Miércoles 16.10.2019 Actualizado 18:35
Google    

El Correo Gallego

Noticia 14 de 604 noticia anterior de Santiago de Compostela: Cidade Universal Santiago » Santiago de Compostela: Cidade Universal

Proxecto de renovación que converterá o CSHG nun referente turístico

Máis de 5 millóns na posta en marcha de diferentes propostas // Estratexia de formación para os traballadores en activo

Román Rodríguez, centro, conversa con Victoria Otero e co presidente do Clúster Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal
 - FOTO: ECG
Román Rodríguez, centro, conversa con Victoria Otero e co presidente do Clúster Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal - FOTO: ECG

REDACCIÓN   | 23.09.2019 
A- A+

A Xunta presentou o Plan 2020-2025 do Centro Superior de Hostelería de Galicia (CSHG), unha folla de ruta que inclúe a mellora da oferta formativa, a aposta pola internacionalización e realización de actuacións de renovación das instalacións deste centro, que este ano celebrou recentemente o seu 25 aniversario como un referente no sector turístico dentro e fóra da nosa comunidade.

A presentación realizada correu a cargo do conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez; a vicerreitora de Titulacións da Universidade de Santiago (USC), Victoria Otero, e o presidente do Clúster Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal.

O responsable de Cultura explicou que o plan conta cun investimento de máis de cinco millóns de euros, para poñer en marcha accións ligadas ao modelo turístico do Goberno galego, centrado na sustentabilidade, a calidade e a mellora da competitividade e a profesionalización do sector. No eido formativo, destacou a implantación do grao de Innovación Gastronómica e Xestión Hoteleira, que botará a andar na USC no curso 2021-2022, coincidindo coa celebración do Xacobeo 21.

A titulación permitirá mellorar a formación regrada do Centro Superior de Hostelería de Galicia, e contará coa participación e implicación do Clúster Turismo de Galicia e doutros profesionais do sector a nivel autonómico, nacional e internacional. Neste sentido, Rodríguez salientou que a posta en marcha desta titulación permitirá que o centro siga sendo referente dunha formación solvente, sólida e de alto nivel, dentro e fóra das nosas fronteiras. A implantación deste grao culminará no ano 2025, cando finalicen os seus estudos os alumnos da primeira promoción.

A mellora formativa do CSHG completarase cunha estratexia de formación para profesionais en activo, xa en fase de deseño, que favoreza a reciclaxe profesional a outros sectores, a formación en novas tendencias, a innovación vinculada ás particularidades de cada territorio e que atenda aos turismo emerxentes e á accesibilidade. O proxecto inclúe, ademais, a celebración de cursos, seminarios, accións formativas ou foros de debate. De feito, este mesmo ano iniciaranse os primeiros cursos de idiomas para profesionais, co fin de mellorar a súa formación e favorecer a súa capacidade de traballo en entornos diversos e multilingües.

Outro dos proxectos incluídos no Plan 2020-2025 é a creación dun viveiro de empresas nas instalacións do centro, para dinamizar a actividade emprendedora no eido turístico e gastronómico. En concreto, habilitaranse espazos para dar cabida ata a cinco empresas, e crearanse zonas de reunión e melloras nos servizos, o equipamento e os recursos do centro, co fin de lograr un ambiente que propicie a cultura corporativa e de innovación.