Lunes 21.10.2019 Actualizado 00:39
Google    

El Correo Gallego

Noticia 223 de 604 noticia anterior de Santiago de Compostela: Cidade Universal Santiago » Santiago de Compostela: Cidade Universal

Pontedeume, nova ­capital do Camiño Inglés por un día

Reuniu por terceiro ano o mellor dos 18 concellos polos que discorre este itinerario xacobeo

González Formoso, no centro, nun momento da súa visita.  - FOTO: Dacoruña
González Formoso, no centro, nun momento da súa visita. - FOTO: Dacoruña

MARÍA ABASCAL PONTEDEUME   | 23.06.2019 
A- A+

A Deputación da Coruña converteu a Pontedeume na capital do Camiño Inglés coa celebración da feira Primavera no Camiño, que, por terceiro ano consecutivo, volveu reunir aos dezaoito concellos polos que discorre este itinerario xacobeo nun gran evento que este ano se celebrou na praza da Alameda da localidade eumesa, co obxectivo de promocionar os múltiples atractivos etnográficos, culturais, naturais e gastronómicos desta ruta que conecta os portos de Ferrol e A Coruña con Santiago.

Na inauguración do acto, o presidente en funcións da Deputación, Valentín González Fomoso, acompañado polo rexedor eumés e deputado provincial, Bernardo Fernández; o deputado de Economía e Facenda, Antonio Leira; o presidente da Asociación de Concellos do Camiño Inglés, Manuel Mirás, e numerosos alcaldes e concelleiros destes dezoito municipios coruñeses, proclamou a Pontedeume como "epicentro por un día dunha ruta xacobea que funde as súas raíces históricas na Idade Media e que, a través dos séculos, contribuíu a forxar a identidade única dos nosos concellos".

Formoso subliñou "o simbolismo" dun acto "que pon de manifesto o esforzo conxunto que concellos e Deputación estamos a facer dende hai tempo para impulsar o Camiño Inglés e desenvolver un tipo de turismo sustentable, que axude a dinamizar as economías locais. Porque o Camiño é patrimonio, cultura, paisaxe..., pero é tamén economía para os concellos da nosa provincia", afirmou. Ademais, "une dende hai séculos a provincia da Coruña co norte de Europa e as illas británicas, constituíndo unha canle permanente de intercambios culturais, lingüísticos e etnolóxicos", dixo.

O acto oficial de inauguración rematou coa entrega dun galardón ao cronista José Raimundo Núñez-Varela y Lendoiro.