Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Cifra de récord en setembro: máis de 45.000 pernoctacións internacionais

Tal como sucedera en xullo e agosto, o turismo español continuou en máximos históricos

Santiago. Os establecementos hoteleiros de Santiago de Compostela alcanzaron no pasado setembro 47.009 pernoctacións internacionais, a mellor cifra dende que comezou a pandemia, segundo os datos publicados polo Instituto Nacional de Estadística (INE). O turismo internacional está amosando un crecemento constante dende que se levantou o terceiro estado de alarma o pasado 9 de maio.

No mes de maio o número de pernoctacións internacionais foi de apenas 5.535. En xuño houbo 13.881. En xullo 26.962. En agosto 30.114. E en setembro subiron ata as 47.009. Este crecemento indica que o turismo internacional estase recuperando progresivamente na cidade, acompasado ao ritmo de levantamento ás restricións á mobilidade nos diferentes países.

Os datos de turismo internacional están aínda lonxe dos máximos históricos que se alcanzaran nos anos previos á pandemia. Pero a evolución mensual amosa a recuperación dos mercados internacionais. Así, no mes de maio de 2021 o descenso con respecto a maio do 2019 foi do 93%. En xuño foi do 82%. En xullo do 68%. En agosto do 53%. E en setembro do 49%.

Pola súa banda, o turismo español continuou en setembro en máximos históricos de pernoctacións na cidade, tal como sucedera en xullo e agosto, cunha forte reactivación da demanda. En setembro superáronse de novo as 100.000 pernoctacións, con 100.359, apenas 260 menos que no Ano Santo 2010. O crecemento respecto de setembro do 2019 foi do 36%.

En conxunto, entre xullo, agosto e setembro, os establecementos hoteleiros de Santiago sumaron 364.910 pernoctacións de turistas españois. É a maior cifra da serie histórica do INE. REDAC.

28 oct 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito