El Correo Gallego

Noticia 42 de 667 noticia anterior de Santiago de Compostela: Cidade Universal Santiago » Santiago de Compostela: Cidade Universal

Recoñecerán os Premios Galicia de Turismo as iniciativas exitosas

Impulsados pola Xunta e o clúster profesional, os galardóns outorgados serán nove// Poderanse presentar candidaturas ata o próximo día 10 de novembro

Fotografía de familia dos participantes na presentación dos Premios Galicia de Turismo, onte no CGAC compostelán
Fotografía de familia dos participantes na presentación dos Premios Galicia de Turismo, onte no CGAC compostelán

LUIS MONTERO SANTIAGO   | 05.10.2019 
A- A+

A Xunta e o Clúster Turismo de Galicia impulsarán a primeira edición dos Premios Galicia de Turismo, uns galardóns que recoñecerán iniciativas exitosas de persoas, entidades ou empresas co fin de desenvolver e mellorar o sector turístico galego.

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, e o presidente do Clúster Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal, foron os encargados de presentar onte esta iniciativa nun acto celebrado no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), no que tamén estivo presente a directora da Axencia Turismo de Galicia, Nava Castro.

Na súa primeira edición, os premios contarán con nove categorías. Tres delas terán carácter honorífico e serán outorgadas a persoas que contribuíron ao longo da súa vida á consolidación e prestixio de Galicia como destino turístico.

Serán as de Embaixador/a Nacional, Embaixador/a Internacional e Pioneiro/a.

Outras cinco distincións serán concedidas por un xurado composto por representantes da Xunta, do sector e do mundo da universidade, e recoñecerán aquelas iniciativas vangardistas e relacionadas co turismo sustentable, así como proxectos dirixidos á posta en valor do patrimonio histórico, artístico ou cultural de Galicia, ademais de accións de marketing ou comunicación para potenciar a imaxe da nosa comunidade como destino turístico ou diferentes eventos de promoción turística.

Por último, premiarase tamén ao mellor escenario de Galicia a través dunha votación online, que estará aberta ao público, entre 24 fotografías de distintos destinos turísticos galegos destacados pola súa beleza, coidado ou conservación.

Na súa intervención neste acto, o conselleiro de Cultura e Turismo destacou que se trata dunha iniciativa froito da colaboración entre a Xunta de Galicia e o sector que nace "con vocación de continuidade".

Ademais, Román Rodríguez puxo en valor o peso do turismo como motor económico e xerador de emprego.

Recordou que ese sector representa o 10,4 por cento do Produto Interior Bruto de Galicia e o 11 % dos empregos que se crean na comunidade, e agardou que estes galardóns sirvan para visibilizar o traballo dos profesionais e das empresas do sector.

"Queremos que estes premios se convertan na gran festa do turismo galego", resumiu, e engadiu que este evento permitirá amosar máis alá das nosas fronteiras as potencialidades do "modelo turístico galego", baseado na sustentabilidade, a innovación, a calidade, e a aposta pola mellora da profesionalización e a competitividade co fin de favorecer a desestacionalización e a descentralización dos fluxos turísticos.

Pola súa banda, o presidente do Clúster Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal, destacou que esta convocatoria forma parte da colaboración entre a Xunta e o sector co obxectivo de promocionar Galicia como destino turístico e seguir favorecendo o desenvolvemento sostible "dunha industria turística moderna e competitiva".

Román Rodríguez

conselleiro cultura e turismo

"Queremos que estes premios se convertan na gran festa do turismo"

"A iniciativa, na que colaboran a Xunta e o sector, nace con vocación de continuidade"