Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Gran aposta pola marca FEST Galicia, que este ano terá doce festivais

Rodríguez ensalza a súa importancia "para a promoción do turismo musical" na comunidade//Destaca o intenso traballo en prol da calidade, sostibilidade e responsabilidade social

O calendario FEST Galicia 2019 desenvolverase entre os meses de xullo e setembro nos 12 festivais adheridos á segunda temporada desta iniciativa da Xunta, que este ano se vincula estreitamente ao Xacobeo 21 baixo o lema Festivais que fan camiño. Refórzase así a aposta por esta marca, impulsada pola Consellería de Cultura e Turismo, en colaboración con outros departamentos autonómicos, como vía de apoio a festivais considerados estratéxicos para a promoción do turismo musical de acordo con criterios de calidade, sostibilidade e responsabilidade social.

Nesta idea incidiu o conselleiro Román Rodríguez durante a presentación desta segunda edición, á que se incorporan Cantos na Maré de Pontevedra e Caudal Fest de Lugo xunto aos 10 eventos que xa participaran na experiencia piloto do ano pasado: PortAmérica, Resurrection Fest, Atlantic Fest, Vive Nigrán, Sinsal SON Estrella Galicia, 17º Ribeira Sacra, SonRías Baixas, Revenidas, Festival de la Luz e WOS Festival.

En todos eles, a Xunta organizará novas campañas de concienciación a prol da igualdade e da prevención da violencia, do uso do galego, do respecto medioambiental ou do fomento de valores positivos para a xuventude, que terán o seu epicentro nun renovado stand da marca, ao tempo que avanzará na medición do impacto económico e social dos festivais.


Plan transversal. Estas accións foron detalladas polo conselleiro de Cultura e Turismo e polas responsables do resto dos departamentos implicados de xeito transversal: Susana López Abella, secretaria xeral da Igualdade; Cruz Ferreira Costa, directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático; e Cristina Pichel, directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.

A través dela, os festivais obteñen un apoio económico adicional ás subvencións específicas que o Goberno galego convoca cada ano para eles. En concreto, como explicou o conselleiro, este ano a convocatoria de adhesión a Fest Galicia dotouse con 350.000 euros para contratos de patrocinio coas empresas organizadoras dos eventos.


contra a violencia sexual. Nesta contía inclúese a achega da Secretaría Xeral da Igualdade para as accións relacionadas coa difusión da súa campaña Agresión Off. Eu digo non á violencia sexual, á que fixo referencia Susana López Abella. Trátase de facer chegar as persoas asistentes aos festivais galegos material informativo de sensibilización e concienciación contra a violencia sexual e as agresións sexuais. Quixo lembrar a o utilidade da aplicación Agresión OFF, unha ferramenta institucional, da Xunta, con información útil e consellos para evitar e prever agresións sexuais, así como pautas para saber a onde dirixirse para maior apoio e información.


reciclaxe de residuos. A directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, Cruz Ferreira Costa, salientou que o departamento de Medio Ambiente non se pode quedar á marxe deste tipo de eventos e apoia as medidas para a recuperación e a reciclaxe de residuos vinculados aos grandes eventos, en particular, aos festivais. Así, en colaboración coas entidades responsables da xestión de residuos, instálanse contedores para a separación dos residuos e desenvólvense actividades de concienciación.


O galego volve crear ambiente. A Secretaría Xeral de Política Lingüística impulsará a campaña O galego crea ambiente, que ten como obxectivo dinamizar o uso da lingua galega nos festivais do verán apoiados desde a Xunta de Galicia, no marco das accións de desenvolvemento do Plan de dinamización da lingua galega na mocidade impulsado pola Consellería de Cultura e Turismo

O obxectivo desta campaña que tamén estará presente na internet é, por unha banda, crear consciencia do necesario que é que a xente nova se implique en causas xustas e, dalgún xeito, relacionadas entre si, como o coidado do medio e o uso da lingua galega e, por outra, animar a mozos e mozas a participar nun divertido concurso arredor da lingua galega no que poderán facerse con camisolas, gorras, bolsos etc. e optar a gañar unha bicicleta eléctrica ao remate da tempada de festivais.

O CARTEL

unha ducia de eventos

•••RESURRECTION FEST ESTRELLA GALICIA

Viveiro / 3-6 xullo / 14ª edición. O maior festival de hardcore, punk e metal da península, foi premiado en múltiples ocasións, e conta cun público moi fiel que chega desde todo o mundo.

•••8º PORTAMÉRICA Caldas de Reis / 4 ao 6 xullo / 8ª edición. Unha carballeira centenaria, propostas de música de ambos lados do Atlántico e unha espectacular zona gastronómica -o Show Rocking- onde é posible ver cociñar en directo a grandes chefs de todo o mundo.

•••17º RIBEIRA SACRA Ribeira Sacra / 18 ao 21 xullo (Monforte, Sober, Chantada) e 26 e 27 xullo (Castro Caldelas, Ribas de Sil, Nogueira de Ramuín) /3ª edición. Música, paisaxe, patrimonio, gastronomía e viño. Este festival propón concertos exquisitos en bosques centenarios, adegas, miradoiros, mosteiros, castelos ou a bordo dun catamarán que percorre o espectacular canón do Río Sil.

•••VIVE NIGRÁN Nigrán / 19 e 20 xullo / 3ª edición. Celébrase en Praia América, ofrece un cartel co mellor do indie nacional, e reivindica o concepto de picnic-pop festival para todo tipo de familias festivaleiras.

•••SINSAL SON ESTRELLA GALICIA Illa de San Simón-Redondela / 25-28 xullo / 17ª edición. Un dos festivais máis singulares de Europa. Un barco, unha illla e un cartel secreto que nos ofrece a posibilidade de descubrir novos universos musicais e vivir experiencias nun lugar cargado de Historia e patrimonio.

•••ATLANTIC FEST A Illa de Arousa / 26-28 xullo / 4ª edición. Un festival ao borde do mar que selecciona o mellor do panorama estatal e internacional, fai unha aposta por bandas galegas, e propón actividades náuticas, nunha illa fermosa e salvaxe que conserva o seu carácter auténtico.

•••SONRÍAS BAIXAS Bueu / 1-3 agosto / 18ª edición. Un público e un cartel con moita enerxía e carácter reivindicativo nunha vila mariñeira que ofrece algunhas das praias máis valoradas da península, e que ademais é porto de partida para visitar la Illa de Ons.

•••REVENIDAS Vilaxoán - Vilagarcía de Arousa / 9 -11 agosto / 16ª edición. O que se coñece como Festival das Linguas mestura romaría, sardiñada, veciñanza e unha aposta pola música en galego, que combina con bandas destacadas internacionalmente, e un montón de actividades, dentro do recinto e tamén a bordo.

•••FESTIVAL DE LA LUZ Boimorto / 6-8 setembro / 8ª edición. Un dos máis mediáticos grazas á súa embaixadora, Luz Casal e aos seus xestos solidarios. Os campos de millos xa son o sinal de identidade deste festival que pon en valor o rural galego, e onde caben todo tipo de públicos e propostas musicais.

•••WOS FESTIVAL Santiago / 11-15 setembro / 6ª edición. Unha proposta experimental e multidisciplinar, que programa música e arte de vangarda nos privilexiados espazos que ofrece a cidade de Santiago, e que está considerado o mellor festival indoor de Europa.

•••CANTOS NA MARÉ Pontevedra / 13 -15 setembro / 15ª edición. Logo de 14 anos de éxito, o Cantos Na Maré iniciou o ano pasado un novo formato que se abre a máis horizontes, máis xéneros e máis públicos; sen abandonar o fío condutor da lusofonía e achegando tamén contidos como a gastronomía, a narración oral e a danza.

•••CAUDAL FEST Lugo / 20-21 setembro / 2ª edición. Un festival que acaba de chegar e que en só unha edición logrou converterse na gran cita musical do ano en Lugo, cun cartel que aposta polo máis destacado do indie nacional para pechar o verán festivaleiro galego.

22 jun 2019 / 20:53
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito