Miércoles 16.10.2019 Actualizado 17:39
Google    

El Correo Gallego

Noticia 49 de 604 noticia anterior de Santiago de Compostela: Cidade Universal Santiago » Santiago de Compostela: Cidade Universal

Protagonismo galego no Gran desfile das nacións celtas

Máis de 3.500 músicos de todo o mundo, entre eles trescentos da delegación de Galicia en Lorient, participaron neste evento

O conselleiro de Cultura e o director da Agadic, con membros da delegación galega presentes no Festival de Lorient.
O conselleiro de Cultura e o director da Agadic, con membros da delegación galega presentes no Festival de Lorient.

LUIS MONTERO. SANTIAGO   | 05.08.2019 
A- A+

Máis de trescentos artistas que integran a delegación galega presente nesta edición do Festival Intercéltico de Lorient participaron onte pola mañá no Gran desfile das nacións celtas, o evento central do histórico encontro da cultura celta que este ano conmemora o Ano de Galicia.

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, asistiu ao acto no marco da súa viaxe institucional á vila francesa durante toda esta fin de semana, da que tamé forman parte o director da Agadic, Jacobo Sutil.

O desfile tivo lugar polas diferentes rúas de Lorient e contou coa participación de máis de 3.500 músicos, cantantes, bailaríns, artistas visuais e académicos cineastas das chamadas nacións celtas (Asturias, Bretaña, Cornualles, Escocia, Illa de Man, Irlanda, Gales e Galicia). O evento foi seguido en directo por máis de 70.000 espectadores.

A delegación galega alí presente está composta por algúns dos artistas galegos máis internacionais, entre os que destacan nomes tan recoñecidos para o gran público como os de Carlos Núñez, Mercedes Peón ou Milladoiro, xunto con outros que están a renovar a nosa tradición musical, como é o caso de Davide Salvado, Aliboria ou Tiruleque, e diferentes agrupacións que traballan día a día na súa recuperación, mantemento e difusión.

Intensa promoción. Ademais desta actividade, a presenza da delegación da nosa comunidade no festival céntrase no pavillón dedicado a Galicia.

Trátase dun espazo que ten por obxectivo a promoción da música e a danza galega, ao tempo que se favorece a difusión de Galicia como un destino cultural, gastronómico e turístico, centrando a vista na celebración do vindeiro Ano Santo no 2021.

Así mesmo, como complemento ao programa artístico, a nosa autonomía fai gala estes días en Lorient da súa riqueza gastronómica a través da degustación de produtos típicos, promocionando a súa calidade como destino turístico, en colaboración co Clúster Turismo de Galicia.