El Correo Gallego

Noticia 63 de 667 noticia anterior de Santiago de Compostela: Cidade Universal Santiago » Santiago de Compostela: Cidade Universal

O mellor teatro galego en Santiago

O Centro Dramático Galego deseñou unha programación de excepción que se desenvolverá no Salón Teatro de Compostela ata finais de ano // Destaca a importancia deste organismo como unidade da Xunta destinada á dinamización e apoio do traballo dos actores

Un dos protagonistas de Animales sagrados de Aporía Escénica
Un dos protagonistas de Animales sagrados de Aporía Escénica

ANDRÉS BERNÁRDEZ  | 21.09.2019 
A- A+

Desde hoxe e ata o próximo día 4 de xaneiro, están programados no Salón Teatro unha gran cantidade de espectáculos para deleite dos amantes da interpretación. O ciclo, deseñado polo Centro Dramático Galego como unidade da Xunta de Galicia, encádrase dentro dos seus obxectivos de difusión escénica e apoio ás compañías galegas e empezará esta tarde, ás 20.30 horas, coa presentación de Deixa de Tocala, Sam, unha obra creada por AveLina Pérez e que, dirixida a un público adulto, crea un interesante xogo cos espectadores e enche o escenario dun xeito pouco habitual en representacións con tan poucos protagonistas. Xa maña, terá lugar a segunda sesión da mesma función, ás 18.00 horas.

Tamén está prevista a participación do equipo de teatro de Os Náufragos, unha compañía que leva anos defendendo a interpretación galega e que traerán ao Salón Teatro Karelu, unha peza que fala da educación no entorno familiar e de como a violencia e a crise de valores afecta a sociedade actual. O espectáculo contará con tres pases que terán lugar o venres 27 de setembro, ás 20.30 horas; o sábado 28 á mesma hora e o domingo 29 ás 18.00 h.

Durante o mes de outubro, destacan catro novas citas, entre as que se aotpa Como ceniza blanca sobre una hoguera, que chegará ao Salón o día 11 como parte da programación do ciclo Camiño Escena Norte. Tamén, entre os días 18 e o 20, representaráse O que Segue, un espectáculo promovido por Funboa Escénica en coprodución co Centro Dramático Galego. Pecharán este mes cheo de arte dramático os membros de La Quintana Teatro, coa presentación, entre os días 24 e o 27, de Desde o invisible e os de Producións Teatrais Excéntricas que, en coprodución co grupo Teatro de Adro, exporán Cartoóns, entre o xoves 30 de outubro e o domingo 3 de novembro. Despedirán o ano as impresionantes representacións de Fang (Barro) o día 30 de novembro e Se fosen turistas levarían gafas de sol, unha das maiores obras desta programación que se manterá no Salón Teatro desde o 11 de decembro ata o 21 do mesmo mes, grazas ao traballo de Limiar Teatro e do Centro Dramático Galego.

Neste senso, destaca a importante labor deste organismo que, creado no ano 1984, é unha unidade da Xunta que leva varias décadas dedicada á produción e distribución de espectáculos teatrais, sendo de especial importancia a súa función como dinamizador do teatro local e apoio imprescindible para o aproveitamento do talento dos actores galegos. O CDG ven levando a cabo un intensivo traballo para dar a coñecer ao público xeral o gran circuíto de teatro que existe na comunidade autónoma, esquecido moitas veces na organización dos grandes ciclos culturais que cada ano se levan a cabo nas diferentes urbes galegas. Así, grazas ao incansable traballo dos xerentes do Salón Teatro e ao talento das diferentes compañías que ata finais de ano pasarán por este escenario, o público compostelán poderá disfrutar dunha boísima selección de obras de distintas temáticas e inspiracións que albergan o mellor do teatro da terra. Os interesados que queiran máis información sobre as entradas e futuras actuacións, deberán achegarse á taquilla do Salón Teatro.