El Correo Gallego

Noticia 2 de 699 noticia anterior de Santiago de Compostela: Cidade Universal Santiago » Santiago de Compostela: Cidade Universal

Rodríguez fixa o Xacobeo 21 como gran motor de cambio

Luz Casal, os irmáns Vilas e o embaixador de Corea en España, Hong-jo Chun, galardoados nos Premios Galicia de Turismo

FOTO: Premios Galicia de Turismo
FOTO: Premios Galicia de Turismo

LUIS PLANAS SANTIAGO   | 04.12.2019 
A- A+

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, fixou o Xacobeo 21 como "gran panca de cambio" para a modernización e profesionalización do sector turístico galego. Na súa intervención durante a primeira edición dos Premios Galicia de Turismo celebrada onte no Teatro Rosalía de Castro da Coruña, asegurou que a celebración do vindeiro Ano Santo debe servir para que esta industria saia "máis fortalecida, máis profesionalizada, cunha oferta de maior calidade e máis competitiva".

O responsable de Cultura e Turismo aproveitou o seu discurso para felicitar as persoas e empresas galardoadas e celebrou a posta en marcha desta iniciativa, impulsada polo Goberno galego colaboración co Clúster Turismo de Galicia. Neste sentido, cualificou esta gala como a "gran posta de largo do sector" e sinalou que todos os premiados son "un exemplo do modelo turístico galego", baseado na calidade e a sustentabilidade.

Nesta primeira edición, os premios recoñeceron á cantante Luz Casal e ao o embaixador de Corea en España, Hong-jo Chun, nas categorías de Embaixador Nacional e Embaixador Internacional pola súa contribución á promoción de Galicia desde o eido cultural, no primeiro dos casos, e polo seu papel na difusión do fenómeno do Camiño de Santiago fóra das nosas fronteiras, no segundo. Na categoría de Pioneiro recoñeceuse aos irmáns Vilas, impulsores do restaurante Casa Vilas.


santiago Os premios recoñeceron, ademais, a restauración do Pórtico da Gloria na categoría de Patrimonio, a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial no apartado de Promoción turística, a axencia Pilgrim Travel na categoría de Vangarda, o festival Resurrection Fest como Mellor evento ou a asociación o Camiño dos Faros no apartado de Turismo Sustentable. Por último, premiouse tamén á vila de Ribadavia como mellor Escenario de Galicia nunha votación online aberta ao público entre máis dunha vintena de fotos de destinos turísticos galegos.

O conselleiro de Cultura e Turismo aproveitou tamén para poñer en valor o crecente peso do turismo galego, que supón o 10% do noso Produto Interior Bruto e o 11% de todo o emprego xerado. Neste sentido, apuntou ao próximo Xacobeo 21 como unha "oportunidade" para seguir impulsando a influencia deste sector na Comunidade baixo os parámetros da calidade e a excelencia.