El Correo Gallego

Noticia 68 de 444 noticia anterior de Santiago de Compostela: Cidade Universal Santiago » Santiago de Compostela: Cidade Universal

Preto de 200 concertos nas vinte salas da Rede Galega de Música ao Vivo

Cun orzamento de 170.000 euros, haberá actuacións de xuño a decembro

Igloo tocará hoxe no Bianco Sama de Vilagarcía - FOTO: G.
Igloo tocará hoxe no Bianco Sama de Vilagarcía - FOTO: G.

REDACCIÓN   | 21.06.2019 
A- A+

Santiago. A Rede Galega de Música ao Vivo, circuíto promovido pola Xunta en colaboración con vinte salas de catorce localidades, achégalle ao público unha oferta de 199 concertos de 54 solistas e grupos, maioritariamente galegos.

A programación, que arrancou a mediados deste mes e se estenderá ata decembro, conta cun orzamento de máis de 170.000 euros, dos que un 90 % é asumido pola Consellería de Cultura a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), mentres que o 10 % restante corre a cargo dos locais asociados.

A Administración autonómica mantén, así, a súa aposta por esta iniciativa, tras a renovación acometida o ano pasado ao aumentar nun 105 % o investimento destinado á contratación de grupos e ao introducir unha serie de cambios consensuados coas principais asociacións do sector para reforzar os estándares de profesionalidade. A súa actividade anual súmase á dos outros tres circuítos de espectáculos que xestiona a Agadic (Rede Galega de Teatros e Auditorios, Rede Galega de Salas e Cultura no Camiño) no sentido de favorecer a circulación dos espectáculos escénicos e musicais producidos en Galicia.

Desprégase en vinte salas de catorce concellos, que suman unha capacidade para máis de 3.000 persoas: BâBâ Bar, Café-Concerto Jazz Filloa e Sala Garufa Club na Coruña, A Pousada das Ánimas en Boiro, SalaSon en Cangas, Sala Super8 en Ferrol, A Ventana en Laxe, Club Clavicémbalo en Lugo, A Fundación e Pub Gatos en Melide, Var con Uve en Moaña, Sala Baranda no Barco de Valdeorras, Náutico no Grove, Borriquita de Belém, Casa das Crechas e Moon Music Club en Santiago, La Fábrica de Chocolate Club e La Pecera en Vigo, Bianco Sama en Vilagarcía e Arca da Noe en Vilar de Santos.