El Correo Gallego

Noticia 51 de 444 noticia anterior de Santiago de Compostela: Cidade Universal Santiago » Santiago de Compostela: Cidade Universal

Licitan por máis dun millón o 1º albergue público na cidade olívica

Rehabilitarase un edificio en ruínas no barrio do Berbés e outro inmoble na praza Peñasco

ECG   | 26.06.2019 
A- A+

Os traballos para a construción do primeiro albergue público da cidade de Vigo e do Camiño Portugués da Costa acaban de ser licitados pola Xunta por 1,2 millóns de euros. O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, e o delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio L­ópez-Chaves, presentaron onte o proxecto que permitirá a rehabilitación dun edificio en ruínas situado no emblemático barrio do Berbés e doutro inmoble ubicado na praza Peñasco, que conformarán un mesmo establecemento. O responsable de Turismo subliñou que este proxecto amosa o "compromiso" do Goberno galego coa cidade olívica e co Camiño Portugués da Costa, unha ruta "en constante crecemento" e que no que vai de ano xa se sitúa como a terceira máis visitada polos peregrinos que chegan a Santiago, rexistrando preto de 8.000 visitantes no que vai de ano, un 80 % máis que en 2018. Ademais, Román Rodríguez destacou que se trata dunha obra que permitirá "avanzar na recuperación do patrimonio cultural" da cidade, xa que a restauración preservará os materiais tradicionais empregados no edificio como as carpinterías de madeira ou a pedra natural. Tamén se conservará o soportal e a fachada de pedra existentes nas plantas baixa e primeira. O prazo de execución desta obra será dun ano a contar desde a sinatura do contrato, polo que o titular de Cultura concretou que o obxectivo da Xunta é que este proxecto estea listo para o próximo Xacobeo 21. "O próximo Ano Santo é unha cita na que a cidade de Vigo está chamada a xogar un papel fundamental", explicou Román Rodríguez.