El Correo Gallego

Noticia 38 de 667 noticia anterior de Santiago de Compostela: Cidade Universal Santiago » Santiago de Compostela: Cidade Universal

'Lalín cruce de camiños' rescata a figura de Laxeiro peregrino

Pola esquerda, a concelleira Begoña Blanco xunto a Valentín García, tras a presentación do proxecto - FOTO: Xunta de Galicia
Pola esquerda, a concelleira Begoña Blanco xunto a Valentín García, tras a presentación do proxecto - FOTO: Xunta de Galicia

MARÍA RENDUELES LALÍN   | 18.10.2019 
A- A+

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou onte na presentación de Lalín, cruce de camiños, un proxecto coordinado polo Concello, representado por Begoña Blanco, concelleira de Cultura, Turismo, Parques e Xardíns e Igualdade, e incluído no programa O teu Xacobeo que pretende pór en valor os dous itinerarios que pasan pola capital do Deza, o Camiño de Inverno e a Vía da Prata.

Dentro das actividades programadas ao abeiro deste proxecto, rescatarase a figura de Laxeiro peregrino nunha ruta teatralizada que terá lugar en Lalín a partir do luns, 21, ata o venres, 25, para escolares, e o sábado, 26 de outubro, para o público xeral. Trátase dun percorrido de dous quilómetros dentro do itinerario do Camiño de Inverno baixo o título Laxeiro peregrino na Romea, e que descorre pola ruta que facía Laxeiro cada vez que viña a Lalín.

Segundo o secretario xeral, a iniciativa consegue "xuntar o Camiño de Santiago, Laxeiro, como pintor universal, e Novoneyra. Laxeiro porque vive e nace ao pé do Camiño e Novoneyra porque é o gran cantor dos camiños de Santiago, incluído o de Inverno".

Segundo explican na rolda de prensa, de luns a venres, celebraranse un total oito rutas polo Camiño de Inverno destinadas ao alumnado dos centros educativos de Lalín, a modo de dous colexios por día. Os escolares poderán coñecer este itinerario que se empregaba para fuxir das naves do inverno e farano da man de Laxeiro. Comezará na casa natal do pintor e un actor interpretará ao artista ao longo do percorrido.

Esta ruta repetirase o sábado, 26 de outubro, ás 12,00 horas, e será necesaria inscrición previa no enderezo concellodelainxacoeo21@gmail.com. O proxecto inclúe unhas audioguías que se poden consultar previamente.

Ademais do camiño que homenaxea ao pintor nado en Lalín, haberá outra ruta guiada, o día 27 de outubro, dentro da Vía da Prata baixo o título Camiño do sudeste, pegadas con historia e que sairá ás 10.30 horas do Albergue de Laxe. Este percorrido será de cinco quilómetros e concluirá na praza da Igrexa, ás 13.00 horas, onde terá lugar o concerto do grupo de música tradicional Mayalde, con cancións sobre temáticas da Vía da Prata. Nesta ruta haberá a disposición do público unha guía un biólogo e unha lingüista que traballará sobre a toponimia.

Indicar, finalmente, que o proxecto Lalín, cruce de camiños, incluído no programa O teu Xacobeo, pretende achegar ao público xeral a riqueza patrimonial, cultural e humana do Camiño de Santiago.