Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
Comeza hoxe, ás 12.00 h, a V edición deste festival infantil de curtas // Entre a escolma, ‘Blue & Malone: casos imposibles’, nomeada ao Goya á mellor curta de animación TEXTO A. Oca

Chega Pequefilmes ao Gaiás e, por primeira vez, poderá seguirse na rede

Blue & Malone: casos imposibles conta a historia dunha xornalista que, derrotada polo estrés e as preocupacións, volta ao teatro no que pasou a súa infancia; Souvenirs adéntrase na vida dun pai e a súa filla contada a través dun viaxe pola memoria e as emocións; e Night Keeper métenos no medio da natureza cona dous gardiáns que vagan polo bosque. Son as sinopses de tres das curtametraxes infantís que animarán desde hoxe aos cativos que se acheguen ao Gaiás ou que se conecten a través da rede para seguir a V edición do festival Pequefilmes.

“A escolla realizouse procurando incidir en aspectos sociais e éticos, sen perder de vista nunca o divertimento, adaptándose aos diferentes intereses e gustos dos máis pequenos da casa, e apostando sempre pola produción audiovisual de calidade”, explicou o director de Pequefilmes, Jorge Rivero, durante a presentación do festival, celebrada onte no Gaiás. Entre as curtas escollidas atópanse obras seleccionadas e premiadas nos festivais máis importantes, destacando o caso de Blue & Malone: Casos imposibles, candidata ao Goya á mellor curta de animación. A peza dirixida por Abraham López foi tamén premiada en varios festivais internacionais, como o estadounidense Something Wicked Film Festival ou o serbio MM Fest.

Outras dúas curtas españolas que se poderán ver no festival, Paraguas e Souvenir, foron seleccionadas dentro da Competición Internacional Públicos Mozos do festival Clermont-Ferrand. E, ademais, as cineastas que están detrás de Souvenir, Cristina Vilches e Paloma Canónica, formáronse en Galicia, no Máster en libro ilustrado e animación audiovisual da Universidade de Vigo. O programa inclúe tamén a estrea da curta galega Night Keeper, peza de animación de Cynthia González e Daiana Tito, producida pola Escola de Imaxe e Son de Vigo.

Durante o acto de presentación, a directora xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez, puxo de relevo as dúas novidades desta nova entrega do festival que, por unha banda, estende a programación a catro xornadas de proxeccións no Gaiás –23, 24, 30 e 31 de xaneiro– e, por outra, dá por primeira vez o salto dixital. Así, as familias poderán gozar tamén de Pequefilmes desde as súas casas, accedendo a través da plataforma tv.festhome.com, “nunha aposta pola emisión para potenciar o consumo de cultura nun momento marcado pola actual situación da COVID”, sinalou Vázquez Reboredo.

A responsable da Fundación Cidade da Cultura quixo tamén destacar a “coidada programación dun festival que, con 49 curtas seleccionadas procedentes de 18 países, se consolida ano a ano como unha oportunidade para que os máis novos da casa vexan pezas audiovisuais internacionais de gran calidade que adoitan quedar fóra do seu alcance ao non atopárense nos circuítos de exhibición convencionais”. Precisamente, engadiu, “un total de 14 das curtas escollidas estréanse por vez primeira en España en Pequefilmes, mentres que a case totalidade do programa nunca pasara antes polas salas de proxección galegas”.

As entradas para a primeira fin de semana de Pequefilmes están á venda na billeteira do Museo Centro Gaiás e en ataquilla.com –a un prezo de 3 euros máis gastos de xestión–, mentres que as da segunda fin de semana poderanse mercar a partir do vindeiro martes. No marco das medidas pola COVID, o festival adaptou as súas salas de proxección, axustando o número de prazas polo que non se repetirán as imaxes habituais das pasadas edicións con todos os cativos desfrutando uns ao lado dos outros tumbados nos pufs.

Esta vez, haberá menos público e estarán separados. Para poder seguir o evento a través de tv.festhome.com só hai que rexistrarse e mercar a entrada para a sesión escollida, a un prezo de 5 euros, ou o abono para as oito sesións do festival por trinta euros.

23 ene 2021 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito