Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
SANTIAGO CAPITAL

'Hamlet', protagonista no 'Escenas do cambio' máis internacional e xacobeo

O Festival, que organiza a Xunta de Galicia, acollerá seis estreas de artistas estranxeiros e galegos desde o 31 de xaneiro de 2020

Seis pezas tanto de artistas internacionais como de compañías galegas serán estreadas na sexta edición do Festival de inverno de teatro, danza e arte en acción da Cidade da Cultura, Escenas do cambio, que organiza a Xunta de Galicia. Deste xeito, reforza a súa proxección internacional, á vez que volve confirmar que é un excelente escaparate dos proxectos do sector da comunidade. Ademais, este 2020 terá como novidade a súa incorporación á programación do Xacobeo 2021.

O festival internacional do Gaiás contará entre as súas 10 pezas -que programará entre o 31 de xaneiro e o 8 de febreiro de 2020- coa primicia en España de obras de figuras de referencia internacional, que están ao fronte das accións máis anovadoras e vangardistas da escena actual. Así, a coreógrafa polaca-canadense Ula Sickle ondeará durante catro horas en Relay unha bandeira xigante negra por toda a Cidade da Cultura, para sumarse simbólicamente ás manifestacións en Polonia en defensa dos dereitos das mulleres; e Dorothée Munyaneza reconstruirá en Samedi Détente o xenocidio da súa Ruanda natal desde a perspectiva real, coma testemuña deste cruento conflito.

Nesta presenza de artistas con proxección internacional débese salientar a peza de Jerk, de Gisèle Vienne. A partir dunha novela de Dennis Cooper, co que habitualmente soe colaborar, a francesa reconstruirá o caso real de Dean Corll, quen asasinou a máis de 20 nenos en Texas coa axuda de dous adolescentes. A representación destas historias será a través dun actor-ventrílocuo e monicreques. Con este tipo de obras, como a de Munyaneza ou Vienne, Escenas do cambio mantén a súa aposta por pezas dunha alta calidade artística e netamente culturais que procuran promover, repensar e replantexar ópticas e perspectivas ao espectador e a súa conciencia.

Obra con xuíz, avogado e fiscal reais. O director xeral de Políticas Culturais da Xunta, Anxo M. Lorenzo, foi o encargado de presentar onte a programación deste festival na aula da Escola de Práctica Xurídica, onde o alumnado da Facultade de Dereito da USC fai simulacros de xuízos, xa que unha das obras importantes desta edición é Please, continue (Hamlet), na que se contará cun elenco xudicial real -un xuíz, avogado e fiscal en activo- para ficcionar en escena un xuízo ao coñecida persoaxe de Shakespeare. O dramaturgo e codirector catalán Roger Bernat trae por vez primeira a Galicia esta aplaudida obra, na que facendo desaparecer a chamada cuarta parede, tamén converterá ó público asistente en xurado popular nunha escenificación do cidadán Hamlet, acusado de matar o seu tío Polonio.

Programación Xacobeo 21. As propostas desta edición de Escenas do cambio foron postas en valor polo director xeral de Políticas Culturais, quen considerou que sitúan ó festival como unha das "citas culturais imprescindibles" para coñecer as propostas escénicas "máis innovadoras" e de "máis prestixio" no eido internacional, o que cualificou de "oportunidade única" para o público que asista ao festival. Ademais, anunciou a incorporación deste certame á programación do Xacobeo 2021, e puxo en relación a similitude da confluencia e convivencia en Escenas do cambio de artistas e compañías de diferentes partes do mundo -España, Portugal, Polonia, Francia, Austria, Hungría e Ruanda, nesta edición- coa que se produce nas rutas xacobeas cos peregrinos.

Na súa intervención, Anxo Lorenzo tamén salientou a alta presenza de creadoras mulleres nesta edición, "un total de seis, que supoñen o 50 por cento do repertorio do festival", remarcou. Á vez, lembrou que con esta participación o festival volve amosar a súa aposta pola creación e por temáticas desde perspectivas femininas.

Na presentación, o responsable de Políticas Culturais da Xunta estivo acompañado polo director artístico do festival, Pablo Fidalgo Lareo; o director da Agadic, Jacobo Sutil; a nova decana da Facultade de Dereito, Ana Gude; e os artistas galegos Quico Cadaval, Celso Sanmartín e os membros da compañía Pálido Domingo.

Tres estreas absolutas galegas. Precisamente, o director de Escenas do cambio tirou proveito da presenza dos artistas galegos na rolda para incidir na aposta do festival pola creación escénica da nosa comunidade. Neste senso, apuntou que as tres estreas absolutas son de compañías galegas, tanto de creadores consolidados, como son Quico Cadaval, Guti e Celso Fernández Sanmartín, que en Tres vellas (polo menos) ofrecerán unha orixinal sesión de contacontos mentres o público cea; como de emerxentes, como Los Bravú, coa súa performance Caderno de vacacións e Pálido Domingo con Pentecostés.

Entradas, o 30 de novembro

Escenas do cambio 2020 conta cunha rede de colaboradores como o Inaem, o Instituto Camões de Portugal en Vigo e tamén da Agadic, do Centro Dramático Galego, xunto ao Concello de Santiago e a USC. Ademais de na CdC, contará con representacións no Teatro Principal e o Salón Teatro.

Toda a información da programación pode consultarse en www.cidadedacultura.gal, e tamén en www.escenasdocambio.org, onde se poderán mercar as entradas a partir do 30 de novembro.

REPRESENTACIÓNS

Samedi Détente. Obra de Dorothée Munyaneza, o teatro Principal acollerá o 6 de febreiro, ás 20.30 horas, a súa estrea en España. Inspirada no xenocidio en Ruanda.

Ahora bailo yo. Dirixida e protagonizada pola bailaora Leonor Leal, a obra será representada o 1 de febreiro no Auditorio Neira Vilas (20.30 horas).

Caderno de vacacións. O Museo Centro Gaiás acolle o 1 de febreiro (19.00 h) esta obra de Los Bravú, unha parella artística formada por Dea Gómez e Diego Omil.

18 nov 2019 / 22:29
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito