El Correo Gallego

Noticia 30 de 444 noticia anterior de Santiago de Compostela: Cidade Universal Santiago » Santiago de Compostela: Cidade Universal

Recoñecemento a Álvaro Siza na Fundación Manolo Paz

O arquitecto luso participou na apertura das xornadas que a entidade dedica ao achegamento entre Galicia e Portugal

Manolo Paz, Álvaro Siza e o conselleiro Román Rodríguez, onte na fundación - FOTO: Gallego
Manolo Paz, Álvaro Siza e o conselleiro Román Rodríguez, onte na fundación - FOTO: Gallego

LORENZO FERNÁNDEZ SANTIAGO   | 30.06.2019 
A- A+

A sede da Fundación Manolo Paz acolleu onte o seu recoñecemento ao eminente arquitecto portugués Álvaro Siza; unha homenaxe en Cambados á que asistiu o presidente do Parlamento galego, Miguel Ángel Santalices, o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, que tamén participaron na conferencia que o homenaxeado impartiu co gallo da apertura das cuartas xornadas desta institución, orientadas ao achegamento artístico entre Galicia e Portugal, e á entrega do galardón conmemorativo.

A fundación recoñece deste xeito o conxunto da traxectoria de Siza e, en especial, as relevantes contribucións realizadas en Galicia e, dun xeito particular, en Santiago, onde mostra a acertada conxugación de arquitectura e paisaxe, tanto na contorna do CGAC e o Parque de Bonaval, como no Campus Norte coa Facultade de Ciencias da Comunicación.

Nado en Matosinhos no 1933, recibiu algúns dos premios internacionais máis importantes da súa profesión, como o Pritzker, o Mies van der Rohe, a Medalla de Ouro do RIBA, a Medalla Alvar Aalto, a UIA Gold Medal ou a Wolf Prize in Architecture.

No eido autonómico, Siza recibiu no 2002 o Premio Internacional Grupo Compostela-Xunta de Galicia, que busca recoñecer a persoas significadas polo seu traballo en prol da unidade europea e da preservación do patrimonio cultural do Camiño de Santiago, así como dos seus valores.

Na súa intervención, Santalices reivindicou a aposta da Cámara galega por reforzar os vínculos con Portugal a través de iniciativas como a Lei de iniciativa lexislativa popular Valentín Paz Andrade para o aproveitamento da lingua portuguesa e os vínculos coa lusofonía, aprobada por unanimidade en marzo de 2014.

Trátase, ao seu xuízo, dun "paso modesto, mais un paso de xigante para que Galicia poida formar parte por dereito propio, sen renuncias nin complexos de inferioridade, da gran Commonwealth cultural que é a lusofonía".

O titular do lexislativo galego felicitou á Fundación Manolo Paz polo acerto de outorgar a súa distinción anual a Álvaro Siza, "un dos grandes arquitectos contemporáneos de todo o mundo" ao que, na súa opinión, "podemos considerar medio galego, un de nós", en referencia aos vínculos históricos xeográficos e culturais que comparten Galicia e Portugal.

E tivo verbas de recoñecemento para o equipo da fundación polo éxito das súas xornadas artísticas, que este ano acadan a súa cuarta edición.