El Correo Gallego

Noticia 36 de 444 noticia anterior de Santiago de Compostela: Cidade Universal Santiago » Santiago de Compostela: Cidade Universal

Impulso ao progreso coa nova estratexia para o turismo rural

Presentada no Parlamento de Galicia, inclúe dez retos e catro liñas de traballo // Daranse de baixa os establecementos xa non activos

A nova estratexia de turismo rural busca actualizar a oferta existente no sector galego
A nova estratexia de turismo rural busca actualizar a oferta existente no sector galego

LUIS MONTERO SANTIAGO  | 28.06.2019 
A- A+

Actualizar a oferta do sector é un dos obxectivos incluídos na futura Estratexia de Turismo Rural que impulsará a Xunta, e coa que aposta por un proceso de inspección de establecementos deste tipo para "dar de baixa" aqueles que xa non teñan actividade.

Así o apuntou onte a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, que participou na Comisión de Industria, a petición propia, informa Europa Press.

Entre os retos, indicou, o da "actualización" da oferta real en Galicia, dado que, dos establecementos rexistrados, "non todos están abertos e funcionan".

A actualización real da oferta é un dos dez retos deste programa. A maiores, aposta por potenciar a visibilización do turismo rural, fomentar a súa diferenciación con respecto a outras e establecer sinerxias con elementos complementarios, como a enogastronomía, o turismo de natureza ou o náutico.

Outro dos retos é favorecer o asociacionismo e a colaboración público-privada, mellorar a capacitación, incrementar a promoción, analizar pormenorizadamente os mercados ou revisar a norma, e mellorar a infraestrutura existente.

Segundo a proposta, estes retos articularanse en catro liñas e "centos de accións concretas", subliñou.

En primeiro lugar, a estratexia aposta pola potenciación da oferta do turismo rural, dos seus valores diferenciadores e da súa "vinculación coa contorna". "É un produto competitivo e de alta calidade", dixo Nava Castro, que enumerou accións como a elaboración dun catálogo de produtos, o impulso ás casas do Camiño de Santiago ou a "reestruturación" da oferta coa nova categorización por estrelas, que as "equiparará" ao resto de establecementos.

Buscará a profesionalización, a cooperación e a mellora da calidade, tendo en conta a "gran heteroxeneidade" dos distintos locais e apostando polas marcas de calidade e as asistencias técnicas individualizadas aos aloxamentos.

En terceiro lugar, marca a adaptación aos usuarios e ao mercado, en análise da demanda e a "comprensión dos fluxos", favorecendo a creación de "máis e mellores ferramentas para xestionar a oferta".

Finalmente, inclúese tamén unha estratexia de comercialización e promoción deste sector.

Desestacionalización. Nava Castro asegurou na súa intervención no Parlamento que o turismo rural é un "ámbito estratéxico para Galicia", e destacou o seu potencial para "desestacionalizar" a oferta e establecer "sinerxias co rural", contribuíndo ao seu desenvolvemento e a "asentar poboación". Recoñeceu que durante o ano pasado aumentou o número de turistas en aloxamentos rurais, "pero diminuíu a cifra de pernoitas", polo que é "necesario un novo impulso que sente as bases na próxima década, aumente a competitividade e desenvolva un produto diferencial". Os contactos para a elaboración desta estratexia, apuntou, comezaron "o ano pasado" e neste período celebráronse "máis de 20 mesas de traballo".

Apoio ao patrimonio vitivinícola co Museo do Viño en Ribadavia

Permitirá recuperar e conservar este legado, fomentando así o enoturismo

O Consello da Xunta deu onte un novo impulso a cultura galega ao autorizar o proxecto de decreto para crear o Museo do Viño de Galicia (MVG).

Trátase dunha infraestrutura situada no corazón do Ribeiro que permitirá recuperar, conservar e difundir o patrimonio cultural do sector do viño en Galicia, un dos máis importantes da nosa comunidade, facilitando o coñecemento, aprendizaxe e gozo dos cidadás en xeral e dos investigadores e estudosos do universo vitivinícola en particular.

A apertura enmárcase na aposta decidida da Xunta para outorgarlles aos museos o protagonismo que merecen, tendo en conta a súa cuádrupla dimensión: social, investigadora, pedagóxica e económica.

Con esta mesma finalidade, o Consello da Xunta autorizou o pasado mes de maio o inicio da tramitación do anteproxecto da que será a primeira Lei de museos e outros centros museísticos de Galicia.

É unha norma innovadora no ámbito autonómico e pioneira no eido do respecto pola pluralidade, o acceso á cultura, a integración da perspectiva de xénero e emprego das TIC.

Así, co obxectivo de reflectir o fenómeno histórico, paisaxístico e social ligado ás xentes viticultoras e viñateiras de Galicia, o museo, cuxo acceso será gratuíto, contará cun espazo monográfico en que se vai divulgar a historia e cultura do viño desde a Idade

Media e que estará permanentemente conectado coa sociedade e cos protagonistas de vitivinicultura galega da actualidade.

Este espazo monográfico estará dividido en sete ámbitos temáticos: os territorios vitícolas e a humanización da paisaxe agraria modificada por este cultivo desde a Idade Media, as actividades da viticultura, as denominacións de orixe, as variedades vitícolas, a comarca do Ribeiro, a produción en mosteiros, granxas e priorados e un último centrado no traballo na adega.

Ademais, o MVG contará coa colaboración e asesoramento das cinco denominacións de orixe do viño de Galicia e coas cinco rutas que achegarán información e animarán á participación activa no museo.