaparecida- foi precisamente a dos Condes de Lemos, que incluía obras de varios mestres da arte europea.

A recreación desta pinacoteca en Galicia, un relato no mundo incluirá, ademais dos dous cadros do Prado, tres obras emprestadas polo Colexio de Nosa Señora da Antiga de Monforte: El juicio final, de Giovani Bernardino Azzolino; Santa Catalina de Alejandría, de Andrea del Sarto, e unha reprodución do coñecido Retablo de Monforte -unha Adoración dos Reis pintada por Hugo van der Goes que está actualmente na Gemäldegalerie de Berlín-.

En estreito diálogo cos Condes de Lemos, outra das biografías destacadas que recupera Galicia, un relato no mundo é a de Diego Sarmiento de Acuña, Conde de Gondomar, figura fundamental para entender a diplomacia europea de comezos do XVII. Actualmente estase a tramitar o préstamo de pezas relativas á figura deste home feito a si mesmo, de vasta cultura, que venceu a Francis Drake e foi un destacado embaixador na corte de Inglaterra. Gondomar mantivo unha estreita relación co rei inglés Xacobe I, amizade moi criticada polos ingleses que acusaban a Gondomar de dominar a vontade real a favor dos intereses españois.

Renacemento

Completan o bloque da exposición dedicado á figura de Diego Sarmiento de Acuña obras como as cartas da correspondencia entre Erasmo de Róterdam e Alonso III de Fonseca. O que fora no século XV arcebispo de Compostela e Toledo é unha das figuras destacadas do humanismo e do Renacemento e favoreceu a difusión da obra de Erasmo en España, ademais de situar a igrexa española e galega nas correntes culturais da época.