El Correo Gallego

Noticia 53 de 667 noticia anterior de Santiago de Compostela: Cidade Universal Santiago » Santiago de Compostela: Cidade Universal

Solpor reforza os lazos do Camiño a Fisterra e Muxía con Compostela

Difundirá os seus recursos no evento Un mar de grazas // Forma parte de O teu Xacobeo

Membros de Solpor e do Clúster de Turismo en Italia
 - FOTO: ECG
Membros de Solpor e do Clúster de Turismo en Italia - FOTO: ECG

JOSÉ M. RAMOS   | 10.10.2019 
A- A+

Baixo o lema Un mar de grazas, Solpor, Asociación Camiño Santiago a Fisterra-Muxía, renderá o día 25 de outubro unha homenaxe á cidade de Santiago e aos recomendadores e embaixadores deste destino. Unha cita na que o sector profesional dos concellos polos que atravesa a ruta cara o finisterrae difundirá os seus recursos e "agradecerá o especial agarimo co que é tratado polo sector e a sociedade compostelá", afirman dende o colectivo.

A iniciativa forma parte do programa O Teu Xacobeo, impulsado dende a Xunta de Galicia, e deste xeito Solpor quere reforzar a ligazón entre os que traballan nesta prolongación dos camiños que levan a Fisterra e Muxía e os que o fan en Compostela.

O evento terá lugar no salón real e na capela do Hostal dos Reis Católicos e contará con máis de 50 empresas participantes, nun formato workshop que está especialmente pensado para os profesionais ligados ao Camiño.

A degustación dos produtos da Costa da Morte e doutros concellos polos que pasa a ruta, o sorteo de estancias e unha actuación musical serán outros atractivos de Un mar de grazas, onde se darán cita tamén autoridades autonómicas e municipais.

Jesús Picallo, presidente de Solpor, asegura que "quen veña ao evento atoparase co sector turístico e hostaleiro de calidade do noso Camiño. Para nós, a ruta é a fonte de creación de emprego e revitalización máis importante dos nosos lugares; e vinculados a el levan aparecido todo tipo de negocios e actividades".

Para asistir pregan confirmar a asistencia chamando ao 981 935346 ou a través do correo comunicacionsolpor@gmail.com.