El Correo Gallego

Noticia 160 de 699 noticia anterior de Santiago de Compostela: Cidade Universal Santiago » Santiago de Compostela: Cidade Universal

Rodríguez destaca as boas cifras do turismo en Galicia

Firmou onte once convenios para realizar actividades de promoción dos xeodestinos

Rodríguez  - FOTO: ECG
Rodríguez - FOTO: ECG

REDACCIÓN  | 13.07.2019 
A- A+

Román Rodríguez, conselleiro de Cultura e Turismo, mantivo durante o día de onte un encontro con representantes de diferentes xeodestinos galegos cos que asinou once convenios de colaboración para a realización de diversas actividades de promoción e difusión turística.


Nesta liña, subliñou o comportamento “sobresaínte” da actividade turística en Galicia, que se comezará o verán como un dos destinos mellor situados do territorio nacional. Ademais, fixo fincapé en que é a comunidade autónoma que obtivo un maior crecemento na tempada media-baixa.


Estas boas cifras súmanse ao feito de que o 88 % dos empresarios deste sector esperan aumentar ou manter as súas vendas do verán pasado durante o presente exercicio e que o índice de confianza empresarial se sitúa no 32 %, triplicando a media española, o que amosa “as boas sensacións xeneralizadas no campo”.


Durante a sinatura dos convenios de colaboración, que suporán o investimento de máis de medio millón de euros en máis dun cento de municipios das catro provincias, Román Rodríguez puxo de manifesto o compromiso da Xunta de seguir colaborando na posta en valor dun turismo “tranquilo, responsable e competitivo”.


Nesta liña, o conselleiro lembrou a importancia desta actividade no rural, que no que vai de ano medrou un dez por cento con respecto ás cifras recollidas durante o 2018, sendo a modalidade que experimentou un maior crecemento.


Tamén destacou que a figura dos xeodestinos é “clave” na promoción dun modelo baseado na especialización e na mellora da competitividade da oferta, na diversificación de fluxos turísticos e na desestacionalización da demanda, “facendo de Galicia un destino atractivo os doce meses do ano”. Tal e como apuntou, “os xeodestinos contribúen á que a nosa comunidade sempre teña algo que ofrecer ao viaxeiro”.


Tamén se resaltou a importancia de seguir avanzando no obxectivo de facer da autonomía un destino “de calidade e excelencia”, especialmente tendo en conta a proximidade do Xacobeo 21.


Nesta liña, Rodríguez explicou que o próximo Ano Santo debe ser unha cita “que se deixe sentir en todo o territorio galego”, implicando “a todos os estratos da sociedade”, e que debe exercer como “motor de cambio”, incluíndo tamén o eido do turismo.


Durante o acto de sinatura estiveron presentes representantes dos xeodestinos Ancares-Courel, As Mariñas, Condado-Paradanta, Celanova-Baixa Limia, Deza-Tabeirós, Manzaneda-Trevinca, O Ribeiro, Ría de Muros-Noia, Ría de Vigo e Baixo Miño, Terras de Santiago e Verín-Viana. Tamén asistiron a directora da Axencia Turismo de Galicia, Nava Catro, e o director xeral de Desenvolvemento Rural, Miguel Pérez Dubois.