Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Invita ao diálogo con nós e o resto a mostra 'Galicia, un relato no mundo'

Composta por máis de trescentas pezas, a exposición agrupa retazos dunha historia na que poden sentirse a gusto todos os galegos

Como unha mostra "prodixiosa" que fai presente o pasado e que permite agrupar retazos dunha historia na que podemos sentirnos a gusto todos os galegos", así referiuse onte o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, a Galicia, un relato no mundo, inaugurada onte no Museo Centro Gaiás, na Cidade da Cultura, onde permanecerá aberta ata o próximo 12 de abril.

"Nela Galicia amósase como un centro inmemorial do mundo atlántico, un destino predilecto de peregrinacións, un eixo cultural de primeira orde, primordial na orixe do sentimento europeo", engadiu, subliñando que os visitantes poderán comprobar ademais que ese protagonismo galego non aparece esporadicamente nunha época, para esmorecer na seguinte, "senón que a nosa é unha luz permanente e inesgotable como demostran as testemuñas aquí reunidas".

A través de máis de 300 pezas, cedidas por preto de vinte coleccións privadas e sesenta entidades prestadoras, aseverou que esta primeira das tres grandes exposicións do Xacobeo 2021 quere ser un diálogo con nós mesmos e co mundo do que formamos parte.

"Aspira a contribuír a que medre o orgullo de ser o que somos, mediante a grandeza dos nosos históricos parentes", dixo, incidindo en que é un espello no que podemos mirarnos a nós mesmos.

Resaltou que xunto a este diálogo íntimo coa galeguidade, a mostra dialoga coa nosa contorna, dicíndolle ao mundo que a Galicia do século XXI segue sendo unha peza esencial no mosaico da humanidade.

"O que aquí se nos mostra, nos mitos, nas historias, nas memorias e nas vidas -engadiu-, é un pobo sen o cal a historia do mundo sería diferente, máis pequena, menos creativa, menos aberta".

Feijóo quixo trasladar o agradecemento, entre outros, ao Museo do Prado, á Biblioteca Apostólica Vaticana, á Bodleian Library, ao Trinity College de Dublín, á Universidade de Cambridge, ao Museo Nacional de Arqueoloxía de Portugal, á Casa de Galicia en Uruguai e á Biblioteca Nacional, por confiar na seriedade dun proxecto no que brilla a colaboración institucional, na profesionalidade do equipo dirixido polo comisario Manuel Gago e na transcendencia do Xacobeo, un fenómeno universal.

Concluíu salientando que exhíbese unha concordia retroactiva "que nos axuda a facer aínda máis grande a idea de Galicia".

Entre as máis de trescentas obras, se poderán contemplar pezas que nunca antes se exhibiron en Galicia, cun elevado valor simbólico e que resultan esenciais para comprender a cultura e a identidade da nosa comunidade.

Así, a Xunta chegou a un acordo co Trinity College de Dublín para que, por vez primeira, saíse de Irlanda o Libro das Invasións, onde se atopa a primeira mención coñecida a Breogán.

É parte do Book of Leinster -compilación da literatura medieval irlandesa- e dá conta da invasión de Irlanda por diferentes pobos, entre eles os conquistadores de Brigantia.

Asinouse un acordo de préstamo coa Cambridge University-Parker Library en virtude do cal pódese contemplar, tamén por primeira vez en Galicia, o Mapa de Sawley. Considerado un dos primeiros mapa mundi enciclopédicos europeos, da época do Pórtico da Gloria (s. XII), representa a Catedral de Santiago como o edificio máis importante de Europa, ilustrándoa en maior tamaño que a Basílica de Roma.

Exhibe dous códices calixtinos: o da Biblioteca Vaticana e o da Universidade de Salamanca; conta co Cancioneiro da Vaticana, que co de Ajuda e o da Biblioteca Nacional de Lisboa son o corpus máis valioso da lírica medieval galaico portuguesa; e acolle a Santa de Francisco Asorey. E mostra a Biblia Kennicott -a testemuña máis importante da presenza xudía en Galicia.

14 nov 2019 / 21:19
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito