El Correo Gallego

Noticia 139 de 589 noticia anterior de Santiago de Compostela: Cidade Universal Santiago » Santiago de Compostela: Cidade Universal

Mulleres na ruta xacobea (XIII)

Mulleres peregrinas de extracción popular e hospitais no Camiño de Santiago (II)

Mosteiro das Huelgas en Burgos
 - FOTO: ECG
Mosteiro das Huelgas en Burgos - FOTO: ECG

XOSÉ ANTONIO GRELA  | 02.09.2019 
A- A+

No Hospital del Rey en Burgos, nas súas constitucións asinadas en marzo de 1496 declárase que a atención nocturna aos doentes se levase a cabo por homes, especificando "que non sexa muller", pero tamén se recolle nunha visita no ano 1500 por parte do delegado dos RRCC, D. Fernando Vázquez de Arce, onde consta que xa dispuña dunha dependencia ou anexo chamado "hospital de mulleres peregrinas".

Con leves variacións, estes hospitais coas súas constitucións ou definicións marcaron uns regulamentos que afectaban a botica, aos médicos, sangradores, mestre de quebraduras, cirurxiáns, intérpretes, enfermeiros, despenseiros, cociñeiros, barbeiros... quedando por escrito os soldos, rexistro de doentes, obrigas e horario do persoal, inventarios...

Porque había que regular as doenzas que se excluían, o número de noites que podía pasar cada peregrino (o común era unha noite, aínda que se precisaba máis descanso podía en función da demanda botar dúas ou tres), pois se chegaba enfermo non contaba o tempo, podía permanecer ata que curase e, se viaxaba con acompañantes ou animais, tamén se tiña a obriga de aloxalos.

Pero, tal e como se recolle en aparte adicional, nun dos últimos regulamentos asinado o 23 de agosto de 1851, por parte da abadesa das Huelgas de Burgos ao recuperar o control do Hospital del Rei: "como quiera que el número de peregrinos que van a Santiago va siendo cada vez menor, no obstante lo visitan algunos dignos de la Regia Beneficencia que se dispensa en este asilo de piedad.

Para evitar que la vagancia pueda guarecerse en este Santo recinto, el Enfermero Mayor queda autorizado, como hasta el día lo está, para hospedar y recoger a los verdaderos romeros o peregrinos, teniéndose por tales únicamente los que, mediante el correspondiente pasaporte en regla, justifiquen el objetivo de un viaje, y al regreso de su peregrinación presenten el certificado de haber cumplido su promesa, examinando el citado Enfermero Mayor estos documentos con todo cuidado, y llevando un libro corriente donde anotará, por días todos los admitidos, con expresión y claridad, igual a la que se observa a los enfermos" (Arquivo Mosteiro das Huelgas, A.M.H. leg.20. nº751-4, apéndice final).

Estes hospitais foron concibidos para os peregrinos, pero non foron alleos ás guerras, fame, epidemias nin flutuación no número de peregrinos segundo as épocas. Agora si, poñamos nome a algunhas das peregrinas que pasaron por estes centros como mostra dun conxunto que ben podemos imaxinar a través dos séculos. Sabemos os seus nomes.

 


Sabemos que fixeron o Camiño, que foron peregrinas:

 

Isabel Juana Alday, peregrinou a Santiago en dúas ocasións, en 1796 e 1803. Na primeira viaxe figura acompañada do seu marido, Pablo de Medina. Foi atendida ao regreso do santuario xacobeo no hospital de San Xoán de Oviedo, o 14 de xuño de 1796 e o 15 de agosto de 1803, esta vez en compañía de Rita Echeverría e dunha nena que ben podería ter sido a súa filla.

 

María Teresa Alfaro, figura documentada nos libros de rexistro do Hospital Real ata en oito ocasións, entre 1831 e 1841. Sempre fixo o Camiño coa súa familia, que foi medrando ata estar constituída polo seu marido, Juan Leal e os seus tres fillos: Juan, María e Amalia.

 

Juana Álvarez, "natural de San Pedro de Zezebores, del Consexo de Pelonia en Esturias" (Sevares, Piloña), ingresou no hospital do Buen Suceso o 4 de xaneiro de 1727, con 26 anos. No seu expediente consta que era viúva dun tal Andrés de la Torre. A súa data de alta: 11 de febreiro de 1727.

 

María Antonia de Buelta, de Llanes, Asturias. Peregrinou a Santiago a primeiros do s. XIX. O 24 de maio de 1803 consta a súa presenza, na compaña do seu marido, Manuel de la Fuente e dunha filla, no hospital de San Xoán de Oviedo.

 

María Ceballos, consta a súa estancia o 22 de outubro de 1802 no hospital de San Xoán de Oviedo, cando regresaba do santuario xacobeo xunto co seu esposo Antonio Santos de San Pedro e de tres fillos, un deles menor de cinco anos.

 

Dorotea Neviedes, oriúnda da Rioxa. Foi atendida en San Xoán de Oviedo o 10 de xuño de 1796 cando ía de camiño a Santiago na compaña de Cathalina Lozano.

 

Eulalia Pérez, veciña da parroquia de Sevares, no concello asturiano de Piloña. O 21 de xuño de 1803 foi atendida en San Xoán de Oviedo e canda ela ían súa nai, Isabel Miranda e o seu irmán Josef Pérez. Pararon de novo o 24 de agosto. Este grupo formado por nai e dous fillos tardaron máis de dous meses en percorrer a distancia de ida e volta entre Oviedo e Santiago de Compostela.

 

María Rasa Jusco, peregrina bretoa. Ingresou no hospital do Buen Suceso o 23 de xuño de 1765. Na súa ficha quedou escrito que era filla de Meche Seduque Eyane e de María Seduque. Tiña 40 anos e era viúva. O 12 de xullo foi dada de alta.

 

Ana Margarita Solamarcher, alemá. Testemúñase a súa presenza cando volve do santuario compostelá o 4 de xullo de 1795 en San Xoán de Oviedo.

 

María de la Vega, veciña de Santander. Documéntase a súa peregrinación en Oviedo o 14 de agosto de 1802, cando ía de camiño a Santiago, xunto co seu esposo Josef Sánchez del Bueno, dun fillo e das súas cuñadas, Teresa e Antonia.

Como podemos ver moitas mulleres peregrinaron coa súa familia e facendo o Camiño en máis dunha ocasión. Outras moitas aparecen citadas formando parte dun grupo onde ela mesma ou algún dos membros precisou atención sanitaria.

É innegable a presenza da muller no Camiño de Santiago. Sirvan estes dez exemplos para facernos unha idea daquelas mulleres que non pasaron nin pasarán á historia, pero que foron importantes e indispensables nas súas familias e que viaxaron con elas para non quedar fóra desta catarse relixiosa.

Si, porque o Camiño de Santiago nunca foi un camiño de trekking. Só comprenderemos ben o pasado cando non o vexamos cos ollos do presente, senón coa alma daqueles mesmos a quen miramos.

Só entón, entenderemos a forza, o espírito e a fe de todas as mulleres peregrinas que hai máis de mil anos puxeron os seus pés cara un finis terrae, cara o corno dunha península, cara unha esquina do mundo, movidas como mulier-viator por unha forza interior á que lle podemos chamar de moitas maneiras, pero que sempre estivo no interior da humanidade e que nos marca e define como especie.

Ennio, o pai de todos os clásicos que virán despois, o gran poeta latino do s. II ac., respectado e venerado por todos, do que non se conservan as súa obras senón de maneira indirecta, a través das citas de todos os grandes que o admiraron: Cicerón, Virxilio, Quintiliano... deixou escrito: "e creo que foi por consello dos deuses, que emprendeches agora este Camiño". (Ennio, Telephus, 148. Juan Martos, Ennio. Fragmentos, Gredos Clásica, 352, p. 439).