El Correo Gallego

Noticia 35 de 444 noticia anterior de Santiago de Compostela: Cidade Universal Santiago » Santiago de Compostela: Cidade Universal

Monumenta andar con arte achega o patrimonio cultural á cidadanía

Composto por oito andainas, o ciclo inclúe actuacións e accións gastronómicas

ECG   | 28.06.2019 
A- A+

Santiago. O director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, participou onte na presentación da sétima edición de Monumenta andar con arte, un programa de actividades culturais organizado pola Consellería de Cultura que se desenvolve en formato de itinerarios culturais a través de tres eixos: os Camiños de Santiago, a emigración e o ámbito mariño.

Así, do 3 ao 31 de agosto, propón un total de oito andainas en Ares, Moaña, Sober, Oia, Cervo, Padrón, Castro Caldelas e Parada de Sil. Algunhas delas contan con actividades complementarias como Monumenta escoita e Monumenta degusta, ambas vinculadas con artistas e produtos locais.

A ruta das canteiras de Moaña e a construción da paisaxe urbana en Galicia contará coa actuación da agrupación Tanxedoras e coa colaboración da cooperativa A MeixoEira; a da música no Camiño e música para camiñar ofertará unha actuación da agrupación O Trícole e poderase degustar a rosca de Sober; a andaina do mosteiro de Oia e a historia do clima no Camiño Portugués da Costa contará coa participación do coro Encaixe, Apatacón e Faia Díaz de De Vacas, e ofrecerase información sobre o percebe.

No que respecta á visita a Sargadelos en Cervo, poderán escoitarse as composicións de Belém Tajes e Maritxinha e os asistentes poderán descubrir o ourizo; na ruta de Padrón, a sociedade agrícola A Pementeira achegará aos participantes ao pemento de Herbón; en Castro Caldelas falarase do orixe da bica e na de Santa Cristina de Ribas de Sil os asistentes escoitarán ao dúo formado polo clarinetista Fernando Abre e o guitarrista Pablo Carrera, mentres se ofrece información sobre a festa da Pisa da Castaña.

O ciclo tamén conta con expertos nos temas que centran cada unha das andainas, engadendo coñecementos a unha experiencia única. Así, o 3 de agosto o xeógrafo físico e divulgador científico Juan López e o presidente da Agrupación Instrutiva de Caamouco, Ernesto López, serán a mellor compaña para percorrer Redes, en Ares.