Santiago
+15° C
Actualizado
domingo, 27 noviembre 2022
02:17
h

Carme Varela gaña cunha obra de teatro os Premios Selic

premio. Carme Varela foi a gañadora dos VI Premios Selic de creación literaria na modalidade de teatro, coa súa obra Faise o escuro. Así o anunciou a concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, encargada de comunicar o fallo do xurado correspondente á sexta edición dos premios. Na rolda de prensa estivo acompañada por Carme Varela, a gañadora, e Purificación Cabido Pérez, que recibiu un accésit pola obra Areanegra na Casa Encantada na categoría de ensaio.

Rosón felicitou as gañadoras pola calidade dos textos presentados e pola consecución do premio: “Por segundo ano consecutivo gaña unha obra de teatro escrita por unha muller. Tamén é de destacar que por primeira vez, é premiada unha obra de ensaio, escrita tamén por unha muller”. A concelleira puxo voz ao fallo do xurado, composto por Ana Cabaleiro, Agustín Agra, Eli Ríos, Vítor Vaqueiro e Berta Dávila, que concedeu o premio a Faise o escuro “pola fluidez, o ritmo da peza, a fondura emocional e psicolóxica da construción dos personaxes femininos e a súa relación, orgánica e non só incidental, coa cidade de Compostela”, e tamén destacou da obra a súa capacidade de romper “a cuarta parede e outros recursos metateatrais ao servizo dunha estrutura ben conseguida”.

Segundo o xurado, concedeuse o accésit á obra Areanegra na Casa Encantada por ser “unha crónica persoal de grande interese divulgativo”. A obra relata a experiencia do colectivo Areanegra tras o afundimento do Prestige, “unha loita que nace das marxes para converterse nun fito social do asociacionismo na nosa historia próxima”.

O Premio Selic ten unha dotación de 6.000 euros e de 1.500 para o accésit, así como a publicación da obra na colección Selic que edita o Concello de Santiago. A súa gañadora nesta edición afirma ter unha conexión co teatro desde a súa época de estudante no grupo universitario EIS e na compañía Os Quinquilláns. Cun gran recorrido profesional, foi directora de produción no Centro Dramático Galego e dende 2007 está ligada á empresa de comunicación Atlantis Multimedia. O seu primeiro texto teatral As desterradas recibiu o XXV Premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais, na edición 2020. s.g.

25 nov 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.