El Correo Gallego

Noticia 217 de 699 noticia anterior de Santiago de Compostela: Cidade Universal Santiago » Santiago de Compostela: Cidade Universal

Gran interese dos galegos en 'O teu Xacobeo', con máis de 350 propostas

A comisaria Cecilia Pereira destacou "o carácter participativo" do Ano Santo 2021 // A cidadanía "ten que ser protagonista"

A comisaria do Xacobeo, Cecilia Pereira, participou onte nunha visita teatralizada de ‘O teu Xacobeo’ - FOTO: Xunta de Galicia
A comisaria do Xacobeo, Cecilia Pereira, participou onte nunha visita teatralizada de ‘O teu Xacobeo’ - FOTO: Xunta de Galicia

C. NOYA SANTIAGO  | 13.08.2019 
A- A+

A comisaria do Xacobeo 21, Cecilia Pereira, destacou onte a "gran participación" dos galegos na programación do vindeiro Ano Santo a través da iniciativa O teu Xacobeo, a convocatoria de proxectos aberta pola Xunta a toda a sociedade cun investimento total de 4,7 millóns de euros e que propiciará a posta en marcha de 352 iniciativas de dinamización en toda Galicia como antesala desta celebración.

Precisamente, Pereira participou onte nunha visita teatralizada polas rúas de Padrón e a área de Santiaguiño do Monte incluída dentro da programación de O Teu Xacobeo. A actividade, na que participaron preto de 50 persoas, a meirande parte rapaces de entre 5 e 12 anos, correu a cargo do actor Suso Martínez, que estivo caracterizado de Atanasio, o discípulo de Santiago que trouxo a Galicia o corpo sen vida do seu maestro e que narrou en primeira persoa este episodio.

A comisaria resaltou que esta actividade é un exemplo do "carácter participativo" do vindeiro Ano Santo ao tratarse dun proxecto proposto polo Concello de Padrón e incluído na programación de O teu Xacobeo. Precisamente, este programa inclúe máis de 350 proxectos propostos por concellos, empresas privadas e entidades sen ánimo de lucro, dos que máis dun cento terán lugar ata o remate do verán por toda a xeografía galega difundindo os valores do Camiño de Santiago.

Neste sentido, Cecilia Pereira incidiu na necesidade de facer do próximo Xacobeo 21 unha iniciativa "descentralizada", estendendo a súa influencia a toda Galicia, e no que a cidadanía sexa "protagonista", favorecendo a súa participación.

A visita teatralizada polas rúas da vila coruñesa enmárcase dentro do proxecto Padrón, o berce do Camiño, a iniciativa cofinanciada ao abeiro de O teu Xacobeo co obxectivo de poñer de relevo o patrimonio e a importancia deste concello no Camiño de Santiago.

INICIATIVAS. Ademais desta actividade, o proxecto inclúe outras dúas iniciativas. A primeira delas consiste na creación dunha aplicación web baseada en mapas interactivos con información sobre o patrimonio cultural inmaterial asociado ao Camiño de Santiago en Padrón e que se publicará na web do Concello. A segunda inclúe a realización deste tramo da Ruta Xacobea coa presenza dun guía durante todo o percorrido. Esta será unha das máis de cen actividades que a Xunta impulsará este verán no marco deste programa.

As diferentes propostas reflicten unha gran variedade. Desde as audiencias ás que van destinadas: público xeral, mocidade e infancia ou colectivos especialmente sensibles que precisan maior visibilidade; ata as temáticas: eventos sociais, culturais, deportivos ou que potencian a riqueza patrimonial do Xacobeo 21. 

{ SANTIAGO CAPITAL } LOS DATOS

1 Obxectivos Un dos obxectivos do programa é que chegue ao maior número de concellos galegos, con especial atención aos máis pequenos, e que teña en conta os diferentes Camiños, que abranguen máis de 1.500 quilómetros en toda a nosa comunidade, especialmente en municipios do rural. 

2 Monicreques Para os máis pequenos destacan os títeres que visitarán 14 localidades do recorrido francés, ata chegar a Compostela, ou as rutas a cabalo que se realizarán pola zona de A Guarda. Máis alá das actividades infantis, outra das finalidades do programa é faceres partícipe desta gran festa a todos os colectivos. Por esta razón a Fundación Menela organiza unha ruta por sete etapas do Camiño da Costa na que participarán máis de 20 adultos con TEA. Algo parecido fará a asociación Bata, pero nesta ocasión dende A Fonsagrada, O Cebreiro e Tui e botando man da App Applicae no Camiño, para axudar ás persoas con espectro autista. 

3 Outras actividades Tamén haberá proxeccións o aire libre que terán lugar na Pobra do Brollón; os seminarios internacionais que se preparan en Catoira, ou as accións sostibles coas que o concello de Ribadeo busca reforzar o compromiso do Camiño de Santiago con a seguridade das mulleres que deciden peregrinar en solitario.

4 Deporte Ademais, haberá no ámbito deportivo eventos de distintas disciplinas, además de actividades dirixidas e o aire libre como rutas organizadas, sempre "respetuosas" co medio ambiente. 

5 Ámbito social As iniciativas relacionadas coa área social contemplan proyectos que teñen que ver, fundamentalmente, coa defensa dos dereitos humanos, entre outros moitos temas.