El Correo Gallego

Noticia 13 de 699 noticia anterior de Santiago de Compostela: Cidade Universal Santiago » Santiago de Compostela: Cidade Universal

O fotógrafo Jesús Madriñán explora os rostros dos peregrinos actuais

A mostra 'I am light', que foi inaugurada onte, pódese visitar ate o mes de marzo

Román Rodríguez presentó la obra de Madriñán - FOTO: X. Crespo
Román Rodríguez presentó la obra de Madriñán - FOTO: X. Crespo

REDAC.   | 23.11.2019 
A- A+

Santiago. A mostra I am light, do fotógrafo compostelano Jesús Madriñán, foi presentada onte nunha rolda de prensa no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) na que participaron o director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, e a comisaria do Xacobeo 21, Cecilia Pereira. Trátase dunha exposición integrada na programación da Xunta de Galicia polo Ano Santo, que permite explorar os rostros dos peregrinos actuais grazas as imaxes de Madriñán.

I am light, título da mostra, é unha frase extraída dunha carta atopada entre tantas outras mensaxes que os peregrinos deixan en cruceiros e lugares sinalados do Camiño. A exposición faise coa intención de subliñar o carácter poliédrico e luminoso da experiencia, reúne 23 retratos de peregrinos, que aparecen de maneira individual, en parellas ou en grupos de tres. A secuencia de retratos vai sendo punteada por pequenas fotografías das mensaxes escritas polos peregrinos en tarxetas, cartas e pedras, que narran un itinerario paralelo para os desexos, os anhelos e a procura persoal.


PUNTO DE INFLEXión. Durante a presentación, os representantes da Xunta lembraron a vinculación desta institución museística co Camiño de Santiago, xa que foi creada no ano 1993, coincidindo cun Ano Santo que supuxo "un punto de inflexión e o inicio dun proceso de modernización e desenvolvemento para toda Galicia". Neste contexto de unión, e co obxectivo de que a celebración do Xacobeo 21 estea presente no conxunto do Estado, o Goberno autonómico está a traballar para que esta exposición de Jesús Madriñán poida viaxar fóra da nosa comunidade.


VISITA GUIADA. Tras a presentación en rolda de prensa, onte pola tarde se celebrou o acto de inauguración, ao que asistiu o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, e no que estivo acompañado do director do CGAC, Santiago Olmo, e polo propio artista. Os asistentes puideron gozar dunha visita guiada á exposición na compañía do fotógrafo Jesús Madriñán.

O PERFIL

Proxección exterior O autor das imaxes que se poderán contemplar no CGAC ata o vindeiro 3 de marzo é un dos fotógrafos galegos novos con meirande proxección exterior. O seu traballo afástase do documentalismo e evita incidir no costumismo, nas tendencias e nas aparencias que se inscriben na moda.

Proxectos Con respecto ás anteriores series de Madriñán (Good night London, Boas noites e Dopo Roma), este é un proxecto de luz, luminoso en moitos sentidos.