El Correo Gallego

Noticia 74 de 589 noticia anterior de Santiago de Compostela: Cidade Universal Santiago » Santiago de Compostela: Cidade Universal

Román Rodríguez González / Conselleiro de Cultura e Turismo

“Queremos que o Xacobeo sexa o noso ‘petróleo’ social e económico non contaminante”

{ Lalín, 1968 } A recente presentación do Plan Estratéxico do Xacobeo 2021 permitiu establecer as liñas mestras da programación dunha conmemoración que o conselleiro considera fundamental para o desenvolvemento económico de Galicia, e no que quere deixar ben atados todos os flecos, empezando pola rehabilitación da Catedral

Román Rodríguez, principal responsable da programación do Xacobeo 2021 - FOTO: Fernando Blanco
Román Rodríguez, principal responsable da programación do Xacobeo 2021 - FOTO: Fernando Blanco

CARLOS DEAÑO. SANTIAGO   | 28.07.2019 
A- A+

Moitas miradas están postas na cada vez máis próxima celebración do Xacobeo 2021. Unha conmemoración que se está a preparar cunha considerable antelación, y con un obxetivo claro: que todas as obras e proxectos estén listos cando abra a Porta Santa da Catedral de Santiago. Un dos principais responsables desta minuciosa planificación é o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez.

Comecemos falando precisamente desta preparación.

Presentamos o plan hai poucos días, un documento que marca liñas mestras, porque era necesario adaptalo ás demandas actuais dunha sociedade, que nos últimos dez anos ten cambiado moito, e era preciso ter en conta eses cambios. Ademais, estamos na antesala dun novo ciclo virtuoso, con tres xacobeos en once anos, e é a ocasión de que Galicia lle mostre ao mundo toda a nosa forza, e aproveitar este tirón para posicionarnos cunha perspetiva integral a todo o mundo.

Cales van ser os seguintes pasos na preparación?

Esta planificación vai ter un segundo fito a finais deste ano coa presentación da programación. Estamos traballando con moito tempo, con moita planificación. Non somos soviéticos, é dicir, que hai certa flexibilidade, e sobre todo, o que queremos é facelo participativo, dacordo cos axentes culturais, turísticos, económicos, sociais de Galicia, para que todos estemos involucrados e nos sintamos parte dun proxecto que é para toda Galicia. Empezamos con tempo porque temos unha moi mala experiencia do 2010, porque cando chegamos ao Goberno non había nada feito e tivemos que organizar un Xacobeo cáseque de emerxencia.

Ademais da programación, tamén se fixo un especial esforzo inversor

Hai dúas liñas de financiamento. Unha pública e outra privada, e a Xunta fixo xa pública a súa axenda inicial, con 247 mi­llóns, que é unha cantidade de mínimos que pode medrar. E neso estamos todas as consellerías da comunidade autónoma, cun plan de investimentos para a mellora física e infraestrutural do Camiño. A iso temos que engadir toda unha serie de accións de carácter social, deportivo... Unha liña na que tamén están traballando o Concello de Santiago, e terá que estar tamén o Estado. Xa no seu momento se lle plantexou a Mariano Rajoy e despois a Pedro Sánchez, e esperemos que nalgún momento llo podamos plantexar a alguén, para que haxa un esforzo inversor na liña do que ten a comunidade autónoma. Estamos seguros de que todos os concellos e deputacións van traballar na promoción e mellora dos servizos nos camiños. Por outro lado, está a parte privada na que estamos traballando en liñas financeiras favorables para as empresas vencelladas ao Camiño. Firmamos cunha entidade financeira un acordo que permitirá por a disposición dos emprendedores do Camiño mil millóns de euros para operacións financeiras e, por último, o sistema de patrocinios, sobre o que xa firmamos un acordo público.

Un dos aspectos polo que se fai unha aposta especial, además de polo patrimonio histórico, é tamén o patrimonio verde.

Estamos nunha Galicia que queremos que sexa sustentable e fantástica para vivir. Temos un gran valor paisaxístico e natural ao que fan alusión todos os visitantes xunto co patrimonio histórico y gastronómico. Queremos implementar accións que potencien os valores ambientais do Camiño, e non so os 120 municipios polos que atravesa a Ruta. É un proxecto que vai máis alá. Temos que entender que estamos a falar dun proxecto integral que se extende a toda a Galicia.

O Plan Estratéxico fala tamén da necesidade de aproveitar o Xacobeo para extendelo a toda Galicia, máis alá do Camiño

O Camiño é unha das experiencias máis significativas. Nas enquisas que realizamos aos visitantes, o 97,7 % recomendan visitar Galicia, ou afirman que están dispostos a volver para percorrer outros itinerarios xacobeos. É unha carta de presentación gañadora que repercute en toda Galicia e na actividade económica. O ano pasado viñeron de 180 países, e cada ano non só incrementamos o número de peregrinos, senón tamén a porcentaxe de extranxeiros, que se converten en prescriptores, co cal estamos ante un elemento tractor dunha experiencia vivencial única no mundo.

Outra das prioridades que se destacan é a necesidade de diversificar a oferta para incrementar o tempo de estancia.

Os peregrinos botan moitos días en Galicia, e cando chegan a Santiago o punto de referencia é a Catedral. Pero xa levamos tempo traballando cos axentes turísticos para abrir o casco histórico ao conxunto da cidade. O propio entorno de Santiago ten uns atractivos e uns recursos naturais de primerísimo nivel. Estamos traballando, e incluso temos xa algunha proposta feita para organizar rutas dentro da propia cidade, que poden ter un papel fundamental. Pensemos por exemplo no complexo de Bonaval, que se vai reforzar coa ampliación do Museo do Pobo Galego, ou na Cidade da Cultura, coa súa potencia arquitectónica e as actividades que alí se desenvolven. Temos que abrir a cidade, porque o punto central ninguén o discute, pero Compostela está chea de atractivos culturais e turísticos que é preciso dar a coñecer.

É dicir, ampliar a oferta a todo tipo de inquietudes.

Unha oferta cultural e turística debe respostar aos diferentes perfiles sociais. Ten que cubrir todos os ámbitos, xoves e maiores. A vantaxe de Santiago é que é unha cidade cunha escala moi humana, que se pode complementar coa oferta existente en toda a comarca.

Dentro do que é o patrimonio histórico, tamén cabe destacar o esforzo por recuperar moitos aspectos da memoria máis recente, como a través dos programas de dixitalización.

Temos moitos proxectos no ámbito cultural nos que a dixitalización é fundamental. Por exemplo, a biblioteca Galiciana, ou todo o que ten que ver con Memoria Dixital. Na sociedade do futuro, e incluso a actual, teñen unha forte carga o mundo dixital. Os xoves viven dentro del, e calquera oferta cultural, de ocio, ten que estar vencellada a este mundo.

Dentro destas novas tecnoloxías destaca tamén a aposta decidida polo mundo audiovisual, pola creación dunha 'Marca do Camiño'

O audiovisual é un destacado elemento de comunicación que chega a millóns de persoas. Nós fixemos unha aposta moi forte que tivo un notable éxito, e que estamos seguros de que vai marcar un punto de inflexión no coñecemento da cultura Xacobea. A través dun concurso entre u­nha serie de proxectos que foron evaluados cun gran rigor técnico, promovimos unha serie na que unha empresa compostelana, asociada a Amazon Prime, que é unha das grandes plataformas de difusión de contenidos audiovisuais do mundo, e outra empresa como Beta Films, que é unha das grandes distribuidoras a nivel europeo, imos por en marcha o proxecto Tres Camiños. Unha serie para que sexa emitida a través de Amazón Prime, o que lle vai dar unha potencia de difusión altísima e estamos seguros de que será un elemento promocional das Rutas Xacobeas de primerísimo nivel.

Todo preparado pois para u­nha convocatoria que moitos definen como unha oportunidade, pero tamén como un reto

Efectivamente, é unha oportunidade e ao tempo un gran reto, no que hai que ter en conta aspectos organizativos, para dar unha resposta e un servizo ás persoas que van vir a Santiago, e Galicia no Xacobeo, pero non so no 2021, senón como secuencia lineal alomenos ata a 2027. Leváronse a cabo xa moitas cousas, na rehabilitación da Catedral, ou en todo o que ten que ver co Monte do Gozo, cos accesos a Compostela, con algunhas accións que teñen que ver coa acollida ao peregrino, que mellorou moitísimo, coa mellora de accesibilidade á propia cidade. Pero temos que seguir traballando para que a experiencia sexa positiva. A previsión é dun número significativo de peregrinos, turistas e visitantes, e temos que darlles os mellores servizos, porque se non estaremos creando prescriptores á inversa, o que sería tremendamente prexudicial para Galicia e para o Camiño. Falaba desa liña, porque ademais de pensar nos anos santos, é preciso tamén ter en conta o 'día despois'

Nós non queremos que o Xacobeo sexa flor dun día, ou que sexa unha agregación simple de eventos e fastos. Queremos que sexa sostible, e que ao día seguinte siga habendo una Galicia en positivo, que aposte pola innovación, pola cultura, polo medio ambiente, que en certa medida esté preparada para o futuro. Partindo da base de que sempre queda moito por facer. Temos a sorte de que este evento especial e único se repite no tempo, e creo que a experiencia que temos de cando coinciden varios Anos Santos encadeados é positivo, tanto no crecemento económico como no sentimento de orgullo de país. Neste ano, prevemos un incremento do PIB de Galicia en torno ao 0,9 % , e unha creación de emprego en torno aos 11.000 estables. Eso nos da idea da importancia que ten, porque temos antecedentes de que o pico de emprego e crecemento económico consolídase nos anos seguintes. Queremos que o Xacobeo sexa o noso particular petroleo; petróleo social, petróleo cultural, e un petróleo económico. Temos que rentabilizalo ben, porque é un petróleo non contaminante. O Xacobeo, o Ano Santo, non teñen contraindicacións.

Neste senso, un factor positivo é a colaboración coas outras administracións.

Si. Estamos traballando, por ejemplo, co Concello de Santiago, co que temos unha boa liña de traballo. A mágoa é que non temos interlocutor no Estado por esa situación precaria na que xa levamos varios meses e parece que non se vai solucionar a curto prazo. E o papel do Estado é fundamental, e a nosa idea é plantexar unha colaboración en termos semellantes á que fai a Xunta, que sería o lóxico pola trascendencia que ten, non so para Galicia, senón para España, porque o Camiño pasa por moitas comunidades autónomas, e estamos seguros de que vai haber unha aposta importante. Tamén cos concellos temos mecanismos de colaboración e coordinación.

Convencido entón de que a conmemoración será un gran respaldo para a comunidade?

Galicia non se entende sen o Camiño, nin o Camiño se entende sen Galicia. E creo que este gran recurso co que contamos, o que temos que facer é conservalo. Preservar, manter vivos, as súas orixes, o seu sentido, pero tamén entendelo como unha palanca de desenvolvemento, fundamentalmente para aqueles concellos polos que transcurre, moitos deles de natureza fundamentalmente rural, onde os escasos estímulos de desenvolvemento son os que están vencellados ao Camiño. En moitos concellos do interior da nosa comunidade, se non existira este importante dinamizador económico que é a Ruta Xacobea, o terían moi difícil.