Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
Ao longo da xornada celebraranse desfiles de persoas ataviadas coa vestimenta tradicional // A praza da Quintana acollerá pola tarde a entrega de premios // Os concertos de Néboa e Rubéns Consort terán lugar esta noite, xunto co monólogo de Eva Soriano TEXTO Xiana Fole

Chega o mellor día para lucir o traxe típico galego polas rúas

Non hai mellor día para pasear o traxe galego pola rúa. Hoxe, no Día do Traxe, recórdase a importancia de homenaxear un elemento tan importante da nosa historia e cultura, malia que a celebración non poida ser tan multitudinaria como acostuma. “Ao igual que en 2020, a pandemia vai impedir que se faga o habitual desfile, pero aínda así será un día moi vistoso para celebrar e reivindicar o traxe galego. Haberá pasarrúas, misa solemne, recepción no Concello, certame de traxes, exhibición e un desfile adaptado ás circunstancias, no que só participáran os asistentes ao certame”; foi o que explicou o concelleiro de Festas, Gonzalo Muiños, no acto de presentación.

Así, hoxe ás 11.30 horas comezarán os itinerarios pola cidade, divididos en dous grupos de quince persoas, e nos que só participarán os integrantes da Asociación do Traxe Galego. “Este ano só abrimos os pasarrúas aos socios, pensando na pandemia. E aínda si, por desgraza, moitos quedaron fóra”, apunta Pilar Astray, presidenta da Asociación. O primeiro grupo realizará o pasarrúas dende a Alameda ata a Igrexa de San Paio de Antealtares, pasando pola Porta Faxeira, Rúa do Vilar, Praza de Praterías, Rúa da Conga, Praza de Feixóo, Rúa Preguntoiro e máis a Praza de Cervantes, onde se fará unha parada. O segundo grupo saírá de Cervantes para pasar pola Rúa Preguntoiro, Caldeirería, Orfas, Rúa Nova e parar na Praza da Quintana, antes de dirixirse á Igrexa de San Paio, onde aquel que o desexe poderá asistir á misa das 13.00 horas en lembranza dos socios falecidos.

Pero o feito de que só os socios poidan participar neses pasarrúas non quere dicir, nin moito menos, que a xente non poida ataviarse coas súas roupas tradicionais e sacar a pasear o traxe pola cidade. De feito, lembra Pilar Astray, esta é a esencia mesma do día: “O traxe forma parte das nosas vidas e queremos sacalo, na medida do que se poida. Aínda que non poidamos facer un desfile, agardamos que hoxe a xente se anime a poñer o traxe e saír á rúa. É o día para facelo”.

Tras unha recepción no Concello a mediodía, o programa reanudarase pola tarde co certame de traxes tradicionais no Museo do Pobo Galego. Ás 19.30, os participantes desfilarán dende Bonaval ata a Quintana, onde terá lugar a entrega de premios. “Cada ano facemos un recoñecemento a algunha persoa ou institución que vele polo traxe, que faga por protexelo. Este ano nomearemos a dúas socias de honra, que serán anunciadas esta tarde”, explica Astray. O acto pecharase cunha interpretación do himno galego.

Se botamos a vista atrás, o pasado ano foi o único no que non tivo lugar o concurso de traxes, despois de corenta anos consecutivos de celebración. Nesta ocasión, alcanzando a cuadraxésima segunda edición do festexo, volverá a competición a Quintana. “Pensamos que sería bo facelo, tanto para nós como para o traxe; e cremos que non nos equivocamos. Queremos que a xente manteña a ilusión e siga facendo o traxe”, destacou a presidenta da Asociación. “Tamén queremos reivindicar que o traxe forma parte da nosa cultura, da nosa tradición e das nosas vidas. Traxe, música e baile van unidos, e deberíamos reclamar que así sexa”, conclúe Astray.

Para eles é o día máis importante do ano, e cobra especial importancia nun contexto como o da pandemia, onde o illamento social permitíu á xente centrarse de novo nas tarefas creativas, incluíndo o bordado, calcetado e a confección destas vestimentas. O anhelado día chegou por fin, e este promete ser un ano espectacular para o traxe tradicional.

Ademais da homenaxe á indumentaria galega, a séptima xornada das Festas do Apóstolo comeza coas Alboradas a cargo da Asociación Cultural Pana Raiada. A tarde será o turno da música, o teatro e o cinema, comezando as 18.00 horas coa compañía teatral Mirari Urrozola, que levará a obra Feira das sementas ao Parque da Alameda.

Outro acontemento xa típico destas festas é o ciclo Cinema no parque, que comezou onte con dúas proxeccións no Eugenio Granell: o filme de animación Meigallos, e o galardoado documental Nación, un retraro das mulleres da fábrica de cerámica de Pontesa, dirixido por Margarita Ledo. Esta tarde o ciclo continúa con Volando Juntos (19.00 horas), unha historia real sobre unha viaxe polos ceos de Europa; e con Dorothè na vila (22.00 horas), o documental sobre a vida a obra da musicóloga suíza Dorothé Schubarth, que chegou a Galicia na década dos 60 na procura de cancións do Cancioneiro Popular Galego.

A actriz e monologuista Eva Soriano promete traer unha noite divertida ao público da Praza de Quintana, onde realizará un monólogo ás 22.00 horas. Ademais, ás 21.00 terá lugar o concerto da banda Néboa, no parque de Galeras, e ás 22.30, na Praza de Mazarelos, será o turno de Rubens Consort, ensemble holandés composto pola violinista Sara Kapustin, o viola Roeland Jaggers e o chelista Sietse Jan Weijenberg; amigos que comparten a súa paixón pola música de cámara.

27 jul 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito