El Correo Gallego

Noticia 31 de 699 noticia anterior de Santiago de Compostela: Cidade Universal Santiago » Santiago de Compostela: Cidade Universal

Exhibición no Gaiás dun relato da primeira escritora da península

'Peregrinatio Egeriae' narrado por Exeria, está recollido no 'Codex Aretinus 405'

Imaxe do libro Peregrinatio Egeriae, escrito la gallaecia romana Exeira - FOTO: Xunta de Galicia
Imaxe do libro Peregrinatio Egeriae, escrito la gallaecia romana Exeira - FOTO: Xunta de Galicia

REDACCIÓN   | 08.11.2019 
A- A+

Santiago. O primeiro relato de viaxes do que se ten constancia en España foi escrito hai 16 séculos por unha aristócrata da Gallaecia romana, Exeria, que movida pola curiosidade por coñecer os escenarios bíblicos emprendeu unha peregrinación desde Galicia ata Terra Santa.

O manuscrito máis antigo conservado no que se narra a súa viaxe -datado no século XI- está xa no Museo Centro Gaiás, a onde chegou procedente da Biblioteca de Arezzo en Italia para ser exhibido na mostra Galicia, un relato no mundo, a primeira gran exposición internacional da Xunta polo Xacobeo 2021. A directora xeral de Patrimonio Cultural, María del Carmen Martínez Insua, estivo presente xunto ao equipo da Cidade da Cultura durante a súa instalación en sala.

Exeria está considerada a primeira muller escritora -da que se ten constancia- da Península Ibérica. Tamén é a primeira peregrina que relatou a súa viaxe nun diario, que foi escribindo a modo de cartas nas que describiu aqueles lugares que percorría e que inclúen Exipto, Antioquía, Edesa ou Constantinopla.

A directora xeral de Patrimonio Cultural destacou que é tamén unha das personaxes claves que figuran no expediente para a declaración da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade, "e que avalan a existencia dunha fonda espiritualidade cristiá e correntes de peregrinación na zona, xa desde a época galaicorromana".

O Peregrinatio Egeriae está recollido no Codex Aretinus 405, descuberto en 1884 por Gian Francesco Gamburrini na Biblioteca de Arezzo -onde se conserva actualmente-. O texto está datado no século XI, cando foi transcrito a partir dun manuscrito anterior, posiblemente no mosteiro de Monte Cassino.

Desde o seu descubrimento, o Itinerario de Exeria foi obxecto de numerosas edicións.