Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Cascada de millóns para renovar Compostela: o Real Padroado acorda un novo plan de cidade

A capital do futuro: unha reordenación das vías principais, a creación dun centro loxístico de distribución e melloras ambientais en todos os espazos verdes e ríos

Dezaoito anos despois o Real Padroado da Cidade de Compostela reuniuse de novo para planificar cal será a capital galega do futuro. De aquí nunha década, segundo os acordos alcanzados onte, a mobilidade urbana, as áreas verdes, as actividades culturais e a distribución vivirán un lavado de cara pensado para que a cidade sexa máis práctica, vangardista e sustentable. O Hostal dos Reis Católicos foi durante a tarde de onte o escenario elixido para acoller a reunión que converteu á cidade no centro de España coa presenza do rei e das máximas autoridades do equipo de goberno estatal. O acto estivo presidido por Felipe VI e o presidente do Goberno, Pedro Sánchez. Tamén participaron o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo; a vicepresidenta primeira do Goberno e ministra de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, Nadia Calviño; o ministro de Asuntos Exteriores, Unión Europea e Cooperación, José Manuel Albares; a ministra de Facenda e Función Pública, María Jesús Montero; a ministra de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, Raquel Sánchez; o ministro de Cultura e Deporte, Miquel Iceta; o delegado do Gobierno en Galicia, José Manuel Miñones; o alcalde de Santiago e presidente do Consorcio da Cidade -órgano executor do Real Padroado-, Xosé Sánchez Bugallo; o arcebispo de Santiago, monseñor Julián Barrio; o reitor da Universidad de Santiago de Compostela, Antonio López; e a subsecretaria do Ministerio de Cultura e Deporte, Andrea Gavela, que actúa como secretaria.

Na xuntanza, Sánchez Bugallo presentou a Proposta estratéxica plurianual do Consorcio de Santiago para o período 2021-2027-2032, a cal conta cun investimento previsto global de 281.562.000 €, que se artellan sobre tres importantes proxectos de actuación, entre os que destaca o chamado Dobre anel. Este propón reordenar os espazos perimetrais do centro da cidade: o eixe Basquiños-Virxe da Cerca-Senra, coa praza de Galicia como nodo central. A segunda pata dese dobre anel aborda as actuacións nos múltiples espazos verdes: a Alameda, o Campus Sur, os terreos do Xardín Botánico e Brañas de Sar. Tamén os corredores fluviais do Sar e o Sarela, e inclúense actuacións no Hórreo e en Sar, por ser dous conectores de toda á cidade: a rúa do Hórreo conecta a intermodal coa praza de Galicia e con toda a cidade histórica; e a rúa do Sar une a cidade histórica cos espazos verdes e coa Cidade da Cultura, o que permite ofrecer novos atractivos turísticos que poidan reducir a presión no centro, integrando ademais a Colexiata de Sar como conexión entre a cidade histórica e a Cidade da Cultura. Coa futura reordenación, a mobilidade de Santiago dará un xiro radical en termos de practicidade.

Pese a que a modificación das áreas de mobilidade é un dos que terá un impacto máis notable, o Consorcio destaca como a pata máis ambiciosa o proxecto Xestión de fluxos, centrado en garantir a preservación patrimonial da cidade histórica, facéndoa compatible coas necesidades e circunstancias actuais, tendo en conta a necesidade de reordenar a distribución de mercadorías e aprovisionamentos e o ciclo integral da auga.

Cabe sinalar que, a este respecto, o alcalde dixo nunha entrevista recente nestas páxinas que urxe a modificación do reparto de mercadorías na zona histórica, algo que xa se comezou a ataxar co cambio de horario de reparto na modificada ordenanza de transporte. Con ese obxectivo en mente, acordouse reordenar a distribución de mercadorías e os aprovisionamentos.

ROBOTIZAR O REPARTO E DAR UNHA NOVA VIDA A ESPAZOS EN DESUSO. As actuacións incluirán a creación dun centro loxístico robotizado de distribución, localizado preto do casco histórico e das principais vías de comunicación, a conformación do modelo con todos os axentes implicados, o deseño de rutas óptimas e a adquisición de vehículos de baixo impacto medioambiental.

Por outra banda, o proxecto Compostela Cultural Area busca utilizar os espazos patrimoniais dispoñibles, xunto con outros infrautilizados ou que se poidan xerar en áreas periféricas da cidade, como base de novas dotacións e propostas culturais, de residencias de artistas internacionais e de intercambios culturais. Búscase así crear produtos culturais ligados ao patrimonio para descentralizar o turismo; e tamén xerar festivais consolidados para os anos entre Xacobeos, ao estilo do acaecido con O Son do Camiño, co éxito xerado desde a súa creación en 2018. Ademais, destaca o sostemento de dúas institucións culturais: a Real Filharmonía de Galicia e a Escola de Altos Estudos Musicais. A maiores, non só a cultura tomará un novo impulso, senón que se porá tamén o aceno no plano sanitario. Así, unha das intervencións máis destacadas é a que quere recuperar parte dos edificios do antigo Hospital Psiquiátrico de Conxo e todo o seu contorno como Polo de Formación Profesional Biosanitario. Precisamente, unha das apostas municipais é fomentar a industria ligada á tecnoloxía sanitaria no futuro polo Sionlla Biotech, polo que este Polo sería un complemento máis a esa Compostela con tecido industria.

POLO AUDIOVISUAL DE GALICIA. Con esta mesma filosofía de recuperación e utilización de espazos patrimoniais infrautilizados, pretende crearse o Polo Audiovisual de Galicia, que se localizaría no Instituto Galego de Información, unha vez acometida a adquisición e rehabilitación do edificio. Por outro lado, aproveitando a longa experiencia do Consorcio en recuperar edificios para usos dotacionais da cidade (Museo das Peregrinacións e de Santiago, Ala Sur de Bonaval para Museo do Pobo Galego, Casa do Cabido, Curtiduría de Pontepedriña para Centro Nacional de Referencia en Formación en Rehabilitación...), proponse tamén recuperar e interpretar o espazo público e outros edificios para actividades.

Segundo trasladou o Consorcio, todas as liñas de actuación recollidas na proposta estratéxica plurianual do Consorcio forman parte dun obxectivo principal: construír un modelo transformador para mellorar todo o tecido da cidade: aumentar a súa competitividade, a posibilidade de mellorar a calidade de vida dos seus habitantes e a capacidade do seu territorio para evolucionar e adaptarse a distintos escenarios posibles, pero sempre desde a base do seu excepcional patrimonio cultural. Toma relevancia o punto de vista ambiental, nun proceso a longo prazo iniciado xa no presente coas diferentes peonalizacións das zonas do centro histórico da cidade.

Outros Eixos
Espazo residencial e comercial

Ás liñas principais de actuación súmase a rehabilitación e conservación do tecido residencial, a revitalización do tecido comercial, e a conservación e recuperación das grandes pezas monumentais da cidade. A estas engádese a Facultade de Xeografía e Historia, e dos seus bens mobles, o mantemento do Multiusos ou o Palacio de Congresos.

Tamén se prevé crear infraestruturas do século XXI que permitan á cidade histórica gozar das mesmas oportunidades que os barrios periféricos, continuar co mantemento do lousado, os programas de formación e divulgación en rehabilitación, así como a posta en valor do contorno dos camiños. Este proxecto camiña en consonancia coa descentralización que se pretende facer do turismo, para que os turistas visiten espazos fora dos habituais.

Felipe VI sitúa a Santiago como peza clave en España e no mundo
O rei indicou que a coordinación das diferentes institucións resulta fundamental

Santiago. Se había onte unha persoa fundamental para aportar aínda máis relevancia á reunión histórico do Real Padroado, ese foi o rei, encargado de presidir o evento. Felipe VI quixo poñer en valor a importancia da coordinación institucional representada onte pola plana maior das autoridades nacionais. Collendo como exemplo valores de solidariedade como os que aporta o Camiño de Santiago, o rei afirmou que é máis sinxelo entender que a unión sempre nos fai máis fortes. Asimesmo, quixo transmitir unhas palabras adicadas ao espazo que acolleu o acto, o Hostal dos Reis Católicos. O rei indicou que eses mesmos muros foron testemuños directos da función sanadora do Hospital para millóns de peregrinos ao longo dos séculos, desde os albores do século XVI.

Para o rei, a ampla presenza de autoridades na reunión representa como a coordinación entre todos é capaz de dar grandes froitos, como un bo traballo de equipo revirte positivamente na nosa sociedade. Asi, expresou que todos os ministros e gobernantes presentes demostran cada día desde as súas respectivas institucións que as industrias da cultura e do turismo en España están nunha constante evolución. Considera que estas crecen e desenvólvense entre os rápidos desafíos do século XXI ao calor de algo tan humano como é o espírito xacobeo que “nos inspira permanentemente y de tantas maneras”.

Felipe VI, en consonancia co apoio que leva mostrado á cidade do Apóstolo durante todo o seu reinado, situou a Compostela como unha cidade que nace dunha comunidade autónoma e que, grazas ao Camiño, proxéctase por todo o territorio español, europeo e mesmo mundial. Por iso, considera que a coordinación institucional resulta fundamental nunha cidade que forma parte do patrimonio histórico de todo o país. Neste eido, recordou o papel de Compostela como unha das cidades Patrimonio Mundial da Humanidade, un rango outorgado pola UNESCO tanto á cidade coma ao Camiño. En apelación aos membros que forman o Real Padroado da cidade, o rei indicou que as súas iniciativas nunha cidade coa relevancia histórica de Compostela van en consonancia coa tradición universal que venera ao Apóstolo e a un Camiño de Santiago que vai moito máis alá das fronteiras propias.

Ademais das palabras de Felipe VI, tamén o equipo de Goberno quixo sumarse á felicitación polos acordos adquiridos na reunión. Desta forma, Moncloa considera que se alcanzou “un compromiso histórico con Santiago y su Patrimonio Cultural”, e que do proxecto do Consorcio nace “la construcción de un modelo con impacto que asentará en la ciudad a las generaciones futuras”.

A cifra
2032

Todos os acordos que capitaneará o Consorcio teñen unha data no horizonte: o ano 2032. Nese momento, Compostela vivirá o terceiro Xacobeo nunha década -tras o presente e a súa prórroga, e o de 2027-. Esa será ademais a data na que, se todo sae segundo o previsto, a cidade tal e como a coñecemos xa non existirá. A zona centro, que rodea á praza de Galicia, será unha das ‘renovadas’.

25 jul 2021 / 23:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito