El Correo Gallego

Noticia 106 de 589 noticia anterior de Santiago de Compostela: Cidade Universal Santiago » Santiago de Compostela: Cidade Universal

O noso folk en Lorient chega a máis de 100.000 persoas

Mercedes Peón pechou o Ano de Galicia no histórico encontro bretón // A bandeira do Xacobeo 2021, estivo ben presente alá

Quinto pola dereita, Román Rodríguez, entre outros moitos protagonistas da expedición galega en Lorient.  - FOTO: XUNTA
Quinto pola dereita, Román Rodríguez, entre outros moitos protagonistas da expedición galega en Lorient. - FOTO: XUNTA

ROSA CANO SANTIAGO   | 12.08.2019 
A- A+

Máis de 100.000 espectadores asistiron desde o día ata a pasada fin de semana os 66 concertos protagonizados por grupos e artistas galegos durante 49ª edición do Festival Intercéltico de Lorient (Francia), na que este histórico encontro da cultura celta celebrou o Année de la Galice (Ano da Galicia) coa colaboración da Xunta.

A actuación de Mercedes Peón na noite de antonte pechou esta participación galega, que tivo un gran protagonismo tanto dentro da programación oficial do evento como na promovida pola Consellería de Cultura e Turismo no pavillón de Galicia en Lorient, que recibiu máis de 50.000 visitantes durante nove días.

Uns 300 músicos e bailaríns dunha vintena de formacións integraron a que é unha das nosas delegacións artísticas máis numerosas dos últimos anos.


PARTICIPANTES Dela formaron parte algúns dos nomes máis internacionais da nosa música, como Carlos Núñez ou Milladoiro, xunto con artistas que están a renovar a nosa tradición musical, como Davide Salvado, Xosé Lois Romero e Aliboria, Talabarte ou Tiruleque, e agrupacións que, como Xacarandaina, traballan día a día na súa recuperación, mantemento e difusión.

Galicia foi, por exemplo, a protagonista do concerto inaugural deste certame, Os camiños de Breogán, un espectáculo sinfónico de música e danza tradicional coa participación de 130 artistas, que recibiu unha gran ovación do público que encheu o pasado día 2 o Théâtre de Lorient.

A el asistiu o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, quen tamén participou en diferentes accións de promoción de Galicia como destino cultural e turístico, coa ollada posta na celebración do próximo Xacobeo 21.


75.000 ASISTENTES no Gran Desfile Así mesmo, a presenza galega deixouse sentir con forza polas rúas desa cidade da man da Banda de Música Municipal de Silleda, a Banda de Gaitas de Forcarei, Xacarandaina e Invernía durante o Gran desfile das nacións celtas, que congregou máis de 3.500 artistas de Asturias, Bretaña, Cornualles, Escocia, Illa de Man, Irlanda, Gales e Galicia, e foi seguido en directo por uns 75.000 asistentes.

Igualmente, os artistas galegos tiveron un papel principal tanto nas Noites Intercélticas, onde Abraham Cupeiro, Xacarandaina, a Banda de Gaitas de Forcarei e Invernía se presentaron no estadio de Moustoir con capacidade para 15.000 espectadores, e especialmente, na Gran Noite de Galicia do día 5 con Xosé Lois Romero e Aliboria, Tiruleque e os artistas do espectáculo Os camiños de Breogán.

Ademais, desde o pavillón de Galicia reforzouse a promoción da nosa cultura con outras 56 actuacións. Así, a grandiosidade da Ruta Xacobea amosouse desde este espazo coa exposición O Camiño de Santiago. Unha experiencia na que o fotógrafo monfortino Manuel Valcárcel ofrece un percorrido polo patrimonio natural e cultural, os pobos, as cidades e as paisaxes de Galicia.