Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Chega a primeira xornada de outono tras un verán que deixou máximas históricas

José Ángel Docobo, director do observatorio Ramón María Aller: “A seca que levamos arrastrando todo este ano continúa”

Hoxe é o primeiro día de outono, e con el chegan algunhas ocasións para presenciar unha variedade de fenómenos astronómicos que suceden no marco da estación entrante. Así mesmo, é momento para facer valoración dos índices de precipitacións e temperaturas que deixou o verán en Compostela.

Explica José Ángel Docobo, director do Observatorio Astronómico Ramón María Aller, que foi exactamente ás 3 horas e 40 minutos da mañá de hoxe cando deu comezo o outono no hemisferio boreal: nese preciso instante, “o Sol posicionouse no punto Libra da eclíptica, atravesando o plano do ecuador dende o hemisferio norte da esfera celeste cara ao sur, dando paso á nova estación”, explica o director, a cal vaise prolongar ata as 21:48 do 21 de decembro, momento no que terá lugar o solsticio de inverno. De xeito complementario recorda o experto investigador que, semellante ao que acontece cando se inicia a primavera, “estamos en datas nas que teoricamente a noite e o día teñen a mesma duración, e de aí a orixe da palabra equinoccio coa que se coñecen estas dúas épocas do ano”.

Así, entre os fenómenos astronómicos máis salientábeis deste outono, apunta que destaca a choiva de estrelas Xemínidas, “unha das máis importantes do ano e que terá o seu máximo o 14 de decembro, agardándose poder observar ata 150 meteoros por hora na noite dese día”, mentres que outras choivas de estrelas, coma as Dracónidas e Oriónidas de outubro ou as Leónidas de novembro, presentarán unha intensidade moito mellor.

FENÓMENOS ASTRAIS. Ao respecto dos planetas, asegura o director do observatorio que Xúpiter e Saturno, “que agora pódense ver perfectamente a simple vista cara ao surleste a primeiras horas da noite”, permanecerán observábeis “durante todas as noites desta nova estación. Tamén é interesante facer constar que a Lúa estará aparentemente preto de ditos planetas nuns días en cada un dos vindeiros meses e, ao igual que o ano pasado, asistiremos a unha curiosa aliñación de Xúpiter, Saturno e Venus, logo do solpor, a finais do outono”, subraia; Venus, pola súa banda, seguirá como luceiro do alba, pasando a verse no solpor en novembro e decembro.

Finalmente, no referente a eclipses, Docobo apunta que haberá unha parcial de Sol de moi baixa magnitude que terá lugar o 25 de outubro e será observable no nordés peninsular, pero pasará inadvertida en Galicia excepto na súa zona máis oriental, “na que terá unha presenza residual”.

REPORTE CLIMATOLÓXICO. En canto a meteoroloxía, sinala o experto que as choivas da primeira quincena de setembro viñeron a corrixir en parte o déficit hídrico dos meses anteriores. “Nos últimos días de xuño medíronse 29,2 litros/m2 (en 5 xornadas + 1 con precipitación inapreciable) na estación meteorolóxica do Observatorio Astronómico Ramón María Aller; en xullo foron 5,7 l/m2 (en 3 +2 xornadas); 17,5 l/m2 en agosto (2 + 1), e 143,8 l/m2 nos primeiros 22 días de setembro (8 + 0). De modo que no cómputo total do verán caeron sobre Santiago un total de 196,2 litros/m2, que logo da forte seca sufrida converteuse globalmente nun verán bastante normal pluviometricamente falando, pero con choivas concentradas ao final da estación”, conclúe o astrónomo.

Neste senso, sinala que houbo veráns moito mais secos no presente século, como o de 2016 (con 72,4 l/m2) e ,sobre todo, o de 2010 con só 54,8 l/m2. E tampouco o bimestre xullo-agosto bateu récords de seca: segundo os datos que aporta o investigador, os 23,2 l/m2 correspondentes a estes meses de 2022 foron superiores aos 13,8 l/m2 do mesmo período de 2016; un bimestre que, recorda, fora especialmente seco nos anos 1981 (6,7 l/m2) e 1969 (3,1 l/m2)..

“Aínda así, a seca que levamos arrastrando todo este ano continúa”, asegura Docobo, xa que “ata agora mesmo van contabilizados só 670 litros/m2 na capital de Galicia a falta de pouco máis de tres meses para rematar o ano, cando a media anual é de 1.800 l/m2 e no ano máis seco, 2007, chegáronse a medir 1.200 l/m2. Polo que atinxe ás temperaturas, lembra que o verán que remata deixa 19 días con máximas superiores aos trinta graos na comarca compostelá, destacando “a calor abafante dos días 12 (39,2°C) e 14 (39,4°C) de xullo”. Tamén as mínimas, sen bater récord, foron especialmente severas neses mesmos días ao non baixar dos 23°C.

En conclusión, o astrónomo sinala que a media das máximas de xullo con 28,7°C é unha marca histórica, estando moi preto tamén a de agosto, con 27,5°C. Porén, a temperatura máxima absoluta segue a ser aquela do 20 de xullo de 1990 con 40,3°C, seguida dos 39,7°C do 12 de agosto de 2003.

22 sep 2022 / 21:28
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito